O primeiro mes do ano acostuma ser frío, con
fortes xeadas e bastante seco. É común a expresión "Xaneiro
xiadeiro". Advírteno moitos refráns como No
mes de xaneiro pon os pés no braseiro. A choiva non se considera
beneficiosa neste tempo: Cando chove en xaneiro non
hai bo prado nin bo lameiro ou tamén Moita
chuvia en xaneiro, pouca anada no cabaceiro.
Cos ceos tan despexados a lúa chea é
espectacular: Coa lúa de xaneiro vese a formiga no
carreiro. Amor, o primeiro, lúa a de xaneiro.
Neste mes plantábanse os allos e as verzas, podábanse
as árbores froiteiras e collíanse os grelos. En
xaneiro pon o alleiro. Verzas en xaneiro saben
coma carneiro.
As datas sinaladas son San Xian
(día 9) e San Vicente (día 23). Polo San Xian medra o día un pasiño de can. Polo San Vicente perde o inverno un dente. Polo San Vicente planta os nabos da semente.
Normalmente é un mes frío, aínda que
ocasionalmente haxa sol. Os refráns déixano claro: Abrígate
por febreiro con dúas capas e un sombreiro. Acostuma ser o mes menos
chuvioso do inverno, pero a auga é ben recibida: Auga
en febreiro, mellor que en xaneiro ou Auga en febreiro enche o cabaceiro. Tamén hai algunha
discrepancia: Se chove en febreiro, nin trigo nin
centeo.
Na terra na que se colleran os grelos
podíanse plantar patacas (patacas de cedo) e tamén se collían os nabos para que
as vacas desen bo leite.
A data máis sinalada é a Candeloria (día 2) -cando segundo o saber popular casaban os
paxariños- e logo San Brais (día 3).
Cando a Candeloria chora, a metade do inverno vai fóra.
Que chore, que deixe de chorar, a metá do inverno está
por pasar. Por San Brais, dúas horas máis.
Destaca pola súa inestabilidade: Marzo marzolo, trebón e raiolo ou Marzo marzán, pola mañá cariña de rosa e pola tarde cara de
can. Algún non está de acordo: Marzo é enganador, un día malo e outro peor.
A finais de marzo plantábanse as patacas e
arábase a terra para sementar o millo. Comezan a verse aves: Entre marzo e abril sae o cuco do cubil.
A data máis sinalada é o San Xosé (día 19).
Aínda que na nosa comarca abril non chega aos
100 litros
por metro cadrado e hai ata seis meses de maiores precipitacións, nos refráns
ten fama de moi chuvioso: Abril, augas mil ou Chuvia de abril enche carro e carril. Ademais esta
chuvia considerábase moi beneficiosa: Chova por abril
e maio e non chova en todo o ano ou Xaneiro
xiado e abril mollado enchen o faiado. Aínda é un mes fresco: Os aires de abril fan meter ao porco no cubil.
En abril preparábase a terra para sementar o
millo, plantábanse as patacas de tarde e sementábase o liño.
Unha data sinalada é o San Marcos (día 25): O millo polo San
Marcos nin no saco nin nado. Se ves a cobra
antes de San Marcos aínda verás neve nos campos.
Os refráns inciden en que aínda é un mes
fresco: En maio aínda a vella queima o tallo ou
tamén En maio aínda a vella quenta o saio. Non
chove demasiado pero se hai chuvia é beneficiosa: En
maio augas catro e esas que cheguen ó barro. Cando
en maio hai lama aínda algo se gaña. Para moitos era o tempo ideal: Maio é o mellor mes do ano.
Era o mes no que se sementaba o millo, fabas,
garavanzos, chícharos, melóns... En maio colle os bois e o arado.
Unha data sinalada e a Santa Cruz de maio (día 3): Pola Santa Cruz de maio o lobo e o corvo nado e o raposo medio criado.
É o mes do solsticio de verán, así que: En San
Xoán as 9 con día dan. No mes de San Xoán secan
as fontes e arden os montes.
Neste mes sachábanse as leiras de millo
(fabas, etc) para quitar as malas herbas.
A data
máis destacada era San Xoán (día 24)
preto do solsticio: De San Xoán a San Pedro cinco días
van no medio. Tamén están o San
Paio (día 26) e San Pedro (día
29), moi populares no concello por ser patronos de Buscás e Ardemil. Día de San Paio, a cegoña nos prados.
É un mes de verán: En xullo arder e as patacas
coller. Por moito que xullo queira ser, pouco ha de chover.
Era un mes de moito traballo coa sega dos
cereais (trigo, avea, cebada) e a recollida das patacas. Tamén era o momento de
sementar nabos: Para coller moitos nabos, por Santiago
sementalos. Polo Santiago seméntase o nabo.
A data máis sinalada é Santiago (día 25) patrono de España, Galicia e da parroquia de
Vilamaior. Pero hai varias neste mes: San Cristovo (día 10): Chuvia de San Cristovo co seu cobo. Polo San Cristovo xa o millo lle tapa a ala ó corvo.
o Carme (16): No Carme todo o mundo come carne. Santa Mariña (18): Santa Mariña, froito na arquiña. San Lorenzo (21), a Madalena
(22): Pola Santa Madalena a abelá xa está chea.
e Santa Ana (día 26).
É o mes de verán por excelencia, fai moita calor pero os días xa son
algo máis curtos. En agosto o sol corre coma o lostro. En agosto secan os montes e en setembro as fontes. En agosto sol posto, noite connosco.
Agosto era o mes en que se mallaba o trigo,
collíanse as fabas e segábase a herba seca.
As datas máis sinaladas son a Santa María (día 15) e San
Roque (16), días de festa na parroquia de Ordes.
É un mes aínda caloroso pero xa se nota algo de fresco: En setembro non hai vella que non trema. A choiva xa supera
na comarca os 100 litros
por metro cadrado pero é moi variable de ano a ano por iso un refrán di: Setembro, ou seca as fontes ou leva as pontes.
Noutras zonas de Galicia era o tempo da
vendima. Na nosa comarca era o momento de arar a terra do trigo para sementar
os nabos e as coles, pero tamén para gozar das colleitas e os produtos da
estación: En setembro come e bebe, pero non sexa tanto
o comer e o beber que non deixes para vender.
Datas sinaladas son San Mateo (día 21): Polo San mateu cada un vendima o seu, e San Miguel (29): Polo San Miguel uvas e mel. Polo
San Miguel sabe o touciño a mel.
Baixan as temperaturas e aumentan as chuvias:
En outubro non molesta o lume. Outubro quente trae o demo no ventre. Non hai acordo sobre
o beneficioso das precipitacións: Auga de outono mata
ó seu dono. Auga en outono non lle convén ó
xornaleiro nin ó seu dono. Outubro chuvioso,
ano copioso. Outubro chuvioso torna ó labrador
venturoso.
Nese mes recollíase o millo e íase ás castañas.
Hai varios días sinalados: San
Francisco (día 4), San Froilán
(5), o Pilar (12), os Remedios (2º domingo), San Lucas (18) e San Simón (28). Outono outonán, mes de San
Lucas e máis de San Froilán. Por San Simón e
San Xudas collidas as uvas.
É un mes chuvioso e frío: De Santos a Nadal inverno carnal. De Santos a Navidá inverno de verdá. De Santos á Ascensión non quites o mantón. Cando Santos remata o inverno empeza.
Era o tempo de arar a terra onde estivera o
millo, sementar o trigo, a cebada, a avea ... pero sobre todo era o momento da matanza do porco. Polo San Martiño mata ó teu porquiño.
As datas sinaladas son Santos (día 1) e Defuntos
(2), San Martiño (11) que da nome ao
mes, Santa Catarina (25) e San Andrés (30): Ditoso mes que empeza en Santos e acaba en San Andrés.
Pola Santa Catalina neve na cociña.
É o mes máis chuvioso e moi frío. As chuvias de Nadal non fan mal. No Nadal inverno a fartar.
Rematábase de sementar o trigo, pero o máis do
tempo había que estar dentro da casa. No mes de Nadal
a carón da lareira vaite sentar.
Días sinalados eran a Concepción (8), Santa Lucía
(día 13), Santa Baia (14), e Santo Tomé (21), ademais de Noiteboa e
Nadal. Pola Santa Lucía mingua a noite e medra o
día. Polo Santo Tomé
agarra o cocho polo pé.
No hay comentarios:
Publicar un comentario