sábado, 21 de enero de 2023

A familia Viqueira (Casal)

 
   As fértiles terras do Casal deron acomodo a algunhas das máis ricas familias campesiñas da parroquia: Barreiros, Martís, Ferreiros... 
  Preto da intersección coa estrada que vai ao Bidueiro vivía outra desas familias, os Viqueiras. O patriarca foi José Viqueira Martínez. Sabemos que non tivo boa relación cos seus veciños os Martís, pois tivo un xuízo contra eles en 1926, e tampouco se levaba ben co seu cuñado Marcelino Conde. Casou con Estrella Conde Barreiro, irmá de José, o patriarca dos Condes do Bidueiro, e de Manuela a Conda, matriarca dos Recousos de Parada. 
 
 
  O matrimonio tivo 8 fillos que chegaron á idade adulta: Manuel, José, Dolores, Carmen, Ricardo, Manuela, Laureano e Josefa. Tamén houbo polo menos un, Marcelino, que morreu sendo un neno de 11 anos.
 
Manuel Viqueira Conde o Ferrador (1901-1976) instalouse no Recreo e casou con María Moar Pérez, tamén primoxénita de Jesús Mª José Moar e Generosa Pérez, quen morrería ao dar a luz o seu 2º fillo, Manolo dos Ramos (o que tivo un ultramarinos en Alfonso Senra, hoxe decorado cun impactante mural de Liqen Jakkala). Manuel e María tiveron tres fillos: Jesús, Arturo e Estrella. Manuel pasou os últimos anos na Coruña.
  
José Viqueira Conde (1903-1987), o segundo fillo, foi o que quedou na casa familiar. Casado con María Castiñeiras González (1924-2015), unha moza de Xesteda, tiveron 6 fillos: José, Manuel, Josefa, Mª Carmen, Ricardo e Jesús, a maioría deles vivindo no Casal. Quizais o último, Jesús Viqueira Castiñeiras Viki, é o máis coñecido porque traballou en Correos, tivo actividade política e estivo relacionado sempre coa promoción do folclore galego, participando en "Sementes do Arte" e dirixindo o Grupo de Danzas de Leira. 
 
Dolores Viqueira Conde (1904-1992) casou con José Landeira Ríos (1900-1992) con quen viviu no Castro (Parada) na entón chamada Casa Ríos porque a propietaria fora María Ríos Mosquera, mentres o seu marido, Manuel Landeira Regueiro, proviña de Castenda. Dolores e José tiveron 5 fillos, dous dos cales emigraron a América. A que quedou na casa familiar foi a última, Mª Balbina, que casou con José Bermúdez e é a nai do coñecido José Luis Bermúdez Landeira. 
Carmen Viqueira (?) casou con Domingo Rivas Viqueira o Compoñedor da Tiopeira (1905-1974) con quen viviu en Esmorís e co que tivo unha única filla, María, que casaría con Andrés Cancelada, o conserxe do Colexio Castelao. Carmen morreu moi nova e está soterrada no cemiterio de Buscás.
 
Ricardo (1909-2000) casou con Manuela Rama Regos (1919-1995), a primeira dos 11 irmáns Rama Regos, máis coñecidos como os de Alberte do Casal, por ser fillos de Alberto Rama Ríos e María Regos Recouso. Establecéronse na Reverencia e só tiveron un fillo, tamén chamado Ricardo. 
Manuela (1911-2003) casou con José Moure Castro, coñecido como Lucas de Villaverde (en realidade Lucas era o seu pai), con quen tivo tres fillos: Flora, José e Josefa. José de Lucas, o fillo mediano, foi o que quedou na casa familiar ata a súa tráxica morte. 
Laureano (1915-1985) casou con María Martínez Viqueira e viviron en Guindibóo. 
Finalmente Josefa Viqueira Conde (1916-1992) viviu en Esmorís (Buscás) porque casou con Manuel Martínez Viqueira, máis coñecido como o Caseiro dos Murís, que morreu en accidente de tráfico en Merelle no ano 1984. Con el tivo 4 fillos: Estrella, Laureano, Isabel e Julia Martínez Viqueira (cos mesmos apelidos que o pai).
 

2 comentarios:

  1. Buenas tardes. Quería saber dónde puedo buscar información acerca de Alberto Rama Ríos, ya que es un ancestro de mi familia

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Alberto Rama Ríos (m.1972) coñecido como Alberte do Casal tivo 11 fillos. O último, Ramiro Rama Regos, vive aínda na casa familiar do Casal. Tal vez poida poñerse en contacto con el enviando unha carta a esa dirección. Saúdos.

      Eliminar