O castro Ceidón esta localizado na parroquia
de Ordes, ao sueste da vila entre a rúa García Gerpe (que é a pista que vai á
Espenica) e a estrada a Poulo CP-3802.
É un recinto máis ou menos circular que mide
aproximadamente uns 130
metros de norte a sur e uns 120 de oeste a leste, sendo a súa superficie duns 11.000 metros cadrados (uns 17 ferrados). Como
tantos outros castros da zona, o terreo está destinado a usos agrícolas e en
diversas zonas hai unha vexetación tan densa que é imposible facerse unha idea
exacta do lugar.
Na súa parte occidental hai un alto terraplén
reforzado cun parapeto onde se situaría un foso e un contrafoso, que xa non
existen na zona meridional. Na zona norte, xunto a unha profunda depresión do
terreo existe un camiño que permite entrar ao interior do recinto, hoxe case
totalmente cuberto de arboredo. Na zona leste hai unha terraza defendida por
foso e parapeto, visibles porque houbo unha recente corta de árbores que danou
algo o parapeto.
Ao norte do castro localizábase unha fonte
chamada a "fonte das Meigas", orixe dunha lenda popular na zona.
Respecto ao seu nome, segundo Fernando Cabeza Quiles, Ceide
é un arabismo procedente do nome persoal Zaide (posiblemente relacionado coa palabra sîd ‘señor’ -como o Cid Campeador-). Así Ceidón sería o nome dun xigantesco
mouro que habitaba o castro
nas
antigas lendas. Non obstante no Catastro del Marqués de la Ensenada o topónimo está escrito como "Seirón", así que segundo Moralejo Lasso tamén
existe a posibilidade de que teña orixe no termo *sahrja ‘pequeno cesto’ (as murallas térreas dos castros estarían feitas "a cestadas"). Na máis moderna Carta Geométrica de Galicia (1834) de Domingo Fontán aparece moi destacado como "Castro de Seisdón".



No hay comentarios:
Publicar un comentario