A inauguración da Refinería Petroliber o 11 de setembro de 1964 foi un evento que marcou un punto
e aparte na historia da Coruña e de Galicia, xa que deu traballo directo a máis
de 300 persoas e converteuse nun dos motores básicos da economía galega.
Xa a súa construción dera un gran pulo á zona, pero como ocorre en
calquera proxecto desa envergadura non estivo exento de accidentes.
Un deles impactou especialmente en Ordes xa que todos os obreiros
afectados eran nativos do noso concello. O martes 11 de febreiro de 1964 ás doce e media da mañá, un grupo de
obreiros de «Arias Hermanos» estaba
nunha canteira de Bens, explotada pola empresa e propiedade da Refinería, golpeando
unhas rochas de gran tamaño e fraccionándoas en anacos máis pequenos. Nese momento
produciuse un gran desprendemento, motivado posiblemente por unha filtración de
augas, que sepultou a varios dos traballadores.
Inmediatamente os compañeiros iniciaron o labor de rescate e lograron
desenterrar feridos pero con vida a José Gómez Iglesias de 34 anos e a Antonio Caamaño
Lata de 32 anos, naturais os dous da parroquia de Ardemil en Ordes. Desgraciadamente os
rescatadores constataron ao recuperar os corpos que os outros dous compañeiros
morreran instantaneamente. Eran Jesús Martínez Gómez de 55 anos, natural de
Parada, e Antonio
Villaverde Iglesias de só 18 anos e natural de Guindibóo en Montaos.
Pouco despois de ocorrido o accidente,
compareceu no lugar do suceso o Xulgado de Instrución número 2, que comezou as
dilixencias e autorizou o traslado dos cadáveres ás súas casas. Os feridos,
tras ser asistidos na clínica do doutor Ramallal, regresaron pola tarde ao
domicilio familiar.
A pesar da traxedia, pode dicirse que aínda
houbo sorte porque a empresa tiña pensado colocar uns barrenos na base da
canteira, pero por diversos motivos a tarefa aprazouse ata despois para comer.
Por outra banda, dado que era época de festas, moitos dos obreiros non foran ao
traballo. Estas dúas circunstancias evitaron unha catástrofe de grandes
dimensións.
Catástrofe que si se produciu na imaxinación
popular, porque ao chegar as confusas primeiras novas á capital, apareceu o
consabido efecto bóla de neve e os mortos multiplicáronse exponencialmente. Ata
tal extremo chegaron os comentarios que o mesmo alcalde Sanjurjo de Carricarte
compareceu no lugar, constatando con alivio que a realidade era bastante menos
dura do que esperaba.
Pero en dous fogares de Ordes a traxedia si
era inmensa, porque as circunstancias persoais das familias eran moi
dramáticas. Jesús Martínez deixaba unha viúva maior e 6 fillos de entre 29 e 15
anos (dous deles impedidos e un enfermo cronico), mentres que o mozo Antonio
Villaverde -único sostén familiar- deixaba un pai incapacitado, unha nai con
tuberculose e catro irmáns de entre 16 e 5 anos (estando o maior impedido).
O xoves 16 de abril a súa situación mellorou
algo pois o delegado provincial de Sindicatos Luis Segura Marcos entregou
donativos aos familiares dos 5 traballadores mortos en accidentes nas canteiras
de Labañou e Bens. Á viúva de Jesús Martínez entregoulle 6.000 pesetas e ao pai
de Antonio Villaverde 4.000 pesetas.
Pero o desafogo definitivo chegou 5 meses
despois porque en acordo adoptado polo Consello de Administración de Petroliber
o 10 de setembro de 1964 as familias dos 5 obreiros mortos (máis un
incapacitado) nas obras de construción da Refinería recibirían unha
compensación. Así a familia de Jesús Villaverde recibiu unha axuda vitalicia de
5.000 pesetas mensuais e colexio para os irmáns menores e a de Jesús Martínez
outra de 4.000 pesetas mensuais (1.000 para a nai e 1.000 para cada fillo
impedido ou enfermo crónico).
Ademais dedicou 150.000 pesetas para
comidas extraordinarias no «Día Petrolíber» en todos os Centros Benéficos da
Coruña e concedeu a todo o persoal da empresa unha paga extraordinaria con
motivo da inauguración da Refinería. Dita paga excedía dous millóns e medio de
pesetas.
|
José Gómez
Iglesias Pepe
de Xanarde, tamén chamado o Ovelleiro, que viviu en Cabeza de Lobo
morreu no 2022 aos 92 anos de idade. Estaba
casado con Adolfina López Candal, coa que tivo 5 fillos. Está soterrado en
Ardemil.
Antonio Caamaño Lata, que viviu en Achán, morrería no 2015 aos 84 anos de idade. Casou con
Avelina Iglesias Caamaño (1923-1999) coa que tivo un único fillo, José
Antonio Caamaño Iglesias. Está soterrado en Ardemil.
Jesús Martínez Gómez (†) estaba casado con Estrella Recouso Viqueira (1909-2002), coa que
tiña 6 fillos: Evina, Jesusa, Evaristo (†), Estrella, Mª Carmen e Flora
Martínez Recouso. Evaristo traballou na Refinería.
Antonio Villaverde Iglesias (†) era fillo de Manuel Villaverde Manteiga e de
María Iglesias Ferreiro a Habanera
(1921-2016). Os seus irmáns eran Manuel, José, Elisardo e Francisco.
|

No hay comentarios:
Publicar un comentario