lunes, 13 de agosto de 2018

Un tranvía en Ordes?

  O principio da década dos 20 estivo marcado pola moda do tranvía. A Coruña dispoñía de tranvía eléctrico desde 1913 (fora inaugurado en 1903, pero con mulas) e nesta década construíronse os de Sada (1922) e Marín (1923).
  Un dos proxectos que se barallaron foi construír unha liña entre A Coruña e Santiago. O promotor era o Banco "Sobrinos de José Pastor" (o futuro Banco Pastor), que, como indicaba o seu nome, estaba comandado polos sobriños de José Pastor y Horta: Pedro Barrié y Pastor (que en 1915 engadiu como socio ao seu fillo Pedro Barrié de la Maza) e Ricardo Rodríguez Pastor, que en 1921 era o xerente da empresa.

  Ordes sabía ben o que valía ter unha gran vía de comunicación. A estrada que atravesaba a vila era unha enorme fonte de riqueza. Lonxe xa dos tempos dominados en solitario pola ferro-carrilana, agora había varias empresas de autobuses facéndose competencia (La Regional, El Noroeste, Castromil, El Compostelano, El Brigantino ...), algún camión en Carral e Ordes que levaban mercadorías -e aproveitando, ás veces xente- máis un número cada vez maior de automóbiles "tantos, que xa non podía un deixar tranquilo aos nenos na porta de casa". 


  Unha liña férrea podía ser aínda mellor. O exemplo perfecto era Curtis, unha pequena vila de interior que desde 1883, momento en que se construíu a estación ferroviaria onde tiñan que parar os trens de vapor para botar auga, viviu un auxe económico sen precedentes. Un tranvía non era exactamente o mesmo pero axudaría moito ao desenvolvemento da zona.

  Por iso causaron consternación en Carral, Herves e Ordes os rumores de que o trazado se apartaría (nalgúns casos, moito) da estrada. Ordes foi quen máis se moveu para reverter esta situación.
  Unha significada Comisión da "progresiva localidade" foi en outubro de 1921 á Coruña para presentar en persoa o seu caso á empresa. Estaba presidida polo alcalde Manuel García Bermúdez acompañado do recadador de Contribucións Ricardo Amor del Río, o secretario do Xulgado municipal José Sánchez Somoza e o comerciante e banqueiro Juan Liñares Iglesias. Presionaron para que a distancia de 5 km á vila se vise acurtada o máis posible, para o que daban todas as facilidades. A resposta de Ricardo Rodríguez foron boas palabras e moitas promesas, polo que saíron da reunión altamente satisfeitos.
  Aproveitando a súa estancia na Coruña, ocupáronse tamén da pretendida supresión ou redución de categoría da Administración de Correos de Ordes, que rexía Manuel Bernárdez, e que a deixaría convertida nunha estafeta rural como tantas outras.

  Poucos días despois, dado que estaba en Ordes o enxeñeiro encargado da obra, José Fernández-España, outra comisión de veciños acompañada do párroco don Nemesio Morgade volveu a insistir no tema. O enxeñeiro contestoulles que o máximo que a liña se podía achegar á vila eran uns 2 Km debido á diferencia de altura do terreo. A reunión foi de novo descrita como moi satisfactoria.

  Como sabemos hoxe, o resultado de tanta preocupación e tantas xestións foi inútil. Ao final non houbo tranvía. En canto ao tren, comezaron as obras da liña férrea entre Santiago-Coruña en 1927 pero paralizáronse en 1932. Houbo que esperar ata 1943, catro anos despois da guerra civil, para que o tren pasara... máis ou menos por onde estaba previsto naquel vello proxecto do tranvía.

No hay comentarios:

Publicar un comentario