Ser xastre e costureira era motivo de envexa
porque era un oficio descansado. Traballábase a cuberto e á sombra cando os
demais estaban soportando as inclemencias do tempo, e tampouco era perigoso (agás para a vista), non había que facer esforzos físicos e non había
accidentes.
Tanto xastres como costureiras tiñan un
taller na súa casa, pero tamén podían ir traballar polas casas a mantido. Isto último foi
moi habitual na primeira metade do século XX, pero logo desapareceu esta práctica
e acabaron traballando só no taller.
O xastre non precisaba de moitas cousas: unha mesa grande onde estirar, medir e cortar o xénero, tesoiras, regras,
cintas métricas, xiz, agullas, alfinetes e a máquina de coser. Tamén un bo
ferro [plancha], que ás veces poñían na porta
para que a corrente de aire acendese os carbóns, non arrefriara e puidese ser
empregada en calquera momento. O xénero tanto podía telo o xastre como levalo o
cliente que quería facerse o traxe.
As costureiras igualmente podían ser de taller o
de andar polas vivendas. Neste caso levaban unha máquina pequena na cabeza,
tesoiras, agullas, alfinetes, fío...
Grazas ao anuario Riera sabemos que a
principios de século había dous xastres en Ordes: Andrés Blanco e Ramón Vilela
(parente político da familia Mariño dos Lagartos). Outro, tamén de tempos moi
antigos, foi o meu bisavó José Fernández o Picho, que era moi
trangalleiro. Herdou o traballo e o alcume o seu fillo Cándido Fernández Castro (1920-1994), que á
súa vez llo traspasou ao seu fillo José Fernández Rey. Na rúa Lagartos viviron
outros dous xastres Leonardo Recouso e Pispa e en Alfonso Senra 102, nunha
casa que aínda conserva o seu aspecto tradicional,
José Aller Fernández (1903-1980). Tamén en Alfonso Senra pero máis ao sur (onde agora está Cristín) traballou José Mosquera Peteiro (1904-1999), xastre que veu de Pontecarreira, casado con Manuela Lodeiros Sánchez (1904-1996) e pai de tres fillas e un fillo varón.
Outro xastre da mesma época foi Manuel Sousa
Hermida (1906-?), que non era de Ordes xa que nacera en Ponte
Caldelas. Era militante socialista e con el traballou e compartiu as súas ideas
políticas o coñecido guerrilleiro Manuel Ponte Pedreira (1911-1947).
Tamén Ramón Ponte, irmán do anterior, foi xastre. Manuel Sousa acabou
exiliado en México, Ponte foi abatido no Fontao e Ramón marchou a Arxentina
despois de pasar catro anos no cárcere.
Dunha xeración máis moderna temos a Antonio Ramos Tejo (1917-1990) procedente de Frades e casado con Manuela Dafonte Ríos (1922-2013), Tomás Fuentes Ríos (1928-2016), Manuel Botana Porro (1929-2017) o Xastre da
Canle, Javier Alfonso Candal Iglesias (1934-2010)...
Tamén polo anuario Riera sabemos que a
principios de século había varias "modistas" en Ordes: María
e Gumersinda
Franqueira, Elena López e Carmen del Río.
Trinidad Faya Trini (1915-2015), dos Faya da Fábrica, foi unha excelente costureira e ensinou a moitas outras mozas o
oficio. Da mesma idade era Mª Carmen Rivas Vaamonde (1915-1984), muller do guerrilleiro Ponte. Outras costureiras moi coñecidas e de gran categoría foron as fillas de Angustias: Antonia, Esther e
Josefa Regos
Viqueira.
Pero houbo moitas outras como María A. Pérez
Graña Maruja do Relojero, Dolores Caramelo Pena Lolita do Porteiro, Marina Recouso
Boquete do Recreo, Valentina Noya
de Ardemil, Carmen
Ríos del Río de Buscás...
Unha das razóns de que sempre houbo
abundancia de costureiras é que desde moi antigo se celebraron na vila diversos
cursiños para aprender a coser. Temos constancia dun xa en 1930, pero foron
especialmente populares nos anos 50 e 60. Un dos habituais organizadores destes
cursos era Víctor do Capitán.
* María Asunción Pérez
Graña (1924-2008) era a 5ª filla do reloxeiro Manuel Pérez Rivas. Aprendeu o oficio de costureira e montou unha
fábrica téxtil -Confecciones Graña-
en Alfonso Senra 72. Casou con Ramón Louzao
Cendal (1917-1970) procedente de Leobalde (Tordoia), carteiro e
correspondente de La Voz de Galicia, co que tivo 3 fillos: Manuel Ramón Chicho, José Luis Telís
e Mª Aurora Louzao Pérez a Nena.
No hay comentarios:
Publicar un comentario