As festas patronais de 1964 rexistraron novidades. Se en 1962
e 1963 estiveran
organizadas polo concelleiro José Galán López (1923-1980), esta vez rexeitou
ese traballo polas dificultades cada vez maiores para recadar unha cantidade
suficiente de diñeiro. Ante a
posibilidade real de quedarse sen festas, a última hora varios notables da vila
formaron unha comisión que salvou a situación. O presidente foi o empresario
Viriato Lamas Gutiérrez, secundado
por Laureano Iglesias del Río
(secretario), o seu tío Viriato Lamas Fernández o
Vello Viriato (tesoureiro) e os vogais Ángel Lamas Gutiérrez, Javier Veiga López e o panadeiro Eugenio Pena Martínez (marido de Milagros).
O orzamento era de 115.000 pesetas que se xuntaron grazas ás aportacións do pobo e do
comercio. O Concello tamén colaborou, pero menos que outros anos debido ao
precario estado da facenda municipal.
No campo musical as festas contaron coa habitual participación da Banda de Arca
e a da orquestra coruñesa Sintonía.
A
iluminación nocturna na Alameda
estivo a cargo do industrial pontevedrés Filgueira e contou con motivos típicos
de Galicia como potes e gaitas nos extremos. Outra case novidade foi unha
xincana motorista no campo de fútbol ademais dos habituais xogos de recreo
popular como cucañas, carreiras de sacos e de cintas... Tamén se estreou a nova
comparsa de xigantes e cabezudos adquirida había pouco tempo en Valencia e que
viña a substituír a unha máis antiga, que estaba totalmente estragada, motivo
polo que deixaran de saír ás rúas os últimos 6 ou 7 anos eses divertidos
personaxes.
O sábado 15, o día grande, contou co espectáculo
estrela das festas: un partido entre o Deportivo e o Racing de Ferrol. Se ben
para o Deportivo era un mero adestramento e combinaba xogadores do Fabril con
outros do seu 2º equipo, o partido tivo unha considerable cantidade de público
que contemplou a súa victoria por 2-0 con goles de Machicha e Pito.
O martes 18 como fin de festa celebrouse unha
romería galega cun xantar típico a base de "roupa vella" no piñeiral
que había en Vilar. De paso un concurso de baile rexional e a actuación do coro
que dirixía Viriato o Vello.
Unha vez máis o xornal santiagués La Noche dedicoulles ás festas
un especial de 4 páxinas onde, ademais da entrevista cos membros da comisión
había os habituais artigos de Máximo Sar, Víctor González Faya e algúns
divertidos apuntes dun tal Remol. Engadía
ademais un informe sobre o entón novedoso servizo de Extensión Agraria e unha
entrevista con Luis Villares, o propietario de Artesanía Villares.
O máis interesante era unha entrevista a José Galán, na súa calidade de
alcalde interino por ausencia do titular Juan Liñares. Nela falaba dos logros e dos
proximos obxectivos. O principal motivo de alegría era a recente creación dun Colexio Libre Adoptado (sería coñecido
como "Academia de Arriba"), importantísimo para que as familias menos
podentes da comarca tamén puidesen pagar ensino de nivel medio aos seus fillos.
Dentro do que faltaba estaba o tema da traída da auga, aínda en proceso de
estudo, o problema do aparcamento (que hoxe daríanos risa) e o da escaseza de
vivenda, xa que os alugueres estaban moi altos e o que os podía pagar tamén se
podía facer cunha casa en propiedade (como vemos, non é un problema novo).
No hay comentarios:
Publicar un comentario