lunes, 25 de marzo de 2024

Manuel Miramontes Fandiño

  Ao igual que Higinio Cambeses, Manuel Miramontes, máis coñecido como Bartolo ou Mestre Bartolo, non naceu en Ordes pero o seu paso pola vila deixou unha forte pegada.
 
  Manuel Miramontes Fandiño naceu en 1934 no Porto do Medio, lugar do barrio compostelán de San Lázaro, que naqueles tempos era unha aldea, preto da cidade iso si, pero "fóra de portas" (de feito tiñan que pasar polo fielato).
  Manuel foi un rapaz campesiño máis, apaixoado da música como o seu irmán Antonio. Xuntos compartiron unha gaita que custou 100 pesetas e aprenderon a tocar estando coas vacas no monte. Foron as monxas do colexio do antigo hospital de San Lázaro as que, debido á abundancia de Manueles, lle puxeron un alcume a cada un e a el tocoulle o de Bartolo.
 
  Ingresou en Cantigas e Agarimos onde coñeceu á que sería súa muller, a arzuana Margarita Taboada López Rita, que era unha das mellores bailarinas da agrupación. Con ela casaría e tería dous fillos, Rita (m.2018) e Manuel, que seguirían os seus pasos dentro do mundo do folklore galego (Rita filla mesmo sería presidenta da Asociación do Traxe Galego).
  O matrimonio emigrou 3 anos a Suiza para conseguir cartos para a súa casa. Xa de volta volveron á agrupación. Traballou tamén nun taller de cristalería. Como tocar a gaita non era suficiente para gañar a vida, empezou a dar clases e, vista a falta de luthiers de gaita despois do falecemento de Basilio Carril da rúa San Pedro, tamén empezou a facer palletas e posteriormente a fabricar gaitas nun taller que tiña en Monte dos Postes. Compuxo ademais moitas pezas como o pasarrúas "Cacheiras".
  Pero, como dicía el, o que máis fabricou foron gaiteiros: fundou diversas agrupacións como Brisas da Terra, Lembranzas do Tambre e bandas como Maruxía de Laxe, Os Enxebres de San Lázaro ou Aires de Compostela.
 
  Foi nos anos 70, coa fundación de Sementes do Arte por Juanjo Linares, que Bartolo iniciou o contacto con Ordes. Sería o primeiro mestre gaiteiro que tivo a agrupación e viaxaba en Castromil desde Santiago para ensinar e ensaiar nun local da antiga fábrica de Viriato. Toda unha xeración de gaiteiros ordenses naceu das súas clases.
 
 
  Posteriormente desde 1979 ao ano 2005 tamén daría clases no Colexio La Salle de Santiago onde tería centos de alumnos.
  Era pouco amigo da innovación e, aínda que respectaba aos que tomaban outros camiños, el prefería manterse fiel á tradición.
  Nel convivían o músico e o campesiño. Adoraba pasar o seu tempo no horto, máis que no seu taller, e nunca pensou en retirarse de gaiteiro.
  Morreu en decembro de 2022 aos 88 anos de idade.

 

  Para rematar, unha anécdota. O seu pai, mecánico da casa Singer, era moi carallán. Cando soubo que as monxas lle chamaban Bartolo ía polas tabernas cantando a canción «Bartolo tenía una flauta con un agujero solo, y la gente le decía: ¡Toca la flauta, Bartolo!». Cando Manuel comezou a tocar a gaita, cambiou a letra da canción substituíndo flauta por gaita. E, aínda máis, porque cando Manuel casou, engadiu a Rita na letra: «Bartolo tenía una gaita con un agujero solo, y Rita le daba la lata a la gaita de Bartolo».

No hay comentarios:

Publicar un comentario