Hoxe en día os equipos de 1ª división son
xigantescas empresas multinacionais e os seus xogadores millonarios executivos
que a duras penas se mesturan coa plebe.
Pero houbo uns tempos máis sinxelos onde isto
non era así. Quitando ao Real Madrid e ao Barcelona o resto de equipos era máis
terreal. Por iso, nos anos 80 do século XX os afeccionados de Ordes puideron ver
e case convivir un par de semanas cos xogadores do Sevilla FC.
O artífice foi o betanceiro Paco Buyo, un dos
mellores futbolistas da historia de Galicia, que daquela militaba no conxunto do
Nervión, pero que nos seus tempos de xogador do Deportivo xa estivera no hotel
"Os Carballos".
O Deportivo, interesado en xogar contra o
equipo andaluz na súa pretemporada, fíxolle unha oferta ao Sevilla e contou coa
influencia do gardameta que "tirou para casa", ponderando o bo clima
estival da comarca, a calidade do campo de fútbol e a esmerada atención do
hotel.
Así que desde o mércores 24 de xullo ata o 5
de agosto de 1985 instaláronse nos Carballos e comezaron os adestramentos que constaban de
dúas sesións, unha matinal onde se traballaba a parte física e outra vespertina
onde se traballaba a técnica.
O
adestrador Manolo Cardo aseguraba nunha entrevista: "Estamos tratando con gente extraordinaria. Aquí nos están
atendiendo a la perfección, con lo que todos solamente tenemos elogios para el
pueblo de Órdenes".
E tan ben que os tratamos! Houbo lendas
urbanas sobre que algunhas mozas da zona pasáronse de agarimosas cos sevillistas
e outras que involucraban ás profesionais da "Casa da Pradera" e que
lles custaron a algúns xogadores unhas cantas voltas de máis polo campo ao día
seguinte.
O resultado non foi malo. O Sevilla FC que na
tempada 81/82 chegara por 1ª vez á Copa da UEFA caeu logo na mediocridade. Viña
dunha tempada 84/85 bastante decepcionante onde quedara en 12º lugar e na 85/86
mellorou tres postos, quedando de 9º, pero seguindo lonxe das posicións de
honra.
Para os completistas, os 19 xogadores do
Sevilla que estiveron nos Carballos eran: Buyo, Villalba, Grande, Nimo, Serna,
Choya, Álvarez, Sanjosé, Jiménez, Francisco, Estella, José Luis, Montero,
Zambrano, Ruda, Juan Álvarez, Alfaro e Sanabria.
No hay comentarios:
Publicar un comentario