Setembro
de 1998 foi o momento da aparición
do primeiro cómic* producido e
publicado na comarca de Ordes e que ademais tiña unha temática local.
O
autor, Xan Ferreiro de 38 anos,
vivía naquel momento en Ponteceso porque era profesor de Educación Primaria en
Cabana de Bergantiños. Gran afeccionado ao cómic, levaba desde os anos
80 debuxando baixo guión propio páxinas soltas coa idea de chegar ás 48 dos
clásicos álbums franco-belgas. Cando alcanzou esa cifra, contactou con Edicións
Xerais que se negaron a publicalas porque non vían mercado suficiente para o
cómic non subvencionado (aínda que doutra banda lle propuxeron ilustrar libros
infantís). Manuel Pazos, o creador
da asociación Obradoiro da Historia
coa que Xan colaboraba, aconselloulle a autopublicación de 500 exemplares e
ofreceuse para a distribución. Así, a finais de ano apareceu en librerías e
tendas da Coruña, Santiago, Sigüeiro, e por suposto Ordes "Valadouro & Co".
As historias autoconclusivas seguían as andanzas de Xan Valadouro, un
mozo "mediocre nos estudos, pobre, baixo e non moi guapo, co estómago
estragado, preocupado pola caída do seu cabelo e porque as rapazas non lle facían
caso". De paso, aínda que el non o dixese, era bastante pedante. Como todo bo antiheroe que se prece
as historias de Xan adoitaban acabar mal.
Do
mesmo xeito que Xan estaba baseado no propio autor, os secundarios tamén se
inspiraban nos seus amigos e en personaxes reais de Ordes, porque aínda que
Valadouro vivía nunha vila chamada Torpes, a primeira viñeta deixaba ben claro
onde se enmarcaba a historia.
O éxito
foi total. Vendéronse os 500 exemplares e hoxe a revista é practicamente
imposible de atopar. O autor foi entrevistado por Carlos Portela (o Doutor TNT) e algúns dos seus amigos apareceron
na TVG no "Xabarín Club". En Ordes especialmente celebrada foi a
páxina 23 "Marcados polas urnas" onde se caricaturizaba aos tres
líderes políticos de entón: Teodosio Martino, Jaime Ferreiro e Ramiro Recouso.
Catro anos despois sairía unha 2ª parte, "Valadouro & Co2",
pero esa xa é outra historia.
* Polo menos
o primeiro cunha comercialización "profesional" porque pola mesma época
Pedro Fernández Faya tamén facía cómics, como "Capitán Greenpis" (1995), que fotocopiaba e distribuía ás súas amizades.
No hay comentarios:
Publicar un comentario