viernes, 25 de marzo de 2016

Os fusilamentos de Leira

  Entre 1833 e 1840 tivo lugar a Primeira Guerra Carlista.
  O goberno tiña na estrada da Coruña a Santiago dous destacamentos de tropas que obraban en combinación. Un asentábase en Sigüeiro e outro en Leira. Este último estaba no lugar de Castrelos ao lado leste da estrada no que durante moito tempo coñeceuse como o Forte.
  Participou en numerosa accións e os carlistas atrapados eran fusilados sumariamente como deixou recollido o párroco don José Mª Camba y Agra (que era irmán de Margarita, muller dun antepasado dos Veiras de Pardiñas).
  A seguinte relación de feitos foi publicada no Almanaque Gallego en 1917, grazas a Domingo A. Moar Veiras que lles pasou as copias das partidas.

  Al folio 32 del libro 2º de defunciones de esta parroquia hay las siguientes partidas:
  En 7 de febrero de 1837 se le dio sepultura en la novena de tres r.s del cementerio de esta parroquia al cadáver de José Novoa* que ha sido fusilado por orden del Sr. comandante del destacamento de esta parroquia D. Fabián Montaño, al que aprehendió en la noche de ayer con las armas en la mano como faccioso*, ignoro su naturaleza y vecindad, antes de meterse en la facción es notorio que ejerció el oficio de cantero en la parroquia de Queijas (en donde se había proclamado para contraer matrimonio) y en otras de esta inmediación, recibió los auxilios de nuestra Santa Madre Iglesia habiéndose confesado con el presbítero D. Benito Marín, vecino de esta parroquia y lo firmo como cura de la misma José María Camba.

  En el día 29 de abril de 1837 se dio sepultura en el atrio al lado del mediodía de esta parroquia a dos cadáveres, uno de Manuel Barros y otro de José Ríos que han sido fusilados el mismo día por una columna mandada por D. Genaro Fernández Cid en el lugar de Castrelos de esta parroquia después de haber recibido el Santo Sacramento de la Penitencia se me aseguró que el primero fue vecino de Cinis* (y está sepultado al naciente) y el segundo de Santa María de Dordaño* cuyo cadáver está sepultado al poniente. Son las dos únicas sepulturas que se hallan al otro lado de esta iglesia parroquial de Santa María de Leira. Le apliqué una misa cantada con dos señores sacerdotes los que también han celebrado cada uno suya en esta misma mañana por intención de los mismos y el oficio de sepultura. Leira, abril 29 de 1837 - José María Camba.

  Al folio 34 y vuelto hay la siguiente:
  En el día 15 de agosto de 1837 fueron fusilados en el lugar de Castrelos de esta parroquia por orden del Teniente del provincial de Lugo Comandante del destacamento de dicho lugar Manuel Barral vecino de San Salvador de Juanceda o de San Cristóbal de Mesía, un tal Santiago desertor del mismo provincial de Lugo, otro muchacho al parecer menor de 14 años conocido por el nombre del Pitero, otro llamado Ramón Viqueira hijo de Domingo vecino de San Pedro de Ardemil, y otro conocido por el Carbonero, casado vecino de Altamira , camino de esta para Coruña se han confesado todos cinco y fueron auxiliados dos horas que les destinaron para este efecto por el Sr. D. Juan Manuel López cura párroco de Ardemil, D. Luis Cueto que lo es de Órdenes, D. Pedro Calvo y D. Manuel Bermúdez presbíteros de Santa Marina de Parada y yo el infrascrito, murieron con muestras de grande contrición. Fueron conducidos por disposición del alcalde de este en un carro al atrio de esta parroquia a cuyos cadáveres acompañé desde el sitio de su muerte hasta dicho atrio en el que y al lado norte del cementerio enlosado hallé abiertas las cuevas dos hacia la parte de la iglesia de par en las que se les dio sepultura al Barral y a su derecha el Santiago y las otras tres a la cabeza de estas en las que se dio sepultura primero al Pitero, a su derecha Viqueira y a la de este el Carbonero por el modo que se enumeran al margen y figuran considerando los pies de los sepultados a la presente del número se marcó cada sepultura con cuatro piedras en las esquinas o ángulos, enseguida celebré una misa por sus ánimas. Estos fueron aprehendidos por dicho teniente y su compañía o gente se su mando el día 14 en el lugar de Birís parroquia de Queijas con armas como facciosos o defensores de Carlos Quinto, queda en blanco el resto de esta llana para apuntar el nombre y vecindad de aquellos que aun lo ignoro uego que lo averigüe y por ahora firmo esta. Leira, agosto de 1837, José María Camba.

