Segundo o informe do programa científico
Copernicus da Unión Europea a nivel global o planeta viviu no 2024 o ano máis
caloroso desde polo menos 1850,
cando comezaron os rexistros climatolóxicos.
En Galicia e no resto de España tamén foi un
ano extremadamente cálido pero non o máis cálido, xa que ocupa o terceiro posto
na serie histórica que arrinca no 1961. A
temperatura media en Galicia foi de 13,5ºC,
o que supón unha anomalía de 1,1 graos por riba da media do período 1991-2020. Rematou
unha décima por baixo do valor medio anual do 2022 e dúas décimas do 2023. Podemos comprobar que os tres anos máis cálidos rexistrados corresponden aos tres últimos
anos. No conxunto de España, a temperatura media foi de 15 graos, tamén 1,1
graos por riba do período de referencia.
TEMPERATURA
Se
ben a temperatura máxima non superou en ningún momento a barreira dos 42 graos
como outros anos (nin sequera durante as ondas de calor) todas as estacións
foron máis calorosas do normal en Galicia, sobre todo o verán e o outono. O
inverno tardou moito en chegar e ata mediados de febreiro apenas nevou. Con todo, en marzo si houbo nevadas en cotas baixas. De feito, marzo xunto
con maio e setembro foron os únicos tres meses do ano máis fríos que o
promedio, mentres que ata oito foron máis cálidos, sendo especialmente
calorosos xaneiro e novembro.
Este mes de novembro foi historicamente
anómalo con 3,5 graos por encima da media, sendo o máis caloroso da historia. O
día 7 rexistráronse 25,4 graos na Coruña, o valor máis alto para este mes dunha
serie de máis de 90 anos.
Na comarca de Ordes o aumento de temperatura
afectou máis á zona norte, mentres que en Trazo ou Oroso as temperaturas medias
non subiron máis que 0,5ºC.
PRECIPITACIÓNS
Outra cifra récord foi a de vapor de auga na
atmosfera, que tivo grandes implicacións tanto en Galicia como España. A
humidade atmosférica estivo por encima da media no 86% da Terra e tamén na
Península. O contido de vapor na atmosfera alcanzou en 2024 o valor máximo en
polo menos 33 anos.
No conxunto de España, acumuláronse 670 litros de auga por
metro cadrado, só un 5% por encima do normal, pero aínda así, o 2024 foi o
primeiro ano húmido desde o 2018
a nivel nacional. A maior cantidade de auga concentrouse
no noroeste da Península, pero tamén choveu máis do normal no centro, o sur e o
leste de España.
Na área mediterránea a maior parte da
cantidade de precipitación anual recolleuse nunha soa xornada, o 29 de outubro.
O mesmo día no que o impacto dunha dana xerou un dos peores desastres da
historia recente. Uns 700
litros por metro cadrado caeron na Comunidade Valenciana
no prazo dunhas seis horas e provocaron un desastre de colosais dimensións. Segundo
o informe da Aemet «O incremento da humidade aumenta o potencial para xerar
eventos de choiva extrema».
En Galicia o 2024 foi moi húmido tras recibir unha
precipitación media de 1.546 litros por
metro cadrado, o que supón o 114% da normal. Só houbo tres meses secos (agosto,
novembro e decembro -iso si, tanto agosto como decembro moi secos-) pero cinco
moi húmidos (febreiro, marzo, maio, setembro e outubro), destacando a primavera
que rexistrou o 146% da precipitación habitual.
A maior parte da comarca de Ordes
superou os 1.800 litros
por metro cadrado de precipitacións. Como sempre a parte oriental (Tordoia e
Trazo) estivo por riba destas cifras chegando case aos 2.400 parroquias como
Anxeriz, Viladabade, Monzo, Restande, Benza, Xavestre ou Chaián). A novidade
foi que ese 2024 tamén o norte de Mesía, no leste da comarca, tivo
precipitacións máis altas que de costume.
No hay comentarios:
Publicar un comentario