domingo, 26 de enero de 2025

Informe meteorolóxico 2024

   Segundo o informe do programa científico Copernicus da Unión Europea a nivel global o planeta viviu no 2024 o ano máis caloroso desde polo menos 1850, cando comezaron os rexistros climatolóxicos.
  En Galicia e no resto de España tamén foi un ano extremadamente cálido pero non o máis cálido, xa que ocupa o terceiro posto na serie histórica que arrinca no 1961. A temperatura media en Galicia foi de 13,5ºC, o que supón unha anomalía de 1,1 graos por riba da media do período 1991-2020. Rematou unha décima por baixo do valor medio anual do 2022 e dúas décimas do 2023. Podemos comprobar que os tres anos máis cálidos rexistrados corresponden aos tres últimos anos. No conxunto de España, a temperatura media foi de 15 graos, tamén 1,1 graos por riba do período de referencia.
 
TEMPERATURA
    Se ben a temperatura máxima non superou en ningún momento a barreira dos 42 graos como outros anos (nin sequera durante as ondas de calor) todas as estacións foron máis calorosas do normal en Galicia, sobre todo o verán e o outono. O inverno tardou moito en chegar e ata mediados de febreiro apenas nevou. Con todo, en marzo si houbo nevadas en cotas baixas. De feito, marzo xunto con maio e setembro foron os únicos tres meses do ano máis fríos que o promedio, mentres que ata oito foron máis cálidos, sendo especialmente calorosos xaneiro e novembro.
  Este mes de novembro foi historicamente anómalo con 3,5 graos por encima da media, sendo o máis caloroso da historia. O día 7 rexistráronse 25,4 graos na Coruña, o valor máis alto para este mes dunha serie de máis de 90 anos.
  Na comarca de Ordes o aumento de temperatura afectou máis á zona norte, mentres que en Trazo ou Oroso as temperaturas medias non subiron máis que 0,5ºC.
 
 
PRECIPITACIÓNS
  Outra cifra récord foi a de vapor de auga na atmosfera, que tivo grandes implicacións tanto en Galicia como España. A humidade atmosférica estivo por encima da media no 86% da Terra e tamén na Península. O contido de vapor na atmosfera alcanzou en 2024 o valor máximo en polo menos 33 anos.
  No conxunto de España, acumuláronse 670 litros de auga por metro cadrado, só un 5% por encima do normal, pero aínda así, o 2024 foi o primeiro ano húmido desde o 2018 a nivel nacional. A maior cantidade de auga concentrouse no noroeste da Península, pero tamén choveu máis do normal no centro, o sur e o leste de España.
  Na área mediterránea a maior parte da cantidade de precipitación anual recolleuse nunha soa xornada, o 29 de outubro. O mesmo día no que o impacto dunha dana xerou un dos peores desastres da historia recente. Uns 700 litros por metro cadrado caeron na Comunidade Valenciana no prazo dunhas seis horas e provocaron un desastre de colosais dimensións. Segundo o informe da Aemet «O incremento da humidade aumenta o potencial para xerar eventos de choiva extrema».
  En Galicia o 2024 foi moi húmido tras recibir unha precipitación media de 1.546 litros por metro cadrado, o que supón o 114% da normal. Só houbo tres meses secos (agosto, novembro e decembro -iso si, tanto agosto como decembro moi secos-) pero cinco moi húmidos (febreiro, marzo, maio, setembro e outubro), destacando a primavera que rexistrou o 146% da precipitación habitual.
 

  A maior parte da comarca de Ordes superou os 1.800 litros por metro cadrado de precipitacións. Como sempre a parte oriental (Tordoia e Trazo) estivo por riba destas cifras chegando case aos 2.400 parroquias como Anxeriz, Viladabade, Monzo, Restande, Benza, Xavestre ou Chaián). A novidade foi que ese 2024 tamén o norte de Mesía, no leste da comarca, tivo precipitacións máis altas que de costume.  

martes, 21 de enero de 2025

San Lourenzo de Bruma


   Na parroquia de Bruma (Mesía) localízase a igrexa de San Lourenzo. É un templo de reducidas dimensións. Consta agora dunha nave de 10 metros de lonxitude por 7,50 metros de fachada (por tanto 75 metros cadrados). Detrás están os restos dunha ábsida algo máis estreita e de preto de 7 metros de lonxitude, pero xa sen tellado e parte alta dos muros, que lle engadía uns 48 metros cadrados máis, o que de todas formas era un tamaño bastante escaso.
  Suponse que formaba parte do antigo hospital de peregrinos que teoricamente estaría ao seu carón.
 

