sábado, 22 de noviembre de 2025

Castro de Carrás

  A parroquia de Montaos tivo moita historia pero o que non tivo foi a capacidade para conservala en bo estado.
  Ao norte de Fosado, despois da última casa, había un castro -chámanlle o Castrelo- pero na actualidade só queda un anaquiño do parapeto que protexía a zona sueste, polo que non se pode establecer cales serían as súas dimensións. No que supoñemos que era a croa atopáronse varios fragmentos cerámicos de moita antigüidade.
  O castro do Dono, que estaba case fronte á igrexa parroquial ao outro lado da estrada N-550, está practicamente destruído desde os anos 60 do século XX. No lugar que ocupaba agora hai varias casas e os terreos que lles pertencen. Calcúlase que tería uns 155 metros de norte a sur e uns 100-110 de leste a oeste. Segundo comentarios dos veciños máis vellos contaba cunha muralla de pedra e terra.
 

  Bastante mellor (pero non demasiado) está o castro de Carrás ou dos Carrás, que podemos atopar a só uns 150 metros ao sur do núcleo e algo ao oeste do Camiño Inglés.
  Como podedes ver no mapa hipsométrico (en verde), onde o Camiño é ese gran suco que vai de norte a sur, só se conserva unha pequena parte do que sería o parapeto do castro, a zona oeste e sur. O resto foi arrasado no pasado e hoxe o interior forma parte dunha parcela moito máis grande. É difícil así determinar o tamaño que podería ter, pero probablemente non pasaría dos 7.000 ou 8.000 metros cadrados (entre 11 e 13 ferrados).
  Foi achado nel un muíño de man.
  Ao contrario que outros moitos castros da zona, é moi doado atopalo. Se chegamos aos Carrás desde Santa Cruz, fronte ao alpendre de bloques da segunda casa (a que ten cor amarela) collemos un camiño á dereita. Este camiño despois dunha gran curva xa nos leva directamente á entrada da leira que abrangue o castro. Avanzamos outros 50 ou 60 metros e xa podemos ver o parapeto cuberto de arborado. Subir por el e cruzar para o outro lado xa é opcional e só para os que sexan un pouco cabras. 
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario