Velaquí un poema dedicado á terra da miña nai
e á de moitos rapaces do colexio do Mesón do Vento. Doutra banda tamén recorda aos moitísimos
emigrantes que tiveron que marchar a América na procura dunha vida mellor (na miña familia meu bisavó,
varios tíos-avós, meus pais, miñas tías e os meus tíos Pepe Varela e Raffaele
Villino, este último desde Noci en Italia).
Cando sobes ao Canedo
e te achegas ao Mesón
ves como medra a bruma
e se che encolle o corazón.
Tanto vento, néboa e chuvia,
tanto frío e aflición.
Ai que terra máis triste,
que tan pouco ve o sol!
Terra fría de homes duros
e mulleres aínda peor,
xente que emigra ben lonxe
buscando algo de calor.
Así o fixen de moi novo,
quería unha vida mellor,
quería sol, quería luz,
quería ouro e quería amor.
Pero hoxe que son vello
e que estou lonxe de alí
canto daría por volver,
e pisar de novo Ardemil.
Ver a igrexa de San Pedro
e as leiras de Achán,
cortar o toxo no monte
co gabillo nesta man.
|
Canto quixera sentir
de novo o vento na cara,
destripar aqueles terróns,
oír bruar á miña vaca,
sentir o frescor da auga
do rego Porto Manteiga
e ver aqueles verdes ollos
que había na Salgueira.
Cando morra que me enterren
no máis alto do Mesón,
e que as ondas da antena
atravesen o meu corazón,
que os meus ósos se confundan
coa dura terra de arredor
e do meu corpo descomposto
naza unha pequena flor
que coma o pastor da lenda
cante unha triste canción,
que eu son fillo dese
frío,
dese vento e desa bruma,
deses toxos, deses montes
desa noite tan escura...
e nin cen anos no trópico
poden borrar esa feitura!
Xan Ferreiro
|
No hay comentarios:
Publicar un comentario