  Os muros están feitos de cachotería bastante grosa. As pedras (xistos de Ordes) son moi escuras aínda que puntualmente polo medio destacan algunhas brancas pezas de seixo. Só nos vans das tres pequenas fiestras e da porta (inusualmente baixa, só 1,90 metros) hai cantería de granito. Contra o que é habitual na comarca os muros non están revocados nin pintados de cor branca, o que lle da un aire moi rústico e primitivo.
  Hai unha sinxela espadana dun só oco tamén de cachotería, actualmente inzada de hedra. O tellado, a dúas augas, está cuberto de fibrocemento.
  A ruína da ábsida fixo que o arco de medio punto que daba entrada ao presbiterio fose tapiado con cachotería. Consérvase o arco, lixeiramente truncado no interior por un falso teito de paneis de escaiola, engadido en época moderna, e que oculta gran parte da fábrica orixinal. 
 

  Este interior, que si está revocado e pintado, tamén é moi austero. Na cabeceira destaca o arco de medio punto adornado con franxas brancas entre as pedras. Non hai retablo e a parede está presidida por unha sobria cruz, acompañada dalgunhas imaxes.
 

sábado, 18 de enero de 2025

Aquel vello traxe gris

 

   Durante a época do confinamento por mor do coronavirus, ao igual que moita outra xente, aproveitamos na nosa casa para facer limpeza xeral. Abrindo os armarios para desfacernos de cousas sobrantes, vin ao meu pai contemplar con atención un traxe que estaba ao principio da fila.
–Que pasa con ese traxe. Vas tiralo?
Tiralo? Nunca na vida. Este traxe ten máis de 60 anos pero nunca me desfarei del.
  Máis tarde contoume a historia dese traxe viaxeiro.
 
  Juan Ferreiro Recouso, o meu pai, máis coñecido como Juan de Babila, foi fillo de solteira. A súa nai Babila e el vivían a pobreza da posguerra e pasaban moitas privacións. Traballaban como podían cunha soa vaca as dispersas leiras que herdaran. Babila ademais acudía ás feiras vendendo calzado e Juan probou algúns oficios como albanel e revisor nos autobuses da familia Álvarez. Pero cando a súa moza Mercedes*, que era do Mesón do Vento, marchou a Venezuela, el tivo claro que tamén debía emigrar, a pesar do moito que lle custaba ter que deixar á súa nai soa.
  Chegou a Venezuela nunha data histórica, o 23 de xaneiro de 1958, o día que caeu o ditador Pérez Jiménez. En Caracas tamén comezou traballando de albanel e probando varios oficios, pero logo logrou mellorar e acadou o posto de xardiñeiro para unha familia de boa posición.
 
  Juan era bastante presumido e quería comprar un traxe, pero non lle gustaban os que vía en Caracas. Ademais de caros, parecíanlle excesivamente finos e de pouca calidade, literalmente "como unha tripa". Non atopaba un traxe ao seu gusto.
  Un día chegoulle a solución sen buscala. Foi ver a un amigo de Ordes, Juan do Latonero e este convenceuno para ir vivir á pensión onde estaba con outro mozo da vila, Manolo de Florencio, que era fillo do enterrador. Non estaban alí de casualidade senón porque o dono tamén era un ordense, Cándido Regos de Darefe. Cándido montara o "Bar Regos" na casa da Ribacha, pero logo casou e emigrou a Venezuela, deixando ese bar ao seu irmán, o pai do futuro alcalde. O caso é que Candiducho, como lle chamaban, aprendera o oficio de xastre antes de poñer o bar e, cando soubo da teima de Juan por un traxe, díxolle que el lle tomaría as medidas. Así o fixo e logo Juan mandounas por carta á súa nai en Ordes.
  Babila non tiña aprecio polos xastres locais (o mozo que a deixou embarazada era un xastre, curiosamente tamén chamado Cándido -do Picho-) así que decidiu ir á Coruña onde estaba o seu irmán José Ferreiro traballando de conserxe no instituto Eusebio da Guarda. José, a pesar do seu limitado poder económico, gustaba de ir coma un pincel. El levoulle as medidas ao seu xastre da rúa de San Andrés e escolleu persoalmente a tea de cor gris marengo.
  Feito o traxe, agora só faltaba que chegara ás mans de Juan. Falando Babila coa modista Dolores Caramelo Pena, a filla maior de Juanito o Porteiro, enterouse por ela que unha das sobriñas do sacerdote don José marchaba a Venezuela. A moza aceptou levar o paquete no barco e así aquel traxe sería, tamén el, un emigrante máis, nado nunha terra que vía cada ano marchar miles dos seus fillos.
  Un domingo Juan achegouse á quinta onde traballaban as dúas sobriñas do sacerdote e recolleu o paquete. Agradeceulles tanto o favor como o gusto de falar con elas das últimas novidades de Ordes.
  Para a súa satisfacción, cando o probou, o traxe quedáballe como un guante.
 
  Levouno moitas veces nos días festivos e tamén sería o traxe que usou o día máis importante: cando casou con Mercedes en Caracas o 23 de outubro de 1959. Voda na que exerceron de padriños Luisa Boquete Candal, a irmá maior de Mercedes, e José Pazos Luna, outro emigrante de Ordes amigo de Juan. Por certo que esa voda contou con só 6 invitados máis!
 

*Mercedes era filla de José Boquete Méndez (que procedía de Leira) e de Celia Candal Seijas (dunha familia alcumada as Cucas da Reboira), matrimonio que se rematou establecendo no Mesón do Vento e tivo 5 fillos: Luisa (n.1931), Mercedes (n.1934), Hortensia (n.1936), Julio (n.1940 que morreu de tuberculose moi novo) e Estrella Boquete Candal (n.1943), nai de Javier Rey Boquete. As tres fillas maiores emigraron a Caracas, pero Mercedes retornou a Galicia nos anos 60.

miércoles, 15 de enero de 2025

O ano 2009

  O ano 2009 empezou coa toma de posesión de Barack Obama, que impresionou tanto ao mundo que ata gañaría meses despois o Nobel da paz. Eran bos tempos para a esquerda: Mauricio Funes (ex-guerrilleiro do FMNL) logrou a presidencia do Salvador, José Mújica (ex-Tupamaro) a de Uruguai e Evo Morales volveu gañar en Bolivia. Os países árabes, mentres tanto seguían en conflito permanente.
  Pero para Occidente o máis grave foi a tremenda crise económica global. En abril reuníronse en Londres os líderes do G-20 máis España, e chegaron a un acordo para superar a crise instaurando un novo sistema financeiro que endurecese as normas de supervisión dos mercados e puxese coto aos paraísos fiscais e ao sector bancario. Inxectaríanse ademais 1.100 millóns de dólares extra no sistema. O FMI saíu fortalecido ao triplicar os seus fondos, pero os resultados non foron os esperados e a crise aínda duraría moito tempo. Un exemplo sería a quebra de General Motors que desde 1931 a 2007 fora o primeiro construtor mundial de automóbiles.
  A outra preocupación do ano foi a Gripe A. A OMS xerou innecesariamente unha alarma sanitaria mundial que fixo máis ricos aos fabricantes de vacinas (que casualmente pagaban aos conselleiros expertos da OMS).
  No ámbito da cultura faleceron Lévi-Strauss e Michael Jackson. Da morte do primeiro case non se enterou ninguén, a do segundo provocou a desolación dos seus millóns de seguidores.
 
 
 
España comezou o 2009 cunha caída de prezos! A crise propiciu un freo do consumo. No 1º trimestre houbo 800.000 novos parados que subiron a cifra total a máis de 4 millóns, e o PIB foi menor que o do ano anterior: a recesión era evidente.
  Non houbo ningunha boa nova porque ETA cometeu novos atentados e en Cataluña tivo lugar en setembro unha "consulta" municipal sobre a independencia, 1º paso do que logo se chamaría o "Procés". Con todo, a desaparición da moza sevillana Marta del Castillo foi o feito que máis conmoveu ao país.
  En cambio continuaron os éxitos deportivos, acadando o FC Barcelona a súa 3ª Champions.
  Galicia tamén empezou o ano bastante mal co tremendo temporal Klaus. Logo en marzo chegaron as eleccións autonómicas e, contra o que prevían as enquisas, o PP de Feijoo obtivo 38 escanos por 37 do PSOE e BNG. A crise e o desencanto co Bipartito que "non logrou transmitir o seu labor á cidadanía" foi a razón que esgrimiron o PSOE e BNG para a súa derrota.​
 
  En Ordes 2009 foi o ano longamente temido en que a Movida finalmente esmoreceu. Santa Comba desbancounos e a multitude de locais do Campo da Feira (que facían que ese ano o noso concello fose o de maior número de establecementos per cápita de España) comezaron a pechar en cadea. En cambio, alleo á crise mundial e á nosa propia, o goberno de Regos seguía gastando e realizando grandes obras na vila.
- Campo de herba artificial: Estreouse en xaneiro e custou 2 millóns de euros (445.000 aportados pola Deputación e o resto polo concello).
- Estación da Pontraga: 44 alumnos/traballadores do Obradoiro de Emprego ‘Ramón Ruibal’ cun orzamento de 900.000 euros da Consellería de Traballo lograron ao longo do ano a súa rehabilitación.
- Alameda: Remataron en setembro as obras comezadas o ano anterior, que aumentaron o seu tamaño ata os 1.280 metros cadrados, empedrouse, derrubáronse os antigos almacéns e creáronse novos locais aos seus pés.
- Tanatorio: Con 835.000 € do Fondo Estatal de Investimento Local ampliouse e mellorou o edificio, pasando de 3 a 4 salas de velorio con novo mobiliario e aire acondicionado, habilitouse un cuarto de baño para discapacitados, construíuse unha cafetería e un novo sistema de megafonía.
- Paseo Fluvial: Cun investimento de 450.000 euros, achegados pola Consellería de Medio Ambiente, creouse unha saudable área de recreo en contacto coa natureza, quizais o mellor legado da era Regos.
 
 
Ademais seguíronse gastando cartos a feixes en todo tipo de festas como a 2ª edición do Certame de novos intérpretes con premios de 5.100 euros que tivo a súa final en marzo (foi onde destacou a beanesa Tania Veiras Noya), o Lacón con grelos do Mesón, Expo Ordes en abril, a Xuntanza dos maiores en maio, a XVII Feira de cans de caza no Mesón e o Revoltosa Rock. 
  Pero onde se botou a casa pola ventá foi en tres macroeventos: A Gala contra o cancro en abril e Brincadeira (con Boney M!) e as festas patronais en agosto. Non é estraño que a débeda do concello superara os 2,2 millóns de euros xa á metade do ano.  
  A mellor noticia foi que o centro de saúde converteuse en PAC comarcal estreando en abril o Sintrom e a receita electrónica. Outra nova máis anecdótica foi a fuxida dunha parella de mozos adolescentes. O deceso máis notable foi o de Juanjo Linares, ocurrido en novembro na cidade de Madrid.
 
  2009 foi una ano de excelentes películas como Avatar, Up, (500) Days of Summer ou Watchmen e outras tan comerciais como The Hangover. En España triunfou Celda 211. Musicalmente destacaron Black Eyed Peas con I Gotta Feeling  e Lady Gaga co tema Bad Romance. En castelán (ou así) escoitamos arreo a canción Moving de Macaco e Loba de Shakira.

sábado, 11 de enero de 2025

Poemas de Astray

   Aínda que a produción literaria máis coñecida de Manuel Astray Rivas foi o libro "Síndrome del 36", tamén estaba moi orgulloso da súa poesía. Velaquí algúns dos seus poemas aparecidos no xornal compostelán La Noche, habitualmente nos especiais dedicados ás festas patronais.
 
SAUDADES (1949)

  Está frieir'a a noite

encolleit'o corazón,

teño saudades,

e ánseas d'amor.

 

Tenebras d'abatemento,

pousono sospirar

amargoso sofrimento...

de te recordar;

n'aquelas tardes quentiñas,

d'o mes de San Joán

en qu'as anduriñas,

viamos voar;

moi arrechegadiños,

collidos d'a man.

Mariquiña, Mariquiña

labros de caravel

olliños de merlo,

boquiña de mel,

anxo d'o ceo...

pra min, és

 

Silvestre mapoliña,

tristeiro amañecer,

douce melanconía,

estimada joíña...

pra min, és.

 

Adiós, adiós, queridiña,

canto che vou a chorar,

almibre tés n'a boquiña...

quen'o volver'a probar.

 
TRISTURA (1952)

  Qué soaves armoñias

cando alume'a lúa

no meu corazón s'oien.

 

  Cómo infr'a i'alma miña

d'ensoños de ternura

o recio da noite

cando a noite é tranquía

e-os arbores non se moven

 

  Qué tristeira lembranza

cando na soedá do silenzo

os campos vexo cubertos

por veos de xiada

que parescen como desertos

d'areíñas brancas.

