jueves, 28 de marzo de 2019

O pazo do Bidueiro

  Un dos máis antigos e importantes pazos da comarca de Ordes está no mesmo centro, a propia parroquia de Ordes, no lugar do Bidueiro a uns 2,5 Km ao oeste do centro da vila.

 
  Data do século XVII pero foi reformado nos séculos XIX e XX.
  A súa planta, case rectangular, está formada por un corpo cadrado e outro que se retranquea na fachada Norte. Feito maioritariamente de cachotaría enfoscada e pintada de cor branca, tamén ten perpiaños de granito na zona das fiestras.

  O terreo está amurallado e rodeado por un vello e frondoso arboredo. O edificio está próximo á estrada que une o Bidueiro co Casal e un muro divide en dous patios o espazo que hai diante del. A horta, separada por outro muro, está dedicada a pastos e árbores froiteiras. Hai un hórreo perfectamente restaurado nos xardíns e unha pequena capela, dedicada a San Xoán, fóra das murallas do pazo.
  Na fachada oriental hai un escudo do século XVIII no que aparecen 9 ramas familiares dos propietarios. Tamén hai outro escudo máis pequeno e menos ornamentado na fachada da capela. 


  Foi construído no século XVII pola poderosa familia dos Becerra. Durante varias xeracións procuraron casar entre eles, para aumentar os seus bens, anexionando os das outras ramas da familia.
  Esta tradición rompeuse no século XVIII cando Mª Esclavitud Becerra Varela casou con Bernandino José de Rioboo y Suárez de Deza (1714-1775), fillo dos señores das Torres do Allo en Baio (Zas) e do Pazo de Cabanas na ribeira do Eume. Non obstante ter todas estas posesións (ademais dunha casa na Rúa Nova en Santiago da familia Becerra) a súa vivenda principal era neses momentos o Pazo de Gontón nas Encrobas (Cerceda).
 En 1775 Nicolás Mª Rioboo Becerra (e ademais Varela e Seixas) acumula todo este patrimonio que deixa ao seu fillo Francisco Rioboo Roldán. En 1869 a herencia recae na única filla deste, Francisca Rioboo Álvarez.

  Francisca intenta continuar a tradición familiar casando co seu primo Nicolás para manter a linaxe Rioboo, pero este morre en 1869 sen descendencia. Entón Francisca casa co coñecido naturalista Víctor López Seoane (m.1900) co que tería moitos fillos. Á súa morte (1920) e xa posta, rompeu tamén a outra tradición familiar, a de que o patrimonio quedase unido para o primoxénito e repartiuse entre algúns dos seus fillos, os López Rioboo.
  O Pazo do Bidueiro correspondeulle a Francisco López Rioboo (m.1920), casado con Sara Tenreiro Berdié e logo, herdouno o seu fillo Francisco López-Rioboo Tenreiro (1911-1999), que foi enxeñeiro agrónomo. Este casou en 1938 con Mª Dolores Latorre Béthencourt Loló (1918-2011) e residiron en Madrid co que se desentendeu bastante do seu patrimonio en Galicia.
  Un dos seus fillos, Juan Luis López-Rioboo Latorre, era o último membro da familia (que saibamos) no que recaeu a herencia.


  Na primeira década do século XXI os propietarios do Hotel Barreiro de Leira fixéronse cargo do pazo e convertérono no mellor escenario para celebrar eventos, especialmente vodas. Hoxe é un dos lugares de moda na comarca para este tipo de celebracións.

No hay comentarios:

Publicar un comentario