Era o 4 de decembro do ano 1882 cando Ordes espertaba estarrecido.
Na parroquia de Leira, no lugar entón chamado Cano da Vila (o que hoxe é o final sur da recta onde está o
restaurante Chaussy II) atopouse o
cadáver dun home cuberto de lama e sangue.
Cando se limpou o corpo, que estaba acribillado
a puñaladas, foi identificado como José
Viqueira Vázquez, un veciño de Poulo entrado en anos que volvía cara á súa
casa despois de ter ido á feira das Travesas.
Varias persoas vírono durante esta última
viaxe en compañía de catro veciños seus que tiñan o oficio de caldeireiros e,
por ese motivo, eran coñecidos como os "caldeireiros
de Poulo". Algúns oíran a José Viqueira discutir con eles na feira e
no Mesón do Vento, polo que se converteron nos sospeitosos máis lóxicos.
Pero, instruído o sumario e consultadas
moitas testemuñas non se chegou a ningunha conclusión clara e houbo que ditar
auto de sobresemento.
Así pasaron seis anos e o crime parecía que
ía quedar impune cando houbo un novo golpe de efecto: no ano 1888 dous presos do cárcere de
Cartagena, Constantino López e Manuel Andrés Rodríguez, ambos os dous
da zona de Ordes e cuns 17 anos no momento do crime, escribiron ao fiscal
imputando aos caldeireiros e explicando que non declararan antes polo temor que
lles tiñan.
Abriuse de novo o precedemento, oíronse novas
testemuñas, algunhas das antigas cambiaron lixeiramente ou bastante as súas
declaracións e resultou que había motivos para deter aos catro sospeitosos: Andrés Suárez Gómez, Ramón Suárez Gil, Ceferino Martínez Bernardo e
José Varela Galán.
En xullo de 1889 tivo lugar o xuízo. Foron defendidos con elocuencia polo
avogado Alfredo Vilas, pero o
fiscal Buenaventura Plá de Huidobro
tiña mellores naipes. Quedou demostrado que José Viqueira, con bastante alcol
no corpo, viñera discutindo cos acusados ata que nun momendo dado o apuñalaron
(ata 19 veces!). O fiscal pediu 20 anos para eles, pero finalmente foron
condeados a 14 anos, 8 meses e un día.
Unha das testemuñas que os exculpara, Andrea Corbelle, tamén levou unha pena
menor.
Curiosamente no ano 1890 marcharon a cumprir
a súa pena á prisión de Cartagena.
Durante moitos anos unha cruz á beira da
estrada N-550 marcou o lugar onde morreu José Viqueira. Co tempo perdeuse a
memoria do crime e a xente pensaba que estaba alí posta por un accidente de
tráfico. Coa remodelación da estrada tamén desapareceu a cruz pero non o lugar.
Descansen en paz todos eles.
No hay comentarios:
Publicar un comentario