Arturo Ríos Vázquez naceu en 1938 no lugar do Alto, parroquia de
Ordes. Os seus pais eran José Ríos García Pepito do Alto* (1904-1995) e María Vázquez
Candal (1911-1980), matrimonio que tivo 7 fillos: Manuel, Celia,
Arturo, Aurora, Julio, Luciano e Cándido.
Arturo parecíase moito ao seu pai, pequeno e
con moita chispa. Coñeceu e casou cunha
moza de Achán (Ardemil), Pura López Rosende, filla maior do matrimonio
formado por Andrés López Gómez e Josefa Rosende Louro.
Pura é unha excelente
cociñeira e foi a súa fiel acompañante na aventura hostaleira. Con ela tivo tres fillos: José, Arturo e Carlos Ríos
Vázquez.
Arredor de 1967 montaron nunha pequena casa en Palavea o primeiro Restaurante
Ríos. Con
Pura aos fogóns, Arturo collía a furgoneta todos os días e conducía ata as
lonxas da Costa da Morte para comprar e seleccionar o mellor produto para os
clientes. Moitos anos despois Pura recordaba que ao principio regalaban as
nécoras de tapa, cando posteriormente eran o máis caro do menú. Lograron ter
éxito e coller moita sona, porque a pesar de ser un restaurante de gama alta o
seus prezos sempre foron moi competitivos e accesibles e a atención esmerada.
En 1993
o local cambiou de ubicación, pasando a estar no Portazgo ao pé da N-550 nun
moderno local. No ano 2009 renovouse con novos salóns e viñoteca.
Neses
momentos o peso do negocio xa o levaban os seus tres fillos, pero na cociña
seguía mandando Pura con algo de axuda: "Hai outros dous cociñeiros pero o
marisco non mo toca ninguén". No 2015
Pura foi unha das catro gañadoras do prestixioso Premio de Gastronomía de
Galicia "Toda unha vida" polo conxunto da súa traxectoria
profesional.
A Marisquería
Ríos segue a ser un dos lugares de referencia gastronómica da Coruña. Mesmo
se comenta que hai clientes de Madrid que voan á cidade exclusivamente para
comer nela.
Arturo enfermou no 2022 pero seguía indo ao
local todos os días. Morreu o día 3 de xaneiro de 2023 e os seus restos repousan no cemiterio parroquial de Ardemil.
* Pepito do Alto, irmán de Rada, era moi coñecido porque tiña un posto cun touro semental ao que acudían campesiños de toda a contorna coas súas vacas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario