viernes, 6 de marzo de 2026

Toponimia de Ordes (1)


ORDES: o significado do topónimo parroquial (e municipal) non está nada claro. Hoxe a opinión máis aceptada é a que sostén unha orixe prerromana, relacionada cun curso de auga. Non obstante non se deben descartar de plano outras teorías.  
Alto: do latín altu. O nome está xustificado porque é o lugar que está a máis altura (360 metros) de toda a parroquia. Era moi coñecido porque había un posto cun touro semental do que era dono José Ríos García Pepito do Alto.
Balado: tradicionalmente o nome deste lugar onde agora está o cemiterio novo escribiuse sempre con "b" aínda que en galego correcto é con "v". A palabra procede do latín vallu que derivou en vallatu ‘valado, cercado’.
Blancos: é un pequeno lugar entre Merelle e Vilaverde. É ben sabido que o adxectivo branco/a procede da palabra xermánica blank ‘branco -e tamén limpo, nobre-’. Probablemente aquí, ao estar en plural, fora o apelido dunha familia propietaria hai moitos anos.
Bidueiro: do latín betulla. É de supoñer que antigamente habería moitas destas árbores no lugar, coñecido no concello polo seu fermoso pazo.
Braña: así se chamaba o lugar onde hoxe está o Paseo do Río Mercurín. A palabra ven do latín veranea, que á súa vez procede de veranu ‘verán’. A razón é que se trata de lugares tan húmidos que conservan o pasto ata no verán.
Campomaior: claramente un gran campo que chegaba ata o que agora xa se considera o Casal. Nome que se popularizou desde 1986, ano no que se inaugurou o 2º colexio da vila.
Canteira: o nome desta céntrica rúa non é por casualidade. Había unha canteira da que saíu a pedra coa que se construíron todas as casas de Ordes ata os anos 50. A palabra procede de canto ‘pedra redonda de pouco tamaño’ de orixe pre-latina, posiblemente céltica.
Casal: lugar privilexiado cunhas das terras máis fértiles da parroquia e fogar de ricas familias campesiñas como os Martís, Barreiro, Ferreiro, Viqueira e Gharcía. O topónimo procede do latín casale ‘casa de campo’, unha herdade ampla onde vivía de forma case autosuficiente unha familia con todos os seus escravos ou traballadores. En catalán, castelán, galego e portugués converteuse en Casal, que é un topónimo e apelido moi habitual. Para ter máis información sobre esta palabra podedes consultar o blog Aldeias de Ordes.
Casillas: é un topónimo moderno que, aínda que vindo da mesma raíz latina, deriva do castelán "casillas de peón caminero", fermosas construcións que acollían ás cuadrillas de legoeiros encargados da reparación de estradas e camiños. No lugar había unha destas pequenas casas. O plural é porque na mesma edificación había dous legoeiros que se ocupaban da súa correspondente legua de estrada cada un (uns 5 quilómetros). Imaxino que o nome galego "legoeiro" ven desa legua que debían coidar. Deste xeito en teoría as casillas estaban separadas uns 10 quilómetros e, a pesar de que moitas delas xa non existen, aínda podemos ver a seguinte cara a Santiago: a que está preto dos Carballos. E digo que o dos 10 Km era en teoría porque a distancia real é duns 6 km, a mesma que había entre as casillas de Ordes e as de Castrelos, igualmente desparecidas na actualidade. 
 