  Qué delicados sentimentos

brincan pra sair da i'alma

cand'a i'alma está dorida

flaxelada de nostalxia.

 

  Bágoas de malenconia

pol'o rostro escorrendo van

da lúa os raios de prata

veñem'agarimar.

 

  Miña tristura non ten consolo

non'a poido remedear,

sinto cansazo, teño sono

é si quero adormentar

pech'os ollos, mais non poido...

ei d'abrilos pra chorar...

 
EMIGRANTES

  Deixades os vosos eidos,

Deixades a vosa nai.

¡Eu sento os vosos beizos!

Encoltos na brisa do mar!

 

Eu sento as vosas coitas

Como un verdadeiro irmán.

¡Eu comprendo os desacougos

que vos fixeron marchar!

Eu torneime adoecido

cando m'aleixei d'ela.

é n'ei de deixar

ainda que probe me vexa.

Prefero vivir esquecido

que morrer en terra allea

Cantas veces cantaredes

Como cantou o poeta.

"Eu soyo quero voltar

a Galicia nada máis.

na miña casa morrer,

e logo si pode ser

m'enterren ond'a meus pais".

 

Adiós, adiós queridiños,

ides moi lonxe da terra.

A lúa pon carantoña

e o sol non alumea.

Non pían os paxariños

cando se espreguizan

aló pola mañanciña...

As froles tamén se deitan

enloitadas de morriña

En ves de s'abrir se cerran

QUE BOA ESTRELA OS GUIE...

MALPOCADIÑOS

 
POR E PARA ORDES (1959)

  Ordes terra de meus pais

oxe lasos e velliños,

chan onde eu namais

pisei de pequeniño,

e agora berce balanceiro

dos meus loiros fillos.

 

  Dos meus filliños loiros

com'as canas do trigo,

coma raiola do sol

que se mete antr'os pinos.

 

  Xoven e sinxela VILA

de pedras novas

e vizosas aínda.

Puxa por ti o progreso

e axiña rubirás.

Da nosa Galicia meiga,

eu penso que un dos primeiros

pobos, logo serás.

  Estou na mitade do camiño,

e na maraxe da miña vida,

curácheme o mal de dentro,

o mal da malencunia.

Fuche sempre o meu agarimo,

en ti atopei o basmo

pra alear as miñas fridas.

 

  Si eu voltase a renascer

anque tivera cen vidas,

eu nascería sempre acó

neste pobo montañés.

 

  Lonxe de ti coidei morrer.

 

Manuel Astray Rivas

martes, 7 de enero de 2025

A feira da Ascensión

 
  A venda de gando en prazas de Santiago está documentada xa no século XVIII pois a cidade gozaba dun privilexio real (distinción que poucas localidades tiñan en España). Non obstante o inicio oficial data de 1882 cando o Concello aprobou a creación dunha feira todos os xoves na carballeira de Santa Susana, lugar que se usaría ata 1971, cando se inaugurou o recinto de Salgueiriños.
  O día da Ascensión, festivo en todo o país, pronto se converteu na feira máis importante do ano, famosa ata no estranxeiro como podemos ver neste artigo publicado en El Correo de Galicia o 2 de xuño de 1905.
 
  Con un día espléndido se celebró ayer la renombrada feria anual de la Ascensión, que tiene gran fama en Galicia, en tierras de Castilla, y aún en el extranjero para donde suele exportarse ganado.
  De Portugal y Francia suelen venir en busca del vacuno, caballar del país y de cerda, y los castellanos acostumbran a llevar el mular, al igual que en la de San Martín de Osebe, así como vacas y carneros para el consumo de las plazas de Madrid, Barcelona y otros puntos, si bien ahora tienen los traficantes en gran escala sus compradores que visitan los mercados y ferias, adquiriendo reses conforme se les ordena, que luego transportan por ferrocarril.
  Nada debe tener pues de extraño que se notase la falta de acaparadores, cosa que agrada poco a nuestros campesinos para quienes el castellano (nombre por el que conocen a los traginantes desconocidos, sean de donde se quiera) es una legítima esperanza que les hace concebir risueñas ilusiones en lo que se refiere a la subida del precio del ganado.
 
  A pesar de que houbo moitísma xente ese ano os prezos foron moi baixos. Proseguía logo o artigo con algunhas pinceladas costumistas.
 
  Los que en cambio hicieron al parecer algo, fueron los establecimientos de comestibles y bebestibles, sobre todo estos últimos, dado el calor sofocante que hizo, a pesar de correr refrescante brisa norte que disipaba en parte el polvo que en nubes asfixiantes se alzaban en las "admirablemente cuidadas" carreteras que cruzan la ciudad.
  No faltaron ¡Eso si! los gitanos con sus "magníficas" recuas de esqueléticos caballos y decaídos pollinos, los de las tres cartas y tal punto filipino, que se encargó la Guardia Civil diese con sus huesos en la prevención.
  Que sepamos no hubo "lances" mayores, excepción hecha de los timos en pequeña escala por el procedimiento de la buenaventura, que con toda la sal posible llevaron a cabo algunas gitanillas, cosa que es de aplaudir más que de lamentar porque no se explica que a estas alturas haya aún "primos", y más que primos mentecatos, que crean esas paparruchas, en lo del "pajarillo sabio" y en otras simplezas por el estilo.
  Hubo hoy aún en el campo de la feria "chambos", y como día de salida de las "maulas" no precisamos decir que se ofrecieron escenas dignas de ser reseñadas con gracejo, si para ello dispusiésemos de espacio y condiciones.
  Hasta el Apóstol, pues, en que se verá otra vez repleto el castro de Santa Susana, no haremos otra reseña de esta índole, porque no se da importancia a los mercados semanales que allí tienen lugar y a los denominados "francos", aún cuando hay alguno de estos que vale sin exageración por una de las grandes ferias.
 
 
  A feira apenas cambiou durante toda a primeira metade do século XX. Había anos moi bos e outros non tanto pero sempre estaba chea a rebosar pois era unha cita obrigada para todos os campesiños da zona.
  O que quizais non saibades é que a principios do século XX unha das celebracións paralelas habituais eran as corridas de touros (aínda que moitas veces eran simples xatos) pero despois da guerra xa non se mencionan. En cambio o polbo, a comida preferida dos visitantes da feira, foi sempre popular ao longo de todo o século. Aínda que nos 40 o seu prezo dobraba ao da época prebélica seguiuse consumindo e cada vez en máis cantidade. En 1955 chegáronse a comer ese día 5 toneladas de polbo!
 
 
  Se ben en principio a feira da Ascensión tiña todo tipo de animais, a partir dos anos 40 empezou a predominar o gando cabalar e mular, así que rematou por ser coñecida como "feira das bestas".
  Velaquí o relato que da feira fai Manuel Rodríguez García en "Historia viva":
 
  O xoves da Ascensión en Santiago era a feira anual das bestas na carballeira de Santa Susana, e mercado na praza de abastos con froitos do país.
  Ese xoves, que é un dos que brillan máis có sol, aparecían as primeiras cereixas que traían as paisanas da Ulla.
  Na catedral dicía misa grande o arcebispo, acompañado por todos os coengos. Despois saían os cabezudos bailando polas rúas detrás dos gaiteiros, que ían tocando a gaita acompañados de bombo, pandeiro e requinto. Animaban aos rapaces a bailar e brincar cos cabezudos por todo Santiago.
  A esa hora a feira xa estaba chea de bestas, burros e cabalos. Os besteiros, a cada animal que mercaban, poñíanlle coas tesouras a súa marca nas ancas. Subindo polo camiño do medio da feira atopábanse aos dous lados rosquilleiras, churreiros e cribeiros. Vendían cribas, peneiras e barutos. Os nabiñeiros ofrecían por cuartillos nabiña de nabos, coles, repolos e toxos, e piñóns de piñeiros mansos. Non faltaban trileiros, charlatáns e cegos cantando historias de crimes e o manitas de plata subido nun estaribel e regalando peites e carteiras con billetes dentro.
  Por entre os cabalos e as bestas andaba Manolo de Vilar de Ordes, vendendo pedras para os chisqueiros, correas dos zocos, ladrizos para os xugos dos bois, o Zaragozano e o Gaiteiro de Lugo. Ía berrando "A ve-lo Mintireiro verdadeiro!". Á tardiña marchaba para Ordes no coche do Cotovío.
  Os besteiros xa ían atando as bestas que mercaran, unha no rabo das outras. Diante ía a do aparello montada polo besteiro e á última poñíanlle a chocla para que fose choqueleando todo o camiño ata chegar á casa.