No ano 2008 Ordes cambiou de escudo. A Comisión de Heráldica da
Xunta presentou unha proposta que foi aprobada nun pleno municipal o 28 de xaneiro.
O Consello da Xunta aprobou o 17 de xullo a nova bandeira e escudo oficial do Concello
de Ordes.
O informe da Comisión
Heráldica da Xunta definía o blasón ordense como «un escudo que leva un xaquelado de tres e cinco ordes de sable e ouro;
borde de azur con sete flores de lis de ouro e seis torres de ouro aclaradas de
sinople, timbrado de coroa real pechada».
O xaquelado representa a
histórica linaxe dos Bermúdez, cuxa
orixe remóntase aos Condes de Traba nos séculos XI e XII que eran os señores do
antigo solar de Santa Cruz de Montaos. As torres e as flores de lis rememoran o
antigo escudo do concello.
A bandeira descríbese así: «un pano terzado en vertical; primeiro de verde cunha torre en amarelo aberta; o centro xaquelado de oito celas de cor negra e sete de amarela; e terceiro, de verde tres flores de lis mal ordeadas».
A bandeira emprega os
mesmos elementos que o escudo pero cambia a cor azul pola verde coa que se quería
resaltar, tanto o carácter rural do concello como o seu compromiso co medio
ambiente.
No hay comentarios:
Publicar un comentario