 
Castiñeira: Pequeno lugar próximo á Espenica, fogar dos Franqueira. Castiñeira é unha plantación de castiñeiros mentres un souto é un monte máis silvestre. A palabra castaña ven do grego kastanon a través do latín castanea.
Castro: procede da voz latina castru ‘campamento fortificado’. En todas as parroquias ordenses hai un ou máis destes recintos prehistóricos, polo que é moi abundante tanto o topónimo como o apelido.
Ceidón: segundo Fernando Cabeza Quiles, Ceide é un arabismo procedente do nome persoal Zaide (posiblemente relacionado coa palabra sîd ‘señor’ -como o Cid Campeador-). Así Ceidón sería o nome dun xigantesco mouro que habitaba o castro nas antigas lendas. Non obstante no Catastro del Marqués de la Ensenada o nome aparece escrito como "Seirón", así que segundo Moralejo Lasso tamén existe a posibilidade de que teña orixe no termo *sahrja ‘pequeno cesto’ (as murallas térreas dos castros estarían feitas "a cestadas"). Na máis moderna Carta Geométrica de Galicia (1834) de Domingo Fontán aparece moi destacado como "Castro de Seisdón".
Ciudad Jardín: foi un concepto que naceu a principios do século XX. Tratábase de crear barrios autónomos e con espazos verdes. O nome púxose de moda e acabouse aplicando -con moita ironía- a esta rúa formada por 7 familias pobres que construíron elas mesmas as súas casas arredor do ano 1958. Durante un certo tempo tamén se chamou "Ciudad Nueva", pero na fala popular era máis coñecido como o "Barrio Ghrillo" pola súa moradora máis famosa, María Ríos Grela (1937-2018), María do Ghrillo.
Conde: esta palabra procede do latín comite ‘compañeiro’, que despois adquiriría o seu significado de título nobiliario. Tal vez serían propiedade dalgún conde (posiblemente o de Altamira) eses terreos na antigüidade? Tamén é curioso que bastante próximo haxa un monte chamado Traspazos. Terían esos supostos pazos relación co conde?
Darefe: deste topónimo non achei referencias pero a súa terminación en -efe fai sospeitar unha orixe antroponímica, derivada dun propietario medieval de nome xermánica. Ese nome quizais incluíse a partícula ar ‘aguia’ ou tal vez hari ‘exército’. Pero isto é mera suposición.
Empalme: un empalme era orixinalmente a ‘unión de dous cabos’ (viña do argot náutico empalomar ‘atar con bramante’). Posteriormente engadiría tamén o significado de nó viario.
Espenica: palabra derivada do latín spelunca ‘cova, gruta’. É de supoñer que alí na zona do castro Ceidón os veciños viran ou pensaran que había algunha cova feita polo lendario habitante do castro.
 
 
Fábrica: ven do latín fabrica que significaba tanto ‘arte ou oficio’ como ‘obradoiro’. É un lugar moi próximo a Reboredo. Quizais os máis novos pensen nunha fábrica téxtil, pero non, nesa ubicación había un curtidoiro propiedade da familia Faya.
Fonte Estrei: é posible que o topónimo Astrai (Mesía), que deu orixe ao apelido Astray (con y grego), proceda dun propietario medieval de nome xermánico Astrar ou Astrarius. Este nome estaría composto dos elementos astr ‘leste, oriental’ e hari ‘exército, hoste’. Sería unha *(villam) Astrarii. Probablemente o nome desta fonte teña similar orixe. 
Fraga da Galiña: pertence a Ordes desde 1867, ano en que foi anexionada xunto con Guindibóo de Arriba (que ata ese momento pertencían a Pereira), Sar e a Espenica (que eran de Poulo). Nome moi festivo aínda que a historia do lugar non foi tan alegre. En 1893 houbo unha mortandade tan grande que no Diario de Lugo escribían:  
  "En el lugar de la Fraga, a un kilómetro de esta villa han muerto casi familias enteras. Era, y es aún, desconsolador el triste cuadro que aquel lugar compuesto de poco más de una docena de casas nos ofrece. ¡El dolor y la miseria, viven allí en estrecho maridage! [...] ¡Ah! Es que aquellas miserables chozas destilan por sus cuatro ángulos materias antehigiénicas; es que los miasmas pútridos se han apoderado de aquellas viviendas y han creado una atmósfera mortífera; es que están enclavadas entre pantanos corrompidos, que producen el más insano paludismo [...]".
  E en 1936 outra estarrecedora noticia: unha nena de seis meses, filla de Jesusa Martínez, viúva e con 3 fillos, foi morta e en parte devorada por unha cocha (a única habitación da casa facía as veces de cociña, dormitorio e corte). 

No hay comentarios:

Publicar un comentario