O muíño é, xunto
co hórreo e o cruceiro, un dos elementos etnográficos máis emblemáticos de
Galicia. O seu uso foi clave para o desenvolvemento da economía de subsistencia
no campo. Ademais de moer cereais, os muíños crearon arredor deles unha cultura
popular que abarcou desde a literatura ao folclore. Os muíños eran lugares de
interminables xornadas de traballo e espera, lugares de reunión, de charla e de
moceo, lugares tamén para liortas, agocho de amores secretos… En definitiva
o muíño era parte esencial da vida comunal.
Practicamente
non hai un río en Galicia que non teña un ou varios muíños no seu leito, pero
moi poucos se atopan en perfecto estado de conservación e seguen usándose. A
maioría están, por desgraza, totalmente abandonados e arruinados.
Segundo Lucas Labrada, en 1800 Galicia tiña máis de 8.200 muíños, na súa maioría
hidráulicos, é dicir, que usaban a forza da auga para moer os cereais,
principalmente o centeo, o trigo e o millo, este último de máis recente
introdución no país. A comarca de Ordes cos seus máis de 1.500 litros anuais de
precipitacións e por tanto con múltiples ríos e regatos tiña unha gran
cantidade de muíños de auga. Sobre 1850 só no concello de Ordes funcionaban máis de 40 muíños, habendo polo menos 2 en cada parroquia. Destacaban os 8 de Ordes e os 6
que por aquela época aproveitaban as augas da parroquia de Beán.
Estes
muíños utilizáronse ata os anos 60 ou 70 do século XX, dependendo do lugar. Por
exemplo, cando xa non funcionaban en Ordes, en 1958 aínda se construíu o muíño
de Meitufe na parroquia de Leira.
Os muíños da nosa comarca son sempre de pedra do país (xisto de Ordes) e normalmente con tellado a unha ou dúas
augas. No século XX, nos tempos da miseria, eran habituais os roubos de fariña entrando polo tellado así que en moitos muíños foi substituída a tella romana por unha placa de formigón. Tamén nalgúns casos revocáronse as paredes. Un elemento bastante habitual é a pousa ou pousadoiro, unha pedra plana que sobresaía preto da porta onde se podía poñer o saco mentres se abría e pechaba a porta (especialmente se era de noite e había que ir co candil na man) e facilitaba ás mulleres o traballo de subir o saco á cabeza.
Debido a que
empregaban a auga como motor, os muíños construíanse directamente sobre o leito
do río aproveitando un lugar favorable ou ben nun lugar próximo, desviando entón a auga por unha canle ata el. A zona de moenda (ou muíño propiamente dito) é o tremiñado e
sitúase dentro da edificación, na segunda planta, e inmediatamente enriba da
roda que fai xirar a moa. Debaixo da edificación sitúase o inferno, unha abertura por onde circula a auga que move o rodicio, unha roda con aspas de ferro que transforma a forza da auga nun movemento xiratorio, que á súa vez fai
mover a moa situada na planta superior. Para gañar máis forza motriz, a auga
conducíase, antes de entrar ao inferno, polo cubo, unha canle descendente con
moita pendente. O gran era moído pola acción de dúas grandes pedras circulares de
granito, o inmóbil pé e a moa. O gran de cereal depositábase nun recipiente de madeira
situado sobre a moa e caía directamente no orificio central para ser moído. A
fariña ía saíndo por entre as pedras e recollíase nun gran caixón de madeira
ou varríase e recollíase no chan de pedra.
A maioría dos muíños, os
denominados muíños de
herdeiros, eran
construídos e custeados conxuntamente por varias familias dun lugar que logo o usaban e mantiñan. Os seus descendentes herdaban ese
dereito (que podían vender). Despois dun par de xeracións os herdeiros multiplicábanse, por iso estes muíños eran utilizados a todas horas e nalgúns casos tamén polas noites.
Menos habituais eran os muíños de
maquía, construídos por unha familia ou un particular
poderoso economicamente. Estes eran traballados por eles mesmos a cambio dunha
porción previamente acordada da moenda, a maquía (palabra derivada do árabe makila e
que significa «medida»). En Leira tiveron unha maquía e batán a familia
Graña e funcionou ata os anos 60, en Guindibón a familia Rama tamén tivo unha maquía, que lle comprara aos Barreiros que vivían fronte a igrexa. Na vila de Ordes había varios muíños comunais pero xa en 1922 apareceu a primeira maquía non hidráulica, que
sería adquirida posteriormente por Fernanducho.
MUÍÑOS NO CONCELLO DE ORDES |
|
Muíños do Cubo |
No hay comentarios:
Publicar un comentario