  Al folio 33 consta que en 24 de mayo de 1838 se dio sepultura al cadáver de un miñón* fusilado en el lugar de Castrelos por haber desertado de su compañía destacada en Herbes (Ayuntamiento de Carral) de la que era capitán D. Capistrano Martínez y haberse unido a los facciosos -Item- Que en 7 de junio de dicho año falleció en el cuerpo de guardia del repetido lugar de Castrelos Agustín Suárez, vecino de San Cristobal de Mesía, de resultas de heridas recibidas cuando fue capturado en la casa de José Candal, parroquia de Ardemil por la tropa que mandaba el teniente del provincial de Lugo D. Miguel Rodríguez.

  Al 36 consta que en 29 de septiembre de 1839 fueron fusilados como facciosos Manuel Mosquera y Rosendo Ansede, casados y vecinos aquel de Vilasantar y este de Poulo por la tropa que mandaba el comandante del puesto de Castrelos D. Andrés de la Fuente.

  En el 37 aparece fusilado como faccioso Francisco Carneiro, conocido como el Portugués, natural de Tomiño. Su cabeza quedó colgada en un palo junto a la carretera que pasa para Coruña.

* No orixinal está escrito José Noboa.
"Faccioso" era o termo habitual empregado para os carlistas.
Cines e Dordaño son dúas parroquias de Oza-Cesuras.
Un miñón era un soldado de tropa lixeira destinado á persecución de ladróns e contrabandistas.

jueves, 24 de marzo de 2016

Apelidos de Ordes (IGE)

  Velaquí os apelidos máis frecuentes de Ordes segundo o Instituto Galego de Estatística. Se comparades cos datos do Instituto da Lingua Galega que están noutra entrada deste blogue, veredes que non coinciden exactamente pero si son bastante aproximados.


  A maior discrepancia está no apelido Fernández que figura aquí no 9º posto, mentres que para o ILG ocupa o 13º lugar.
  Outra variación é que no ILE Mosquera (6º con 520 portadores) está por enriba de López (7º con 484), mentres aquí sucede ao contrario. O mesmo ocorre con Veiras e Villaverde uns postos máis abaixo.

sábado, 19 de marzo de 2016

Historia do Mesón do Vento


  Velaquí unha pequena historia do Mesón. Preme na ligazón e saberás algo máis da segunda vila en importancia do noso concello.
HISTORIA DO MESÓN DO VENTO

  A historia do Mesón do Vento parece comezar nos anos 70 do século XVIII.
  Ata entón a principal vía de comunicación da provincia era o Camiño Real -o que hoxe denominamos Camiño Inglés- que pasaba por Bruma e Cabeza de Lobo, pero en 1764 comezou a construción do "Camiño Novo" (agora a N-550) que fixo aumentar a poboación ao longo do seu trazado e, simultaneamente, provocou un estancamento na área do camiño antigo.

  É evidente que xa existía o lugar do Mesón do Vento e é posible que xa houbese algunha casa con anterioridade, pero debemos vencellar o seu nacemento como vila á nova ruta.
 
    Máis antiga que o Mesón é a aldea da Adina na que se celebraba unha feira os terceiros sábados do mes que se converteu nunha das máis importantes e famosas da provincia no século XIX, aínda que a súa orixe é moi anterior (xa aparece mencionada no Catastro del Marqués de la Ensenada do ano 1750). A finais do século XIX abandonaría o seu emprazamento orixinal e pasaría a celebrarse na gran explanada do Mesón.

  En 1822 o cartógrafo Domingo Fontán parou a comer no lugar. No seu caderno escribiu en castelán "Mesón del Viento". Evidentemente xa había algún tipo de establecemento para atender aos viaxeiros despois da temible subida de Herves.
  En 1835, durante a 1ª guerra carlista, unha partida de carlistas da zona de Sobrado atacaba ás dilixencias no Mesón.
  En 1846 edítase o Diccionario de Madoz. Nel méncionase o lugar de “Mesón del Viento” pero sen aportar ningún dato máis. Da Adina dise que tiña 3 veciños (casas) e 14 habitantes. A feira duraba seis horas e asistía xente desde 3 ou 4 leguas de distancia -ata 20 km!- basicamente para comprar gando, aínda que tamén se vendía gran.

