O primeiro avistamento de avespas asiáticas
en Europa tivo lugar en Aquitania no ano 2004.
Un cultivador de bonsais detectounas na súa veciñanza. Ademais estableceu unha
hipótese: posiblemente chegaran en caixas de cerámica chinesa que importaba de
forma regular. El xa vira esas avespas en China e constatou no inverno de 2004 a existencia de dous
niños preto da súa casa. Disparoulles e creu que os eliminara. Non sabía que as
avespas estaban mortas, pero xa enxamearan.
Con todo o primeiro en informar da súa
presenza en Francia foi no ano 2005 o
entomólogo afeccionado Jean-Pierre
Bouguet. Chamoulle a atención unha avespa que se alimentaba do froito dun caqui no seu
xardín. A pesar dos seus coñecementos
nunca antes vira un insecto como aquel en Nérac, no departamento francés de Lot-et-Garonna. Informou ao
especialista Jean Haxaire, que o
identificou como "Vespa velutina" a partir de fotos na internet.
No
mesmo departamento pero en Tombeboeuf un veciño observou a construción dun niño
na terraza da súa casa, sen saber de que especie se trataba. Un familiar deste
home recorreu ao Museo Nacional de Historia Natural, onde identificaron eses
exemplares como machos de velutina: era a primeira nidificación desta especie
que se documentaba en Francia.
Nese momento creuse que se trataba dunha
introdución accidental de obreiras chegadas de Asia que quizais construíran un
niño e se reproduciran, pero cuxos descendentes eran exclusivamente machos, de
maneira que a especie non tería éxito. Pero en abril do 2006 capturáronse novas femias de velutina en trampas colocadas a
uns trinta quilómetros de Nérac. A aclimatación confirmábase: a especie era
capaz de crear niños e reproducirse, e tamén de que raíñas fundadoras
hibernasen para crear novas colonias ao ano seguinte. Foi nese momento que o
cultivador de bonsais informou de que xa as detectara no ano 2004.
Hoxe sabemos que probablemente a súa
aparición aínda foi anterior. Seguramente unha ou varias raíñas fecundadas
chegaron desde China en barco, nun contedor onde pasaron o inverno. Os estudos
xenéticos realizados polo CNRS (Centro Nacional de Investigación Científica de
Francia) mostraron que a liñaxe da avespa invasora en Europa orixinouse nunha
rexión próxima a Shanghái en China, onde se fabrica esa cerámica para o cultivo
de bonsais, polo que aquela primeira hipótese é certa case con total
seguridade. Doutra banda, os estudos xenéticos demostraron que o máis probable
é que a liña invasora proveña dunha soa raíña fecundada por varios machos.
No ano 2006
xa se estendera, posto que as condicións climáticas da súa -entón potencial-
rexión de orixe en China eran moi parecidas ás de Francia. A abundancia de
colmeas no país e a falta de depredadores naturais favoreceu a súa expansión.
En apenas 4 anos a metade oeste do país foi ocupada polo insecto.
A posibilidade de que chegase a España estivo
moi presente desde o ano 2006 porque houbo avistamentos preto dos Pireneos.
Juli Pujade, da Universidade de Barcelona foi informado de que prestase
atención. Pero é moi difícil detectar os primeiros niños, polo que non foi ata
o ano 2010 cando se confirmou a súa
presenza en España.
En Galicia foron avistados os primeiros
exemplares na costa de Lugo no ano 2011.
Á comarca de Ordes tardaron outros
tres anos en chegar pero en 2014
foron vistos nos concellos de Cerceda e Ordes. Na actualidade, desde o seu
punto de partida francés, a velutina xa puxo o pé en 10 países europeos (e os
que quedan!).
Claire
Villemant, investigadora do Museo Nacional de Historia Natural de Francia,
formaba parte do equipo que identificou as primeiras velutinas e documentou a
súa aclimatación en Francia. Na súa opinión a velutina xa é imposible de
erradicar e o que queda é protexer as colmeas o mellor posible (colocando
trampas nas súas inmediacións) e utilizar buceiras para manter aos avispóns
afastados da entrada da colmea e así permitir que as recolectoras renoven a súa
actividade, porque máis que a depredación é a parálise das obreiras á entrada
da colmea e o cesamento da procura de alimento o que provoca a maior
mortalidade das colmeas.
Doutra
banda as abellas asiáticas (Apis cerana) saben defenderse das velutinas e as
abellas europeas (Apis mellifera) que viven en Asia desde hai moitas décadas
mostran agora o mesmo tipo de comportamento aínda que menos eficiente. Algúns
apicultores observaron algo parecido en Francia, especialmente coa abella negra
(Apis mellifera mellifera), a variedade local. Así que é posible que a longo
prazo as abellas europeas tamén aprendan a defenderse, aínda que a costa dunha
gran mortalidade.
En todo caso, o que é seguro é que debemos
estar preparados para compartir a nosa vida futura coas velutinas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario