2006
quedará no recordo dos galegos como o Ano
dos incendios. Desde o 3 ata o 15 de agosto declaráronse non menos de 1970
incendios forestais (37 deles moi grandes) que arrasaron a comunidade, especialmente
as zonas atlánticas.
A cifra de hectáreas queimadas varía segundo
a fonte consultada: das 77.000 que publicou a Xunta de Galicia (entón en mans
do bipartito PSOE-BNG), pasando polas 86.000 do Ministerio de Medio Ambiente,
ata as 175.000 que contabilizou o PP que estaba neses momentos na oposición. A
provincia de Pontevedra foi a peor parada con 43.000 hectáres queimadas
(arredor do 50% do total galego) e as súas principais cidades, Vigo, Pontevedra
ou Vilagarcía viron as lapas moi preto.
Catro persoas faleceron por intoxicación co
fume e unha resultou ferida moi grave. Os danos económicos foron enormes. Un
estudo posterior fixounos entre 248 (0,62% do PIB) e 336 millóns de euros
(0,84% do PIB).
Os lumes causaron ademais gran alarma social
porque, a diferencia doutros anos, moitos deles producíronse preto de casas e
zonas habitadas no eixo atlántico en vez de zonas menos poboadas como Lugo e
Ourense.
Contribuíu á confusión unha campaña do
goberno galego que xiraba arredor da idea de que nunca se vira tal cousa e que especulaba
con motivos de escuros intereses económicos e mesmo políticos na profusión de
incendios, ou sexa que inculpaba de xeito sutil aos simpatizantes do partido
opositor.
Non obstante, un ano despois, a Fiscalía de
Galicia presentou un informe onde desacreditaba todas estas especulacións sen
fundamento.
A vaga de incendios non foi inusual en Galicia. Houbo unha onda cada ano desde o 2000, sendo
o número de incendios similar e mesmo superior ao do ano 2006. Só se
diferenciou polas condicións climatolóxicas extremas, que non se deron no resto
dos anos. É o que se chama a "regra dos 3 trintas": cando hai
temperaturas superiores a 30ºC,
ventos superiores a 30 km/h
e menos do 30 % de humidade relativa do aire xéranse as condicións ideais para
incendios enormes. Realmente non é así exactamente xa que en Galicia a humidade
sempre é máis alta, pero si se deron os dous restantes xunto con outros como a
abundancia de vexetación descoidada ou a difícil orografía.
Non se atoparon probas de tramas ou de
terrorismo incendiario, nin que se pretendese causar alarma social. As
motivacións políticas, urbanísticas ou relacionadas coa venda de madeira eran
casos insignificantes en relación co número total de sinistros.
A principal causa dos incendios seguía sendo
o uso tradicional do lume no medio rural. O elevado número de queimas
autorizadas pola Xunta (unha media de 300.000 anuais) e a falta de control
adecuado orixinaron un número importante de incendios. O “incendiario-tipo”
actuaba só, estaba vinculado a actividades agrícola-gandeiras, vivía nunha
localidade próxima ao lugar do incendio e ás veces podía reincidir,
distinguíndose tres perfís: o imprudente, o incendiario e o pirómano. En
particular, o imprudente era responsable dun importante número de incendios,
caracterizándose por usar o lume como ferramenta agraria de forma
indisciplinada, incontrolada ou sen adoptar suficientes medidas de prevención,
ao que se engadía, en moitos casos mala capacidade física por razóns de idade. Cando
os incendios foron investigados en profundidade, a proporción de intencionados
descendeu do 85% ao 60%.
En Ordes, segundo estimacións do Concello,
queimáronse 220 hectáreas de
monte entre o 20 de xullo e o 15 de agosto de 2006, bastante menos que a media
galega. Gran parte era superficie arborada, o que incrementou as perdas, sobre
todo porque moitas eran árbores que tiñan máis de 10 anos e xa estaban en
condicións de ser taladas para a súa transformación en madeira. Pero tamén
houbo unha importante perda de forraxe para as explotacións gandeiras.
O Concello manifestou ademais o seu
agradecemento aos equipos de Protección Civil, bombeiros, membros do Grupo
municipal de intervención Rápida e aos agricultores que colaboraron aportando
cisternas e maquinaría agrícola para acabar coas lapas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario