jueves, 22 de diciembre de 2016

Río Maruzo


  O río Maruzo cos seus case 24 quilómetros é o terceiro máis longo e importante da comarca ordense. Percorre a súa zona oriental en sentido NE-SO e baña as terras de tres concellos: Mesía, Frades e Oroso.
  Nace preto do lugar de Castiñeiras na parroquia de Cumbraos (Mesía), avanza cara ao sur e cruza a estrada Santiago - Lugo (N-634) a uns 1500 metros ao sur de Lanzá. Fai fronteira brevemente entre Mesía e Frades e penetra neste concello. A 14 km do seu nacemento únese co seu principal afluente, o río Gaiteiro (11,5 km, tamén nacido en Mesía) que posúe pequenos subafluentes que regan as terras centrais de Frades.
  Durante máis de 3 km serve de fronteira entre Frades e Oroso, logo avanza uns 4 km en dirección sur e desemboca no Tambre bañando as parroquias de Calvente e Os Ánxeles.

  Nesta última áchase a Área Recreativa de Cachopal que está formada por dúas parcelas situadas na marxe dereita do río Maruzo. A parte norte está poboada por frondosos piñeiros e a rentes do río hai un prado. Destaca nesta última zona o Muíño da ponte, de dous pés, restaurado parcialmente no ano 1996. Esta área recreativa foi inaugurada no ano 1997 e está rodeada por ameneiros e carballos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario