No seu
libro do ano 2008 "Toponimia de
Galicia", da colección "Guías AZ" o ponferradino Fernando Cabeza Quiles fala nunha das súas
entradas dos topónimos Bailía, Ordes e Orde, apuntando de novo á teoría de que
estivesen relacionados coa existencia dunha orde relixiosa (teoría xa defendida
polo filólogo Manuel Vidán Torreira).
Chámase
Bailía unha aldea da parroquia de Cañás,
Carral (A Coruña). Outro lugar chamado Bailía
está na parroquia de Leira, concello de Ordes (A Coruña). Este topónimo
fai referencia a unha "bailía", isto é, a un territorio ou
xurisdición pertencente a unha orde relixioso-militar administrada por un
"bailío". As "bailías" en Galicia pertencían especialmente
ás ordes de Santiago, San Xoán de Malta, do Temple ou de San Xoán de Xerusalén.
Estas nomeaban un membro ou cabaleiro da súa orde chamado bailío, especie de
comendador encargado ou encomendado para administrar e, o que é máis
importante, cobrar as cuantiosas rendas agrícolas das bailías ou encomendas a
el encomendadas.
Unha
bailía importante e perfectamente documentada foi a de Vilar de Donas, Palas de
Rei (Lugo), mosteiro nun principio feminino, que foi incorporado cos seus
territorios, por doazón, á Orde de Santiago, fundada no ano 1170. Así, nun
documento do ano 1233 o rei Fernando III confirma un privilexio concedido por
Alfonso IX ao devandito mosteiro: "que est in bailia de Vilar de
Donas" (Novo, 1986: 210). Noutra proba documental do ano 1274 aparece
nomeada a devandita figura do "bailío", personificada en varios
freires (non sabemos se cabaleiros ou clérigos) seguramente da citada Orde de
Santiago: "e assy lo outorgo ante os freyres frey Pedro Payz, balio de
Meyngon Fria, e frey Martino balio d'Ouleda, e Pedro Payz, balio d'Asma, e frey
Areas Affonso e..." (Novo, 1986: 255).
E, xa
que logo, Bailía, un topónimo que
fai referencia á palabra bailía,
derivada do catalán batlle
"alcalde", ou do aragonés baile
"xuíz", e este do occitano baile,
e este do latín bajulus "mozo de
corda", pola comparación do administrador, alcalde, xuíz, no noso caso
bailío, cun home (o mozo de corda) que leva unha carga.
Antes
dixemos que o bailío era unha especie de comendador encargado, ou mellor
encomendado para administrar unha bailía ou encomenda; xorde así o topónimo A Encomenda, similar no seu significado
ao de Bailía, en canto a nomear o
territorio ou xirisdición dunha orde militar. Así, A Encomenda é o nome dunha parroquia e lugar do concello de Pobra
de Trives (Ourense) onde habería en antigo tempo algún ben ou casa pertencente
a algunha encomenda medieval.
Para
finalizar, aínda recoñecendo que o topónimo é problemático, propoñemos, só como
posibilidade, que Ordes, nome da
vila, parroquia e concello da provincia da Coruña, faga referencia, como os de Bailía, A Encomenda etc., a algunha propiedade dunha orde militar ou dun
mosteiro. Así nun documento do ano 1249 cítase a orde cisterciense como
"cisterciensis ordinis" (Romaní, 1989, t. 1: 576). O mesmo pensamos,
pero con máis convencemento, do topónimo Orde,
nome, entre outros lugares, dunha aldea da freguesía de San Miguel de
Vilapedre, Sarria (Lugo), onde existiu un mosteiro familiar no barrio de San
Mateo doado posteriormente con todos os seus bens ao mosteiro de Samos (Rielo,
G.E.G., voz Vilapedre, San Miguel de,
t. 30:89). Mosteiro pertencente á orde bieita, que puido ter algunha posesión
no devandito lugar de Orde desta
parroquia, se é que o topónimo non fai referencia directamente á devandita
orde.
En
canto á documentación antiga, se no artigo titulado O TEMPLE servímonos de
documentos que citan antigas propiedades da orde do mesmo nome: "huna
leyra que he do Tenple"; agora para ilustrar o topónimo Orde, valémonos de exemplos semellantes,
como é o caso dun documento do ano 1390 do mosteiro de Vilar de Donas,
incorporado, segundo indicamos ao principio do artigo, á Orde de Santiago, no
que Alfonso Gómez, prior do citado mosteiro, afora unhas terras entre as que se
atopaba "outra leira da Orden" (Novo, 1966: 303).
Anos
antes, noutro testemuño escrito en 1376, Rodrigo, o prior do mesmo mosteiro
nesa época, afora a Xoán Estevenes e á súa muller todas as herdades que o
mosteiro tiña en Goadroi e en toda a
freguesía de Santiago de Reboredo: Aforamos a uos Johan Esteuenes... todos los
herdamentos que nos e nosa Orden (ten) en Goaadroy..." (Novo, 1986: 291).
Pensamos, pois, que os nomes de lugar galegos chamados Orde, puideron
ser antes *(Leira da) Orde, *(Herdade da) Orde etc. Isto que dentro
da toponimia galega é só unha hipótese, convértese nunha realidade
perfectamente contrastada fóra de Galicia, onde se conserva algún topónimo no
que aparecen sintagmas toponímicos parecidos aos anteriores. É o caso, por
exemplo, de Quintanar de la Orden, nome de vila da provincia de Toledo, onde
debeu haber unha grande extensión de terreo, tipo granxa ou quintanar, que puido pertencer á Orde de
Santiago ou a algunha orde propiamente relixiosa.
Fernando Cabeza Quiles
No hay comentarios:
Publicar un comentario