martes, 9 de diciembre de 2025

Aurora Nouche Patiño


  Aurora Nouche naceu na parroquia de Beán en xaneiro do ano 1926. Era unha dos 5 fillos (Elena, Regina, José, Aurora e Ramón) de Jacobo Nouche Pena e da segunda muller deste, Jesusa Patiño Sánchez. Tiña ademais 3 medios irmáns do primeiro matrimonio, dos que dous tamén se dedicaron á hostalería en Ordes: Enrique (1911-1983) e Sara Nouche Patiño (1917-2002).
  Os seus irmáns Regina e José e máis ela foron os únicos que deixaron Ordes. José e Aurora casaron para o concello de Oroso. El estableceuse na vila de Sigüeiro pero morreu moi novo no ano 1964.
 
  Aurora casaría con José Liñares Gómez (1920-1998). Ao igual que no caso dela, o pai deste, Juan Liñares Fuentes (1886-1968), tamén casara en segundas nupcias. José era o único fillo varón do 1º matrimonio do que tiña 5 irmás (Josefa, Carmen, Manuela, Dolores e Jesusa) ademáis de tres medios irmáns varóns do segundo matrimonio (Severino, Ramón e Manuel Liñares Pequeño).
 
  A principios dos anos 40, cando se inaugurou a liña férrea entre A Coruña e Santiago e naceu a Estación de Oroso no lugar de Vilacide, estableceuse alí o matrimonio.
  A el, industrial do ramo da madeira, víñalle ben estar ao lado do tren para facilitar o envío e recollida do material. Ela, que tiña aprendido a cociñar cunha das súas cuñadas, fundou o Bar e Restaurante Liñares.
  Empezou sendo unha caseta de madeira de apenas 25 metros cadrados, pero nos anos 50 chegaron a servir 50 comidas diarias.
  O prato estrela era, por suposto, a troita. Vilacide acabou sendo coñecido en toda a provincia e recibiu centos de visitantes, entre eles personaxes célebres como os futbolistas Amancio ou Gento, artistas como Los Panchos, políticos como Manuel Fraga e Xosé cuíña e ata o premio Nobel Camilo José Cela, que acudiron a probar a rica comida de Aurora.
  Alí tiveron aos seus 5 fillos, José Ramón (1947-2009), Manuel, Mª Cruz, Juan e Antonio Liñares Nouche.
 
  En decembro do ano 1998 morrería o seu marido José Liñares. No ano 2015 pechou definitivamente o restaurante, despois de 7 décadas de traballo.
  Aurora morreu aos 99 anos de idade o 1 de decembro de 2025, o mesmo día que tamén faleceu en Beán o seu primo Julio Nouche Suárez (89 anos). Ata o último momento dos seus case 100 anos (faltaban menos de dous meses) estivo ben e acompañada de gran parte da familia, deixando 4 fillos, 13 netos e 11 bisnetos. Os seus restos repousan no cemiterio de San Martiño de Oroso.
  O último dos seus fillos, Antonio, é o presidente do Sigüeiro F.C. e un dos seus netos, Samuel Liñares Boquete, é o adestrador.

No hay comentarios:

Publicar un comentario