O de canteiro sempre foi un oficio de
primeira clase en Galicia. Mesmo chegaron a ter unha xerga para non ser
entendidos polos capataces, xerga denominada "Latín dos canteiros".
Eran especialmente famosos os de Cotobade, Terra de Montes, Pontevedra e Cuntis.
De feito, José Escariz Pepe o Canteiro (1935-2005) veu de Cuntis
contratado para traballar na reforma da igrexa parroquial de Ordes.
A finais do XIX e comezos do século XX
traballaban "de estrela a estrela" e mentres a luz non era suficiente
preparaban as pedras para comezar a picar ou labrar tan pronto se puidese.
Gozaban de gran prestixio entre as mulleres,
que se pasaban polos talleres para coller o po da pedra que labraban porque con
ese po, o mesmo que a borralla, fregaban as pezas metálicas que se usaban na
mesa.
Hai unha cantiga que expresa a envexa que
producían os canteiros e outra que advirte ás mulleres que se interesan por eles.
Pica, canteiriño, pica,
pica na pedra miúda;
pica na muller allea,
que outro picará na tua.
|
Non te fíes, rapariga,
no canteiro que ben canta;
é a fariña da pedra
que se lle pon na garganta.
|
Claro que isto refírese só aos canteiros de
granito. En Ordes, en cambio, a pedra predominante é o xisto, tan abundante que
mesmo ten, como os viños, denominación de orixe (esquisto de Ordes). As ferramentas tampouco eran tantas nin tan
sofisticadas: había picos, escodas, paletas, escuadros, plomos e
niveis.
O xisto sacábano de canteiras que había en
moitos lugares. A maioría das casas da vila de Ordes facíanse con pedras dun lugar que
estaba a carón da que hoxe é coñecida como rúa da Canteira (no é casualidade o
nome).
Logo ían polas aldeas facendo casas, hórreos, pallotes, cortes,
casiñas para os pozos e menos habitualmente outras construcións como muíños.
A maioría das casas eran moi parecidas, con 48
cuartas de longo por corenta de anchura. Un corredor central, cunha porta ao
principio e outra ao final, dividía a sección de cortes da cociña onde estaban
as escaleiras para o sobrado. Dentro da cociña, iluminada pola fiestra do vertedoiro,
estaba a lareira, o forno, a borralleira e a cheminea soportada normalmente por
unha columna de castiñeiro ou cantería. As cortes adoitaban ter dous bufardos
abucinados. No sobrado había tres xanelas que daban á fachada do curral e
outras tres á eira. Non cumio do penal,
finalmente había un ventanuco que
iluminaba o faiado.
As paredes eran de cachotería e barro. Os
canteiros íanas facendo, uns por dentro e outros por fóra, poñendo as arrabadeiras e os tizóns (pedras longas
que atravesaban a parede para afirmala). O mestre poñía os esquinais e as
xambas de portas e fiestras. A parede era endereitada a ollo e coa plomada.
Segundo ía sendo máis alta, había que poñer
estadas (andamios),
feitas con táboas e piñeiros verdes. Rachábanse as pedras saíntes da parede e as pedriñas resultantes metíanse nos ocos (unha fachada o máis lisa posible era o orgullo dos canteiros). Ao acabar tapábanse os machinais (os buratos onde se encaixaban as
estadas) e poñíanse as vigas e o topete para desvíar a auga da chuvia.
Moitas veces celebrábase o final da obra cunha comida chamada
"albaroque" e poñíase tamén un ramo de loureiro. Co
tempo empezou a empregarse un pequeno piñeiro.
Na Maquía de Buscás había unha coñecida cuadrilla
de canteiros que viña de pais a fillos. O mestre era Manuel Ruibal e tiña de canteiros aos Xestales dos Murís, Ríos do Cubo,
Farruco do Xastre da Gorita, Ánxelo do Verdeal e para amasar o barro e subilo á
parede ao Campelo de Merelle.
En Ordes Juanito da Fabera tiña na súa cuadrilla a Andrés da Robada, Ricardo de Xaniño, dous
Mariños do Casal e a José García Varela (1906-1992) do Casal, que
sería o que tomaría logo o mando e construiría -xa con formigón e ladrillo- a Casa consistorial.
Outros construtores de principios do século XX foron Policarpo Bello, que estaba casado con María Blanco Carballido, e José Golán.
FONTE: "Historia viva" de Manuel Rodríguez García.
Súper interesante, coma sempre!!!!
ResponderEliminar