No ano 2021
Oleiros continuaba sendo o concello coa maior renda en Galicia con ingresos brutos* anuais de 39.041 €, seguido por
Bergondo -que pasou do 5º ao 2º posto- con 38.038. Viñan despois Nigrán, As
Pontes e A Coruña. A comarca de Ordes movíase moi lonxe desas cifras con Oroso
como o de maiores ingresos (23.872 €) e Tordoia o dos máis baixos (18.721 €).
No 2022,
o ano no que Rusia invadiu Ucraína, a renda media dos galegos escalou un 6,6 %, ata os 13.648 euros netos ao ano. Claro que cunha inflación disparada ao 8,4 % na media
do exercicio, a subida dos ingresos non evitou unha perda xeneralizada de poder
adquisitivo na comunidade.
Segundo o Atlas de distribución de renda dos
fogares, que publica o INE, seguía habendo profundas diferenzas na distribución
da riqueza. Así a renda dos municipios máis ricos cuadriplicaba a dos máis
pobres. En Galicia a brecha non era tan profunda porque os ingresos medios anuais
dos veciños de Oleiros -o municipio
máis rico (18.504 euros ao ano)- duplicaban aos do ourensán de Avión, destino de veraneo dalgunha das
maiores fortunas do mundo, pero no que os veciños censado tiñan os ingresos
máis baixos (8.317 euros anuais en media).
Maiores eran as desigualdades cando se analizaban
os datos por barrios, xa que aquí si que a renda media nos máis ricos
multiplicaba por catro a dos máis pobres. No primeiro grupo destacaba o centro
da Coruña, en concreto as contornas
das prazas de Lugo e de Vigo, onde os ingresos netos medios dos seus veciños
alcanzaban os 34.765 euros ao ano. Eran os dous únicos barrios de Galicia onde
se superaban os 30.000 euros, que só se rozaban na zona da urbanización
oleirense de Icaria (29.982 euros) e na zona litoral de Vigo, de Canido a cabo
Estai (28.850 euros). Moi por detrás quedaban as zonas máis adiñeiradas de
Ourense -onde só seis barrios da provincia pasaban dos 20.000 euros por veciño,
coa zona da rúa do Paseo á cabeza, cunha media de 24.828 euros ao ano- e Lugo.
Nesta última provincia, só a zona da Praza Maior e a Catedral, na zona
amurallada, e o distrito do Seminario Maior, tamén na capital, superaban por
pouca marxe esa barreira dos 20.000 euros netos ao ano por veciño.
E cales eran
os barrios máis pobres? Segundo o INE, o faroliño vermello atopábase na
localidade pontevedresa da Lama, nunha zona onde os seus habitantes apenas
ingresaban 7.870 euros netos en media ao ano, menos da cuarta parte que os
veciños do centro da Coruña. Por provincias, as outras zonas menos adiñeiradas
localizábanse en Boborás (8.138), Ribeira (8.524 euros) e Chantada (8.933).
O por que das diferenzas explícábanse porque
mentres os veciños das zonas ricas sumaban aos seus xa altos ingresos salariais
outros conceptos (desde alugueiros a ganancias patrimoniais por venda de
accións), nas zonas pobres eses ingresos adicionais á nómina ou a pensión eran
mínimos.
Como podedes ver no mapa a renda media neta na
comarca non era moi alta. Oscilaba entre os máis de 14.400 euros da parroquia de Cerceda e os 11.900 da zona sur de Ordes (parroquias de Poulo, Pereira e Beán).
De todos modos teño dúbidas de que estes datos -oficiais eso si- reflictan
axeitadamente a realidade. Sorpréndeme especialmente que zonas case urbanas
como Ordes ou Sigüeiro teñan menos renda que outras máis rurais, pero os datos
son os que son e aquí quedan expostos.
* A diferenza
entre as cifras dos dous anos, explícase por que en 2020 é renda media bruta e
no 2021 renda media neta.
No hay comentarios:
Publicar un comentario