miércoles, 3 de agosto de 2022

O apelido Candal

 
   Segundo o ILG o apelido Candal é escaso en Galicia, apenas algo mais de 2.100 portadores, pero en cambio é o décimo máis abundante en Ordes. Probablemente orixinouse na parroquia de Ardemil e de aí estendeuse polos lugares veciños, incluído o municipio de Carral que é o líder en porcentaxe, aínda que o maior número absoluto corresponde á Coruña con máis de 520 portadores, seguido de Ordes con 425. 
  Do mesmo xeito que Calvo ou Moreno é un apelido que indica unha calidade física da persoa. Candal ten o significado de "alto e delgado como unha candea". Debía ser un alcume que tiveron os primeiros portadores. 
  Como dixemos antes debeuse orixinar preto do Mesón do Vento, porque aínda hoxe máis do 20 % dos alumnos do seu colexio levan este apelido (e algúns por partida dobre). Con esta abundancia houbo bastantes portadores destacados. 
 
  A mediados do século XIX sabemos que había un tal Jacobo Candal, propietario dunha parada de sementais na parroquia de San Pedro de Ardemil. 
  Xa nos anos 30 do século XX o asociacionismo agrario deixouse sentir en toda Galicia e Ardemil non foi a excepción. Unha destas organizacións foi o Sindicato de Profesiones varias y Campesinos de Brea-Ardemil. Era o seu presidente Francisco Candal Barbeito e Maximino Candal Ríos o seu secretario. 
  Ao remate da Guerra Civil Ardemil foi unha das parroquias onde houbo máis resistencia antifranquista. Aí destacaron dous homes:
José Candal Bouzas Candal (1907-1990) era veciño e natural de Mámoas. Foi militante das Juventudes Socialistas, logrando saír indemne do golpe de 1936. Posteriormente ingresou como enlace da 4ª Agrupación do Exército Guerrilleiro de Galicia. O 7 de agosto de 1947 foi preso pola Garda Civil de Ordes da que sufriu tortura.
José Candal Gómez formou parte da ducia de homes que Juan Couto Sanjurjo recrutou na súa parroquia natal para, o 13 de abril de 1946, levar a cabo unha sabotaxe no Canedo. Foi condenado a 4 anos de cadea.
 

  Moi coñecido pola súa actividade comercial foi Avelino Candal Candal (1923-2005), o 3º dos 5 fillos de Pedro Candal e Carmen Candal Boga (1900-1973). Avelino foi o propietario do que hoxe é o máis famoso restaurante do Mesón do Vento. Casado con Carmen Fariña Barbeito (1935-2022), tivo dous fillos tamén moi coñecidos, Jose Manuel Candal Fariña, o actual propietario do restaurante, e Avelino Candal Fariña que tamén traballa na restauración en Santiago e foi uns anos concelleiro e líder do BNG de Ordes (mentres o seu irmán curiosamente simpatizaba co PP).
 
 
  Non obstante o Candal máis coñecido a nivel galego non foi nativo de Ardemil, senón de Gouzón en Leira. Falamos de Manuel Candal Candal (1935-2009) o Manco de Gouzón, que emigrou a Vilamartín de Valdeorras onde traballou como funcionario e onde sería alcalde durante 36 anos! El é a orixe dos portadores do apelido nese concello. 
  
 
  Na vila de Ordes establecéronse campesiños de Ardemil buscando un futuro mellor. Tal foi o caso de Alfonso Candal Iglesias (1906-1978), chamado Alfonso de Mingos por ser fillo de Domingo Candal Candal (m.1947) -e de Manuela  Iglesias García (m.1954)-. Alfonso traballou no serradoiro Wais e casou con Antonia Iglesias López (1911-2007) coa que tivo 7 fillos: Amalia, Javier Alfonso, Mª Teresa, Milagros, José Luis, Jaime e Juan Ignacio. Obviamente, o 2º, Javier Alfonso Candal Iglesias (1934-2010), foi o máis coñecido. Aprendeu o oficio de xastre e montou un famoso comercio de roupa na rúa Alfonso Senra 120. Casado con Aurelia González Hernández, tivo catro fillos: Javier Alfonso, Cristina, Beatriz e Mario Candal González, que continuaron co negocio familiar e montaron máis tendas en Ordes, Santiago e Bertamiráns.
 
  Outros que emigraron a Ordes foron algúns dos 8 irmáns Candal Candal, dos que varios traballaron como taxistas. Os dous menores, Oswaldo Candal Candal (1936-2002) e Dionisio Candal Candal foron os que montaron a principios dos anos 70 a primeira sala de festas da vila que se chamaba -viva a redundancia- Os Candales. O irmán maior Manuel Candal Candal (1922-2017), casado con María Vázquez Leis (1922-2008) e que viviu na rúa de Compostela, foi chófer do serradoiro Wais e taxista, oficio que tamén desempeñou Ismael Candal Candal e que continúa o seu fillo Ismael Candal Maroño.

No hay comentarios:

Publicar un comentario