O oficio de carpinteiro era moi estimado.
Como eles recordaban, ata o Noso Señor Xesucristo desempeñou ese traballo no
taller do seu pai San Xosé.
O rapaz que quería facerse carpinteiro tiña
que empezar de aprendiz nun taller pagando ao mestre para que lle ensinase o
oficio. Comezaba desbastando os paus, serrando e facendo traballos moi sinxelos
coa machada para seguir co garlopín e o cepillo ata usar a garlopa e as
molduras.
Os
carpinteiros tiñan un banco especial co seu correspondente fuso onde se axustaban
as pezas que había que traballar. Usaban dous serróns pequenos e un máis
grande. Os pequenos eran o de punta e o de cota. Para serrar os paus usaban o
tronzador e para fender algunha táboa a serra pequena, empregada tamén para
facer as táboas dun tronco de carballo ou castiñeiro. En ningunha carpintería
faltaba un xogo de machadiñas, trenchas, gubias e formóns, limas, mazos,
martelos, berbequí, trade, escuadro, gramil, desparafusador e diferentes pezas
para poder afirmar un pau ou unha táboa cando non chegaba o fuso do mesmo
banco, metro, compás e nivel.
Todas esas ferramentas tíñanas no taller onde
traballaban pero cando ían ás casas levaban unhas esportas coas ferramentas
máis indispensables, a non ser que tiveran que traballar na feitura dunha
vivenda, que entón levaban un ou dous bancos e establecían alí o seu taller.
Cando se construía unha casa os carpinteiros
facían o soporte do tellado, as trabes, o chan do sobrado e as escaleiras que
sempre era de madeira, os marcos e contras das fiestras e as portas, así como
os portalóns dos alpendres e as cancelas das eiras, aínda que estas ás veces
tamén as facía o propio campesiño.
Fabricaban todo o mobiliario da casa:
louceiro ou alzadeiro, lacena e artesa para a cociña, mesas, roupeiro, cómodas,
camas e mesas de noite, un sillón ou dous, bancos de respaldo e algunhas
sillas. Tamén o escano e os banquiños pequenos para acomodar tanto na cociña
como nos traballos da esfolla, escoller patacas ou muxir as vacas.
Os carpinteiros facían ademais os mangos para
a maioría de ferramentas do campo, o corpo dos hórreos que na nosa comarca era
de madeira de castiñeiro e os carros e arados. Os carros acostumaban facelos
carpinteiros especializados en rodeiros chamados "os fragueiros", que
poñían os ferraxes axudados polos ferreiros. En Vilaverde José de Xaniño facía
todos os carros da contorna.
Un dos traballos que tiveron importancia e
ata certa emoción foron as arcas de noiva onde esta gardaba a roupa que levaba
ao matrimonio e que hoxe podemos admirar nalgún museo. Por iso non é extraño
que a cántiga faga o eloxio do carpinteiro:
Non te cases cun ferreiro / que o
pican as muxicas,
cásate cun carpinteiro / que fai as
arcas bonitas.
Nos anos 20 tiñan sona os carpinteiros dos Murís (Esmorís). O mestre era un
home alto e moreno, Manuel d'Antón, que traballaba co seu irmán Pedro de
Regueiro e con José da Tiopeira (este último tamén sabía tocar o acordeón). No
ano 1929 foron facerlle un carro á casa de García no Casal, botáronlle o
tellado e máis os puntos do hórreo novo de pedra, os cinco tramos, e a porta da
capela. Traballaban todo o día a mantido, de sol a sol, e ían durmir ás súas
casas. Ao rematar pintárono todo con
cadros de cores con pintura bermella, azul, amarela e branca para admiración da
señora que dicía que quedara tan bonito "que parecía un cemiterio".
Houbo albaroque (celebración) con participación dos canteiros da Maquía
de Buscás que foran os que fixeran as cepas, os penais e as rateiras do hórreo.
Outros carpinteiros moi coñecidos foron os Regos.
Juan Regos Caramelo (1888-1960), fillo do alcalde Benito Regos e marido
de Angustias, foi un bo carpinteiro que estivo bastante tempo
emigrado pero aínda así tivo moitos fillos. Os tres varóns, Manuel (1917-1971),
Juan
(1918-1996) e José
Regos Viqueira (1928-1996) tamén exerceron o oficio e no
taller do maior, que estaba onde hoxe é a farmacia de Pilar Cristín Mariño,
aprenderon moitos outros carpinteiros da vila como José Villaverde Prego Pepe da
Pandareta ou Manuel del Río Rodríguez Manoliño do Carteiro. Eran
lentos pero o seu traballo era de calidade.
En Alfonso Senra tivo o seu
taller José
Iglesias Brandariz José da Calzada
(1899-1971) que casou con Teresa Moar Lata (1903-1984), filla do alcalde
Antonio Moar de Buscás. O taller sería logo desde finais dos 60 o ultramarinos
do seu fillo Higinio.
Tamén procedía de Buscás Juan Ruibal García (1899-1993),
casado con María López Castro (1903-1985), que tivo o seu taller no Recreo.
Nos Lagartos, preto da vella maquía de Fernanducho estaba a carpintería de José Fernández
Bello (1920-1981). Con el traballou un tempo Modesto Fernández Vázquez
(1916-1989), casado con Anuncia Álvarez Fernández, que logo sería o fundador de
Pompas Fúnebres San Isidro.
Na entón calle Generalísimo -e hoxe rúa Ramón
Carro- estaba a carpintería de José Castro Rivas (1915-2001) máis coñecido
como Pepe de
Segunda porque estaba casado con Segunda Gómez Míguez (1916-2001). Aí
traballaron Pepe da Pandareta e José María
Fuentes, o fillo do panadeiro Pepe de Juana.
E finalmente en Vilar estaba José Villaverde
Martínez Pepe da Xuliana (1914-1999), que casou con
Consuelo Presedo Ruibal (1914-1990) coa que tivo 8 fillas e un só varón.
No hay comentarios:
Publicar un comentario