  Ao longo do século XIX o Mesón era un lugar de paso. Á metade de século constrúese o camiño cara a Betanzos polas Travesas. Abundan as narracións de viaxeiros contando como os rapaces mendigaban cando algún viaxeiro se detiña.
  No ano 1905 sufriu un incendio a pousada onde paraban as dilixencias. Afortunadamente só houbo un ferido. 
  Neses tempos a feira da Adina era tan famosa e concorrida que atraía tamén a unha cantidade importante de xente de mal vivir. Eran habituais os conflitos entre os asistentes: coiteladas, garrotazos… e diversos delitos como roubos e moeda falsa (1891). En 1909, por exemplo, tres bandidos roubáronlle a un tratante 528 pesetas!
  En xaneiro de 1912 a feira da Adina aumenta a súa periodicidade, celebrándose tamén os primeiros sábados de mes (antes da das Travesas) "sen impostos".

  No ano 1915 o madrileño Alejandro Pérez Lugín publica "La casa de la Troya".
O protagonista da novela pasa polo Mesón do Vento do que da unha pobre descrición: unhas poucas "casucas" negras e uns rapaces esfameados e sucios. Os estudantes da novela róubanlle chourizos e pan á iracunda pousadeira que aínda así no perdeu cartos.
  O éxito da novela e da posterior película fai que o nome do Mesón sexa coñecido en toda Galicia.
  Comeza a haber automóbiles e o número de accidentes e avarías preto do Mesón é alto.


  En 1921 incéndiase a casa chamada “A antiga”. Houbo que intentar apagar o lume con terra por falta de auga.
 A feira da Adina segue medrando. Pónselle un imposto para comprar unha báscula pero o alcalde de Ordes, Manuel Rivas, suprímeo en 1925. Nese tempo Antonio Ramos Insua era o máis rico propietario da zona.
  Avecíñanse tempos duros. Os membros das asociacións agrarias teñen conflitos cos non asociados e as dereitas coas esquerdas. Todas estas tensións desembocarán na Guerra Civil de 1936.

  Despois da guerra o Mesón sufriu as mesmas penurias que o resto de Galicia e España. A economía da vila seguiu dependendo da feira e da estrada N-550. A emigración á Coruña, a América e logo a Europa foi a única maneira para moitos de escapar da fame.
  En 1946 o Mesón seguía sendo bastante pequeno. Había unha gran explanada onde se celebraba a feira, algunhas casas na Folgueira e logo varias máis ao longo da estrada nacional, entre elas as tres máis importantes: o mesón de Celsa, onde paraban os autobuses, a casa de Armas ou de Raposo do lado norte e a de Hilario (o estanco) que estaba máis ao leste.
  Nos anos seguintes o Mesón foi medrando moi lentamente. Nos anos 50 xa se fixera a estrada a Cerceda e un desnivelado campo de fútbol ao seu carón.

  Os anos 60 foron unha época de pequenos cambios. O crecemento da vila viuse obstaculizado porque moitos dos mellores terreos estaban en mans de dona Celsa Ramos.
  En 1963 estableceuse a nova emisora de RNE (traída de Arganda) e a antena converteuse na imaxe máis representativa da vila. Un ano despois, en 1964, erixiuse a igrexa en terreos cedidos por dona Celsa Ramos.
  En 1967 unha avioneta francesa estrelouse e morreron os seus tres tripulantes.
  Nos anos 70 a feira da Adina sufriu a competencia da de Ordes. Logrou gañar esa batalla pero non puido coa dos cambios socioeconómicos do país. Hoxe só é unha fracción do que en tempos foi.

   A construción da Central Térmica de Meirama a partir de 1974 foi un momento de gran auxe económico e demográfico para toda a zona pero sobre todo para o Mesón do Vento. Isto propiciu a creación en 1979 do colexio público, en gran parte polos esforzos do profesor Roberto Forján. Este bo momento durou máis de dez anos. En 1987 tivo que ser ampliado o colexio debido á gran cantidade de rapaces que enchían as aulas.
  Pero a mediados dos 90 comezou a caída demográfica. O colexio perdeu alumnos, cousa que se agudizou co traslado dos  grupos de 7º e 8º ao instituto “Maruxa Mallo” de Ordes debido á LOGSE. Houbo protestas que non serviron de nada.

  En setembro do ano 2000 comezou a construción da nave do campo da feira. No 2005 arranxouse todo o entorno e o Mesón do Vento acadou -máis ou menos- o seu aspecto actual.

lunes, 14 de marzo de 2016

O escudo de Ordes

  No ano 2008 Ordes cambiou de escudo. A Comisión de Heráldica da Xunta presentou unha proposta que foi aprobada nun pleno municipal o 28 de xaneiro. O Consello da Xunta aprobou o 17 de xullo a nova bandeira e escudo oficial do Concello de Ordes.
 O informe da Comisión Heráldica da Xunta definía o blasón ordense como «un escudo que leva un xaquelado de tres e cinco ordes de sable e ouro; borde de azur con sete flores de lis de ouro e seis torres de ouro aclaradas de sinople, timbrado de coroa real pechada».

