Ademais do que hai a carón do Río Mercurín, en Ordes
hai outro roteiro sinalizado que se localiza no sur da parroquia de Buscás e o
norte da de Poulo.
A súa lonxitude é duns 7,1 km
de baixa dificultade que podemos facer nunha hora e media andando a bo ritmo
ou máis se tomamos as cousas con calma e paramos para poder observar os lugares
de interese.
O punto de partida é o patio do Local social
da parroquia de Buscás (antiga escola unitaria) que funciona tamén como campo
da festa. Alí podemos deixar o coche e consultar o panel informativo que nos
ilustra sobre o roteiro.
Antes de empezar podemos dar un curto paseo
e ver o cruceiro, a carón da casa
rural Dona María, e a moi
interesante igrexa románica de San Paio. Tamén podemos tomar un
refresco ou un café nalgún dos dous bares que hai na Rúa.
|
Saímos polo camiño que vai cara ao leste. Ás
veces, dependendo da estación, podemos atopar lama na zona máis baixa. Despois
de andar uns 680 metros
por unha zona de praderías chegamos a unha pista da parcelaría. Aquí collemos á
dereita (cara ao sur) e andamos uns 550 metros de suave descenso pola pista. Ao
chegar á encrucillada collemos de novo á dereita e seguimos por ese camiño uns 450 metros. Á nosa
dereita está o Muíño de Vilariño,
restaurado non hai moitos anos.
Ao atravesar o Rego das Penedas xa estamos na
parroquia de Poulo. Avanzamos uns 330 metros e neste punto (que é o máis baixo de
todo o roteiro -arredor de 270 m-) enlazamos co Camiño Inglés. Este sobe en
dirección SO uns 400
metros para logo dar un xiro de 90º e continuar
ascendendo en dirección SE outros 400 ata chegar a un tunel por debaixo da estrada AC-524
Ordes-Lanzá. Uns 150
metros despois atopamos a casa rural Antón Veiras.
Aquí é interesante saír fóra do roteiro e
pasar a ver o Albergue de peregrinos
(antiga reitoral) e a igrexa parroquial de San Xian que conta cunha espectacular cruz cumial de tempos
medievais.
|
Saímos do Camiño Inglés e continuamos cara ao
leste pouco menos de 600
metros polo lugar coñecido como Canteira de Morazos,
cheo hoxe de bosques de eucaliptos. Seguimos outros 600 metros a carón da
estrada (momento no que estamos na zona máis alta do roteiro -uns 355 m-) ata que vemos unha pista que vai para o norte. Cruzamos a estrada e,
despois de andar outros 600
metros, chegamos ás Pardiñas
(berce da familia Veiras). Logo duns 500 metros de descenso chegamos ao Rego das Penedas
e volvemos a entrar na parroquia de Buscás.
Continuamos cara o norte subindo uns 450 metros por outra
pista de concentración. Logo xiramos á esquerda (ao oeste) e todo recto
volveremos ao punto de partida
percorrendo uns 950
metros.
Obviamente podemos facer o roteiro en sentido
inverso e tamén, se nos apetece, podemos engadir outros 1.100 metros opcionais
se ao principio imos máis ao norte ata a estrada que vai dos Ramos ao
Carballedo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario