Sumamente abundantes na nosa comarca son as ericáceas, chamadas así porque o nome
científico da maioría das especies empeza pola palabra Erica. En
castelán son brezos e en galego reciben
múltiple nomes: QUEIROA,
queiroga, uz,
urce... Son arbustos aínda que non o
pareza polo seu pequeno tamaño.
É difícil para un profano distinguir unhas
especies doutras. O carrasco (Erica cinerea) e a carroucha (Erica umbellata) son moi comúns en calquera matogueira sobre chans non encharcados
-e Erica cinerea, ás veces, tamén nestes-.
Outra planta abundantísima é o milicroque ou estalote (Digitalis purpurea). Ten decenas de
nomes populares (en Ordes quizais o máis habitual sexa bilitroque) e, sen dúbida, é a preferida dos rapaces, que gozan
facendo ruído estoupando a súa corola. Antigamente tiña un uso medicinal contra a arritmia e outras doenzas do corazón, ata
que se viu que era demasiado perigosa.
Outra planta de flores púrpura é a ervellaca (Vicia sativa), que en castelán recibe os nomes de arveja
ou veza.
Se pensades que se parece bastante á planta das fabas, estades no certo porque
tamén é unha fabácea, pero neste caso está considerada unha mala herba, aínda que nos anos 40 comíase e ata se empregaba como substitutivo do café!
O Eupatorium cannabinum (cañamazo en castelán), da familia das asteráceas, é unha planta con propiedades medicinais.
O cardo máis habitual na comarca é o cardo asneiro (Onopordum acanthium). Tamén é o emblema nacional de escocia, polo
que en inglés é coñecido como scots thistle "cardo escocés". Da
mesma familia das asteráceas é a
planta chamada en castelán cártamo silvestre (Centaurea jacea). En inglés
chámanlle brown
knapweed "mala herba marrón" e está considerada como unha
especie invasora.
Os paxariños
ou arreitó (Linaria triornitophora) pertence as plantaxináceas e destaca polas
súas preciosas flores que teñen un esporón curvado e aguzado. Poden ser de cor
púrpura forte pero tamén é fácil que teñan unha cor rosada.
O mesmo sucede tamén coa campaíña patula (Campanula
patula), das campanuláceas -claro-, no que a cor das flores pode variar desde a
rosada clara á púrpura forte.
Tamén podemos engadir ao trevo rubio (trifolium pratense), unha leguminosa moi habitual nos nosos campos.
Para rematar falaremos das viboreiras, plantas moi abundantes das
que o seu nome científico empeza por Echium
e que pertencen ás boraxináceas. Son
habituais Echium vulgare, Echium plantagineum e Echium rosulatum, moi difíciles
de distinguir (polo menos para min) e a cor das flores pode oscilar desde a
azul clara á púrpura e morada forte.
No hay comentarios:
Publicar un comentario