Ademais de canteiros, carpinteiros,
ferreiros, ferradores, latoeiros, zapateiros, xastres e costureiras,
había moitos oficios que se perderon ou cambiaron drasticamente no tempo.
Algúns non eran moi habituais na nosa comarca.
Tratantes: pululaban por
todas as feiras, recoñecibles moitas veces polos seus blusóns negros e por
levar un bastón con moca (un vulto na
punta) que tanto servía para arrearlle ao gando como para dirimir un negocio
cun cliente insatisfeito ou con outro tratante rival. Algúns tamén podían levar
unhas grandes tesoiras para marcar aos animais que compraban e cordas para
atalos. Os tratantes* dedicábanse á compravenda de gando. Normalmente tiñan
algunhas mulleres contratadas a quen deixaban o gando para que o alimentase
algún tempo antes de volvelo a vender. Noutros casos levaban o negocio a
medias.
Aínda
que os máis numerosos eran os tratantes de vacas tamén había de porcos e gando
cabalar. As mulas eran moi apreciadas porque as querían os casteláns para
traballar no campo e chegábanse a pagar 16.000 pesetas polas crías nos anos 50.
Neses
tempos tampouco había moitos camións e as vacas viñan desde Santiago a pé
conducidas por homes contratados que levaban 3 ou 4 animais cada un. Pepe da
Carnicería levábaas ata o tren en Betanzos
de noite porque había menos tráfico. Estaban nunha corte na casa de Mariano
Amado e pola noite facían a viaxe.
Cesteiros: había xente na
comarca que sabía fabricar cestos empregando bimbios, salgueiros ou láminas de
madeira. Algúns só os facían para uso propio ou dalgúns veciños, outros ían de
feira en feira vendendo o seu produto. En Galicia percorrían os camiños cando
se achegaban os traballos que necesitaban cestas, como a recollida da pataca,
do millo e do viño principalmente. Tamén había quen facía outros produtos de
maior tamaño como canizas, cancelas máis lixeiras que as que podían facer os
carpinteiros e, como traballo de máis categoría, hórreos circulares montados
sobre unha base de madeira que na nosa zona denominábanse
"cabanotes".
Peneireiros: traballaban na
súa casa facendo peneiras e cribos que logo levaban ás feiras. Segundo a finura
do aramado as peneiras usábanse para a fariña, mentres os cribos eran para
millo e centeo principalmente, aínda que tamén se usaran coas fabas para
separar os restos das follas e as ruíns das boas.
Leiteiras: eran campesiñas
que ordeñaban as vacas e logo levaban o leite ás cidades ou vilas grandes onde
había xente que non tiña vacas. Coas súas grandes sellas na cabeza era unha
imaxe moi buscada polos fotógrafos. En Ordes practicamente todo o mundo tiña
algunha vaca ata os anos 50. Foi nos 60 e 70 que se empezaron a ver as
leiteiras, deixando a cantidade estipulada na botella de cristal que o cliente
poñía na porta. Á miña casa traía o leite Francisca de Buscás, acompañada do
seu inseparable burro*.
Matachíns e
capadores: era moitas veces, oficio de complemento, pois a matanza era
estacional, xeralmente en novembro ou decembro, meses fríos para que a carne
non se estragara. O matachín* mataba o porco (que era suxeitado polos membros
da familia e veciños) e logo tamén era o encargado de abrilo. Ese día comía na
casa da matanza e sempre había fígado do sacrificado animal como prato fixo.
Capar podíase facer todo o ano e era moito máis fácil porque os cochos aínda eran
pequenos e non daban tanto traballo para inmovilizalos. Con só outra persoa
máis era suficiente.
Muíñeiros e
maquieiros: non era un oficio moi habitual na comarca pois a maioría de muíños
eran comunais e a persoa que levaba o cereal a moer era a que realizaba o
traballo. Cando non era así e había un
propietario, era o maquieiro. El collía o saco, que botaba para moer e cobraba
en especie. A porción que se quedaba para si chamábase "maquía" (de
aí ven o nome, claro). Na nosa zona había maquías en Trabes, en Leira e en Guindibóo. Na vila houbo a de Fernanducho e logo as de Graña e Carril, pero xa non eran
hidráulicas senón que funcionaban con electricidade.
Fogueteiros: unha boa festa
necesitaba ruído, así que os fogueteiros eran moi apreciados. Antigamente eles
mesmos preparaban a pólvora e buscaban as canas de encher (os canivetes) e as
que fan de rabo. O seu taller estaba nun
lugar apartado por se había algún accidente. Na comarca de Ordes era moi
coñecido o fogueteiro da Sionlla Maximino Ferreiro Mosquera, fillo e sucesor de
Manuel Ferreiro Gándara.
Oleiros e telleiros: eran oficios que
non existían na comarca porque tampouco había boa arxila. Así que os oleiros de
máis sona estaban en Buño e traían os seus produtos a vender nas feiras. As
cuadrillas de telleiros procedían normalmente do Baixo Miño, eran itinerantes e
instalábanse nun lugar nos meses de bo tempo (para que secara ben a tella), por
exemplo en Santaia de Moar había unha telleira na que traballaba a familia
Trigo de Salcidos (A Guarda). Tamén no
camiño de Guindibóo a Pereira houbo outra telleira, pero eran tellas de moi
mala calidade. Normalmente vendíanse por monllos (un monllo eran 100 tellas).
Arrieiros: serían o
equivalente aos actuais transportistas, só que empregando recuas de 10 ou 12
mulas en vez de camións. Era un oficio máis habitual da Galicia suroriental
pois o principal produto de transporte eran odres de viño das bodegas aos
centros de consumo. Tamén podían levar outras mercadorías ou mesmo cartos que
lles eran confiados pola súa boa sona.
Paragüeiros e
afiadores: tampouco había na comarca. Procedían habitualmente de Ourense e ían
polas vilas anunciándose co silbido dun chifre. Afiaban coitelos e compoñían as
potas rotas, para o que levaban anacos de lata. Ata tiñan unha lingua propia, o
"barallete" que só eles entendían.
* Os tratantes acostumaban ter mala
prensa, pero especialmente Antonio Gestal Calvo de Ardemil a quen o
mesmo Boletín Oficial de la provincia
de La Coruña de 20 de marzo de 1928 calificaba directamente de "especulador de ganado vacuno",
mentres que a outros como José Gil Viqueira, Pedro Fraga Rodríguez e Antonio
García Varela chamáballes "tratantes
de ganado".
Francisca Rodríguez Botana (1934-2025) de Casabella (Buscás), muller de Agustín Rivas Suárez. O seu burro coñecía tan ben o percorrido que paraba diante
das casas onde había que deixar o leite sen que ela llo tivese que mandar.
Logro comprou unha pequena furgoneta e xubilou ao burro. Segundo comentaba
Francisca,
el non levaba ben o ocio e volvía con gran ledicia ao traballo cando a ela se
lle avariaba a furgoneta.
O meu pai, Juan
de Babila, a finais dos 70 e 80 cando empezou a ser difícil atopar
matachíns profesionais, comezou a facelo el para todos os coñecidos -e logo
non tan coñecidos-. Eu acompañábao sempre para suxeitar o porco, porque ás
veces tamén escaseaban veciños dispoñibles. Así que, por unha vez, é un tema
que domino de primeira man (e por certo preferiría non telo tan dominado!).
|
No hay comentarios:
Publicar un comentario