  O xaquelado representa a histórica linaxe dos Bermúdez, cuxa orixe remóntase aos Condes de Traba nos séculos XI e XII que eran os señores do antigo solar de Santa Cruz de Montaos. As torres e as flores de lis rememoran o antigo escudo do concello.


  A bandeira descríbese así: «un pano terzado en vertical; primeiro de verde cunha torre en amarelo aberta; o centro xaquelado de oito celas de cor negra e sete de amarela; e terceiro, de verde tres flores de lis mal ordeadas».
  A bandeira emprega os mesmos elementos que o escudo pero cambia a cor azul pola verde coa que se quería resaltar, tanto o carácter rural do concello como o seu compromiso co medio ambiente.

miércoles, 9 de marzo de 2016

De onde ven o nome Ordes?

  Ordes é un topónimo controvertido. Hai varias teorías sobre a súa orixe.

  Segundo a tradición popular o nome faría referencia ás "órdenes" ou comunicacións postais chegadas á vila ao ser construída a actual estrada A Coruña-Santiago, tradición defendida polo cronista local Manuel Astray Rivas. Contra esa idea temos a documentación antiga, que testemuña a presencia do topónimo Órdenes xa no ano 1607 nunha memoria do Cardenal Jerónimo del Hoyo que se refire aos "quarenta y quatro feligreses" que por entón poboaban a freguesía de "Santa Maria de Ordenes".

  O lingüista Abelardo Moralejo Lasso, na súa obra "Toponimia gallega y leonesa" que escribiu en 1977, propón (con reservas) a hipótese de que procede de hordeis que ven sendo o dativo-ablativo da palabra latina hordeum -cebada- apoiandose nunha abondosa toponimia causada polo cultivo de este cereal. Sería algo así como campos de cebada.

  O investigador Manuel Vidán Torreira suxire a posible presencia dunha orde militar ou relixiosa no lugar. Neste caso podería provir de ordo-ordinis -fila, formación- e ata sería posible que o topónimo orixinal xa fose Órdenes sen ser unha castelanización moderna. Sería un caso parecido ao de Laracha onde existiu unha villa Ordini documentada no ano 990 ou o lugar de Ordes en Rairiz de Veiga (Ourense) documentada desde 1061 como sancta María de Ordines. Un punto a favor desta teoría é a existencia do topónimo A Bailía bastante preto da vila.

  O investigador da UCS Edelmiro Bascuas López sostén que Órdenes é unha de tantas castelanizacións caprichosas que se deron ao longo da historia e que o prefixo  ord ou urd  é un hidronímico, é dicir, fai referencia á auga, neste caso, a un río. Comparte prefixo con Ordizia (Euzkadi) localidade bañada polo río Oria, e varios lugares pirenaicos como Ordesa (bañada polo río Ara) e o lago Urdiceto. Tamén os ríos Ordunte, Urdanta, Orduña e Ordino están próximos. Especialmente interesante sería este último, Ordino, de orixe prerromana, e que significaría ribeireños dun río. Segundo Bascuas, pese a non haber ríos ord- ou urd- en Galicia todos os topónimos Ordes pódense relacionar con estas formas vascas, incluido en Guitiriz un monte coñecido como Ordinum cara a 1215, que o investigador directamente relaciona co anteriormente citado río de Ordino. Contra esta teoría diremos que en Galicia hai ríos e regatos por todas partes, co que debería haber un lote de topónimos que empezaran así e non é o caso.

   Como vedes hai teorías para todos os gustos. Probablemente dentro duns anos teremos algunha nova. Podedes elixir a que máis vos guste ou inventar outra, pero seguramente a verdadeira orixe do nome Ordes seguirá sendo un enigma.

domingo, 6 de marzo de 2016

Vendedoras de grelos

  Unha das estampas máis típicas da N-550 ao seu paso polo sur do concello é o das vendedoras de grelos. Velaquí un par de vídeos sobre elas.

sábado, 5 de marzo de 2016

Víctor González Faya

  Víctor naceu o 1 de abril de 1920. Era fillo de Manuel González Romero o Capitán, un zapateiro que veu de Noia e que se instalou nunha casa que pertencía a Fernando Liste, o maior propietario de Ordes. O Capitán casou con Manuela Faya Fernández e tivo seis fillos: Manuel, José, Carmen, Guillermo, Víctor e Blanca (m.1942 con só 21 anos).
 Aos varóns ensinoulles o oficio de zapateiro, pero Víctor, "rara avis", sempre tivo ademais a vocación de escritor.
  Desde moi novo gustáballe o teatro  e, aos 23 anos, en 1944 escribiu a súa primeira obra, "Un marido interino"

  Xa con 24 anos logrouna representar no Teatro-cine Troche o 8 de abril do 44. Por se fose pouco tamén interpretou ao protagonista José Manuel de la Fuente. Repetiría dúas veces máis o papel, o 2 de abril do 61 e en xullo do 74. Esta 3ª vez xa se atreveu tamén coa dirección.
 Outras obras súas foron "El Tenorio resucita", "Juan de Grobas", "El juicio oral", "Amapola" ou "La pícara hija del molinero". Tamén escribiu varios sainetes con títulos tan descritivos como "Te quiero Lola", "Esta noche me emborracho", "Una señorita pobre", "Doña Mariquita de mi corazón" ou "Toxos e froles".


  Escribía de noite cando remataba o seu traballo na zapataría e durmían os seus fillos, e non só escribía teatro porque tamén foi durante 25 anos corresponsal do xornal coruñés "El Ideal Gallego". "Non había nada que se lle escapara. Onde pasaba algo, alí estaba el para contalo", comentaba a súa muller Concepción Boquete Vilariño (1925-2016).
 Grazas á axuda e ao traballo dela, a súa tenda de zapatos "O Capitán" foi a de maior facturación da comarca. O matrimonio tivo 5 fillos: Víctor, Margarita, Mª Fernanda, Jorge Víctor e Elvi.

  Non imos mentir e dicir que fose Lope ou Calderón pero nunha época gris onde apenas había acceso á cultura e era impensable poder ver unha obra de teatro en vivo, o infinito entusiasmo e paixón de Víctor lograron poñer en pé repetidas veces obras que arrancaban sorrisos aos seus conveciños. As recadacións ían para a comisión de festas, aínda que iso remataba por ser algo secundario fronte ao divertimento do público (e dos seus actores e actrices que tan ben o pasaban ensaiando).
  Pero ademais Víctor era un personaxe cheo de anécdotas. Foi tan popular que ata apareceu no "Estudio Abierto" de José Mª Íñigo, un dos programas máis vistos de TVE nos anos 70.
   Morreu o 15 de xuño de 1989 con 69 anos de idade.

  Nove anos despois, en 1998, o Padroado de Cultura homenaxeou a súa figura cunha representación da súa 1ª e máis popular obra.
  No ano 2000 puxéronselle nome a un gran número de rúas da vila que estaban sen el. entre elas a rúa que une o Parque Municipal coa Rúa do Muíño e que os veciños coñecían como "Rúa Nova" ou "Rúa do Cura". No ano 2002 foi inaugurada oficialmente nas festas patronais co nome do noso entusiasta escritor local. 

martes, 1 de marzo de 2016

Apelidos de Ordes (ILG)

  O apelido máis habitual en España é García con preto de millón e medio de portadores. Pero ... cal será o apelido máis habitual en Ordes? 
  Se contestastes "García" ... premio!

  Os 5 apelidos que máis abundan en Ordes son con pequenas variacións os mesmos que en Galicia e en España. Si, hai dúas notables variacións: González e Fernández, moito menos comúns que no total de Galicia e España.


  Os primeiros apelidos típicamente galegos da lista son Mosquera no 6º posto (Oroso é o concello de Galicia coa maior porcentaxe deste apelido) e Castro no 8º posto (Tordoia é o concello coa porcentaxe máis alta de toda Galicia). Iglesias, no noveno, pese á súa aparencia castelá tamén é moito máis frecuente en Galicia que no resto de España (A porcentaxe máis alta está no concello de Val do Dubra).
  No 10º, 11º e 12º posto temos tres apelidos probablemente orixinarios do noso concello ou zona moi próxima: Candal, Del Río e Veiras.


  Outros apelidos típicos do noso concello ou comarca pero con menos portadores son: Becerra (Tordoia), Boquete, Botana (Frades), Franqueira, Garaboa (Mesía e Cerceda), Gestal (Carral), Grela (Cerceda e Tordoia), Juncal, Liñares (Tordoia), Liste (Tordoia), Mirás (Oroso), MoarPrego (Cerceda), Pulleiro (Val do Dubra), Recouso, Regos, Ríos (Trazo), Uzal (Mesía), Villasenín e Viqueira.

  Estes datos son do ILG (Instituto da Lingua Galega) tomados da páxina web "Cartografía dos apelidos de Galicia". Os datos do IGE (Instituto Galego de Estatística) son algo diferentes, pero iso verémolo noutra entrada deste blog.