viernes, 20 de marzo de 2026

Toponimia de Ordes (2)

 

Gosende: Aínda que debido á nosa gheada Ghosende recórdanos ao nome castelán José, en realidade procede dunha Gundesindi medieval, posesión dun señor co nome xermánico Gundesindus (de gunths ‘loita’ e sinths ‘camiño, expedición militar’). Para Dolores González de la Peña en cambio ten orixe na palabra gasindius ‘socio militar’, relacionado coa dominación sueva.
Lagartos: palabra que ven do latín lacertu. Orixinalmente era a "Calle Nueva", pero o nome popular é moi antigo. Tal vez porque había moitos destes réptiles no lugar, pero parece máis probable que sexa un nome burlón sobre os seus veciños, quizais inventando por algún natural do Recreo, rúa coa que sempre houbo unha gran rivalidade. Ata as mozas se metían unhas coas outras e tiñan esta copla:
As dos Lagartos mataron un burro e as do Recreo comérono crudo,
as da Fonte Estrei mandaron recado, que lle gardaran a punta do rabo.
O curioso é que o nome foi plenamente aceptado por toda a vila. No ano 1936 o nome oficial cambiouse a "Calvo Sotelo" ata o 2007 no que de novo foi cambiado esta vez pola súa denominación popular, nunca esquecida.
Laranxal: era o nome do horto, propiedade de Florencio Pol, onde se construíu o 1º cemiterio que non estivo no adro das igrexas. Aínda que esta árbore froiteira non se dea ben en Ordes alí debeu haber un grupo delas. Cando se fixo o cemiterio "ir pro naranxal" converteuse na vila en sinónimo de falecer. Na zona sur xogáronse partidos de fútbol ata os anos 40 nun campo que tamén se chamaba pomposamente "Stadium del Naranjal" en castelán. Por certo que a palabra laranxa procede nin máis nin menos que do idioma persa narang que o árabe transformou en naradj.
Merelle: agora un arrabaldo da vila a carón da N-550, o topónimo deriva de Mirellus, nome que consta da partícula mir ‘famoso, ilustre’ (mesma que hai noutros nomes como Ramiro, Arximiro ou Ardemiro) e un diminutivo -ellus que tal vez substitúa ao xermánico -ila ou a (h)ildi ‘combate’.
Mesón de Deus: o lugar tomou o nome da casa de postas, enclave histórico onde foi detido Porlier e que hoxe aínda funciona como restaurante.
 
 
Paraíso: esta palabra que nomea un dos barrios novos de Ordes (a nosa pequena "cidade escolar") procede... tamén do idioma persa, pois faradis era para eles un xardín. Pasou ao grego como paradeisos e logo ao latín como paradisu xa co significado de ‘paisaxe idílica’.
Penelas: do latín pena ‘rocha’. Unha penela é unha rocha pequena a rentes do chan. Era un lugar propiedade do concello, que llo deu a familias pobres que non tiñan terras. A súa moradora máis famosa foi Pura de Penelas.
Recreo: palabra que ven do latín recreare e que orixinalmente significaba ‘recobrarse dalgunha enfermidade’. En principio a rúa era "Vista Alegre" pero popularmente sempre foi coñecida como "Recreo" quizais porque sempre houbo pousadas e casas de hospedaxe onde se aloxaban os moitos visitantes que tiña Ordes a principios de século. Oficialmente tivo outros tres nomes: "Saturnino Aller" (13 anos), "Santiago Casares Quiroga" (2 meses) e "José Antonio Primo de Rivera" abreviado en "José Antonio" (71 anos!), pero sempre para todos os ordenses foi o Recreo. Desde o ano 2007 ese é o seu nome oficial.  
Piñeiro: do latín pinu. A aldea orixinaria do Piñeiro constaba nos anos 30-40 de tres casas (Gómez, Carballido e Villaverde) e había algunha máis a carón do cemiterio, pero a orixe do barrio foi nos anos 60 do século XX coa chegada de moita xente de fóra de Ordes.
Raxide: probablemente veña dalgún propietario medieval cun nome (quizais Ragitus) empezado pola partícula ragin ‘conselleiro’.
 
 
Reboredo: este hoxe arrabaldo da vila, que foi fogar das famosas Laghorcias e das familias Couto e Recouso debe o seu nome ao carballo. Reboredo é un fitotopónimo que ven de roburetu, e este á súa vez de robur, a palabra latina que nomea o carballo.
Regueiro: pequeno rego de auga. Rego procede do latín riguu, aínda que non se descarta unha posible orixe pre-latina.
Sar: palabra sempre relacionada coa auga que debe proceder dunha base pre-latina *s'r co significado de ‘fluír, manar, xurdir’. O lugar de Sar ordense está atravesado por un afluente do río Cabrón.
 
 
Vilar: quizais sexa o topónimo máis numeroso en Galicia, coas súas moitas variantes como Vilariño ou Vilares. Procede da palabra latina villare ‘aldea pequena, lugarexo’, que á súa vez procede de villa ‘vila’. Vilar foi fogar das familias Recouso e Viqueira.
Vilavaldés: a casa da familia Álvarez Valdés a carón da N-550, hoxe en ruínas, deu orixe a este hoxe esquecido topónimo. 
Vilaverde: fogar da familia Mosqueira, a pequena "vila verde" deu orixe a un dos apelidos máis habituais en Ordes. Neste lugar naceron personaxes como o sodado Lois e o gaiteiro Manuel Viqueira. Ata 2012, ano en que morreu Evaristo Moure, tamén era lugar de cita dominical de moitos cazadores para comprar e cambiar cans ou simplemente darlle ao palique.
Vista Alegre: Un dos topónimos máis habituais en España desde o século XIX, quizais polo seu aire optimista. En principio nomeaba á maioría da rúa do Recreo pero foi quedando relegado unicamente á súa parte superior onde nos anos 50 se construíu o campo defútbol.

No hay comentarios:

Publicar un comentario