As eleccións do 16 de febreiro de 1936 foron gañadas pola Fronte Popular en España, pero isto non supuxo un cambio inmediato en Ordes. Os elementos de esquerdas fixeron unha gran celebración na casa de Juana García Mouriño, matriarca dos de Carballo e tía de García Gerpe. Tamén se manifestaron pola vila ao día seguinte, pero a constitución da nova corporación non tivo lugar ata o 7 de marzo, case tres semanas despois. Sería delegado gubernativo Manuel García Rivas (con amplas facultades, mesmo a de elixir concelleiros) e constaba dos seguintes integrantes: 11 membros de Izquierda Republicana, 4 do Partido Galeguista e 2 do Partido Socialista.
Alcalde: Antonio Fuentes Gonzálvarez, Ordes. IRO día 8 de marzo, con gran xolda, trasladan documentación e mobles nun camión ata a nova Casa do concello, o domicilio do propio García Rivas, alegando mal estado da anterior. O 15 de marzo, apenas unha semana despois, ignoramos a razón, o Gobernador Civil destituíu ao alcalde Antonio Fuentes, que sería substituído o 26 de marzo polo profesor de Carral Germán Doval García, sendo alcalde interino durante ese breve lapso Pedro del Río Caramelo.
Inmediatamente comezaron as represalias.
Investigouse a actuación do alcalde de dereitas Antonio Concheiro Iglesias durante o seu mandato desde o ano 1931.
Obviamente realizáronse acusacións de falsificación de documentos e malversación
de fondos públicos e enviouse un informe ao presidente da Audiencia Provincial.
Tamén se pediu a suspensión de emprego e soldo do médico municipal Antonio Concheiro Rodríguez, pai do
anterior, ao que acusaron de cobrar por atender a familias pobres e por expedir
cobrando certificados de defunción e pobreza. Ese mes de abril foron detidos por reunión ilegal Antonio Concheiro, Juan Amigo Iglesias (avogado), Jesús García Calvo (escribán) e as mulleres Jesusa Ramos, Carmen Prego, María Candal e Dolores Ferreiro.
Logo chegou a hora dos proxectos: elaboración dunha listaxe de pobres de solemnidade para que puidesen recibir asistencia gratuíta e creación de escolas mixtas en Montaos, Parada e Vilamaior. Pero, como sempre, a escaseza de fondos impediu que chegasen a bo porto. Si houbo o habitual cambio de nomes de rúas. A rúa do Recreo que ata entón era "Saturnino Aller" (o cacique da restauración), pasou a ser denominada "Santiago Casares Quiroga", nese momento ministro de Obras Públicas e do mesmo partido que a maioría da corporación.
En maio unha comisión de destacados da Fronte Popular viaxan a Madrid para visitalo e tentar conseguir diñeiro para os seus proxectos.