Despois das festas de 1957 que duraran 5 días,
en 1958 volveron aos 4 habituais. A
comisión estivo formada, como era usual, polo alcalde Juan Liñares, e como
vogais polo banqueiro e concelleiro Segismundo Viqueira, o industrial Viriato Lamas Gutiérrez e o carpinteiro e construtor Manuel Regos Viqueira.
A gran novidade dese ano foi a
competición pirotécnica na verbena principal. A orquestra que amenizou os dous días grandes foi Los Trovadores,
naquel tempo moi exitosa e onde cantara o ano anterior o gran Pucho Boedo. Remataba de actuar nas salas Rumbo e Fontoria de Madrid
e contaba con figuras como Juan Moracho, experto no xénero español, o
guarachero, timbaleiro e bailarín cubano "Boniato" -segundo a
propaganda chegado da famosa sala Tropicana-
e o cantante tamén cubano Heri Carbó. Onde non houbo cambios foi na perenne participación
da Banda de Música de Arca (xa tocaran
en 1951,
1954,
1955,
1956 e 1957).
O xornal La Noche dedicoulle
ás festas un especial de dúas páxinas onde, ademais do programa e os anuncios había varios artigos. Un falaba
do gran tallista ordense Adolfo Pérez Graña, outro do equipo de fútbol, que
entón estaba na súa mellor época gozando da estancia na 3ª división.
Non faltaba un artigo describindo a
localidade e unha entrevista co alcalde, Juan Liñares, onde este falaba
das previstas obras que pronto (presuntamente) ían acometerse na vila: a eternamente
retrasada apertura da rúa República Argentina, o remate da pavimentación da rúa
José Antonio (Recreo), a urbanización da rúa Calvo Sotelo (Lagartos), a próxima
construción dun local para o Hogar
Escuela del Frente de Juventudes a carón da Alameda e o asfaltado da
estrada á estación da Pontraga.
No ámbito educativo prevía a pronta
inauguración da escola de Parada e a construción doutra en Fosado. Falaba tamén
do único centro educativo de Ensino medio que había en Ordes: A Academia
Balmes*, presidida polo médico Antonio Concheiro, que funcionaba en réxime de
padroado e para a que se habilitaron catro bolsas (becas) de 4.000 pesetas destinadas a estudantes sen recursos. Non
obstante declaraba que o principal problema da vila seguía sendo a
subministración de auga e estaba pedida unha subvención para a obra que
costaría uns 3,5 millóns de pesetas*. O asfaltado dos 4 km da estrada á estación era
importante porque había unha feira mensual de bestas con moitos tratantes vidos
de Castela que querían envíar por tren o gando comprado en Ordes.
O xoves 14 ás 12 da mañá as festas deron inicio
oficialmente con repenique de campás e salvas de bombas, mentres gaiteiros,
xigantes e cabezudos percorrían as rúas. Pola tarde fixo a súa entrada na vila
a Banda de Arca con alegres pasarrúas. Ás 10 da noite na Alameda,
iluminada como sempre polos industriais García y Blanco de Padrón, comezou a verbena tamén amenizada pola banda.
O venres 15, día grande, ás 9 da mañá unha salva
de bombas espertou aos ordenses. A banda de Arca percorreu as rúas tocando
alegres dianas e alboradas. Logo os gaiteiros acompañaron aos xigantes e
cabezudos polas rúas. Ás 12 tivo lugar a misa solemne e logo ao seu remate a
procesión solemne coas autoridades. Comezó logo a sesión vermú coa banda e Los Trovadores. Ás 6 da tarde tivo lugar un
partido entre o Arenal de Santiago e o
Ordes, disputando un trofeo doado pola casa Mata (produtora do entón afamado
viño Aníbal de Málaga). Logo houbo festa
vespertina coa banda e a orquestra. Despois de parar para cear, ás 11 da noite comezou a verbena e ás 12 da noite a gran novidade: no lugar da habitual
sesión de pirotecnia a cargo dos irmáns Rocha
de Oza dos Ríos, ese ano non estiveron sós e tiveron que competir co Fogueteiro da Sionlla Maximino Ferreiro
Mosquera. Continuou logo a verbena ata "altas horas".
O sábado 16 a banda percorreu as rúas a partir
das 9 da mañá. Ás 12 foi a misa esta vez na honra de San Roque. Á unha da tarde
música na Alameda. Ás 6 da tarde tivo lugar outro partido de fútbol entre os
equipos xuvenís do Ordes e do Negreira. Ás 8 e ás 11 repetiuse o baile.
O domingo 17 percorrido da banda polas rúas de
Ordes e despois concerto na Alameda. Sesión vermú só coa banda. Pola tarde disputouse un novo partido entre os xuvenís do Ordes e do Vista Alegre de Santiago. Logo a
sesión de tarde amenizada pola banda e pola Orquesta
Finisterre, que repetirían novamente de noite nunha verbena que rematou bastante máis tarde que os días anteriores.
* A Academia Balmes estaba nun edificio da calle Directorio (hoxe rúa Rosalía) preto da esquina de Froiz.
A finais dos anos 60 iso aínda non se levara a cabo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario