viernes, 11 de enero de 2019

A familia Castro (Recreo)

  Unha das familias do Recreo "de toda a vida" son os Castro, coñecidísimos porque a maioría estiveron relacionados coa mecánica, aínda que tiñan máis habilidades como o demostra o artístico adorno do panteón familiar creado por eles mesmos.


  Os Castro Castro (por partida dobre) foron varios irmáns, fillos do ferreiro Juan Castro, nacidos a finais do século XIX entre os que estaban Jesús (alcumado o Padre Benito), casado cunha moza da famila Faya -da Fábrica- e que foi mecánico dos autobuses "El Noroeste" e exitoso empresario de automoción en Santiago, José (Pachiro), zapateiro que viviu no Paraíso, Juanito, que emigrou a Oviedo, María (m.1965) que casou cun López polo que os seu fillos eran coñecidos como os da Lopas, e Carmen.
  Deles o que nos interesa agora é Manuel Castro Castro (m.1946) o Ferreiro, así que os seus fillos en vez de ser chamados Castro eran todos coñecidos como os do Ferreiro. Do seu matrimonio con María del Río Caramelo (m.1942) naceron 8 fillos: Manuel, Juan, María, José, Pedro, Antonio, Dolores e Jesús Castro del Río.

Manuel Manolucho do Ferreiro (m.1954) posuía un taller mecánico e unha casa contigua no Recreo. Do seu matrimonio con Jovita Suárez Rivas (1903-1996) tivo tres fillos. O maior, Manuel Suaricos (1924-1983), continuou no taller familiar, mentres o menor, Fernando, montou o "Gran Taller" na estrada que vai a Parada. 
Juan (1904-1982) emigrou a Uruguay pero volveu de visita algunha vez e cumpriu co tópico traendo un gran cochazo (aqueles que entón eran chamados "haigas").

María (1907-1987) casou con Manuel Calvo e non tiveron fillos, así que as súas propiedades, que incluían unha gran leira ao longo da Rúa Casabella (onde hoxe está a tenda de "Reyca" e outros edificios) pasaron á familia Calvo.

José (m.1972) casou con Dolores Ferreiro del Río (m.1979) -da familia dos Xanferreiros- coa que tivo 6 fillos. Instalou unha fábrica de "boliches" (gasosa) no sótano do que agora é o local da Caixa de Aforros de Alfonso Senra. Repartían os boliches Estrella e Evaristo de Xan Ferreiro, dous irmáns da súa muller. Ademais aproveitaba a camioneta para repartir calquera outro material -como pedra para construción-.
Pedro (1911-1995) tivo un taller ao lado do salón (o que hoxe é a rúa a carón do "Bar Saloon") onde aprenderon o oficio moitos mozos da vila como Florindo do Churrero, Juan do Porteiro ou Laureano de Ramas. Casou dúas veces: primeiro con Emilia, unha filla do poderoso construtor de obras públicas Pedro Pardo Fandiño, que morreu moi nova en 1938, e logo con Amelia Álvarez (1910-1995). Viviu en A. Senra 2. A filla que tivo con Emilia, Mª Josefa Castro Pardo, estudou e emigrou a Estados Unidos. Morreu en Orlando (Florida) en xuño de 2021.
Antonio Antón do Ferreiro (1912-1998) viviu na Rúa da Igrexa 9, enriba do seu taller mecánico. Logo, no mesmo lugar abriu o "Bar Sementes do Arte" -o nome foi suxerencia da súa filla Milagros que bailaba nese grupo- pero traspasouno ao pouco tempo. Do seu matrimonio con Maruja da Mandaya (1916-1998) tivo dous fillos cos mesmos apelidos que el, Manuel Antonio, o propietario de "Aluminios El Paraiso" e Milagros Castro del Río.

Dolores (1914-1986) casou con Manuel Villaronga con quen viviu en Alfonso Senra 51. O seu único fillo, Manuel Villaronga Castro, tivo nos anos 70-80 un concesionario de Renault en Alfonso Senra 22 e casou con Dolores Rivas, da coñecida familia dos Casabella (ver cadro ao final).

Jesús (1916-1950) que tamén era mecánico e que morreu moi novo aos 34 anos, casou con Carmen Ferreiro dos Ramechos con quen tivo 4 fillos: Mª Carmen, José Manuel Malelo, Jesús (1946-1985), máis coñecido como Codechas, que morreu aos 39 anos nun accidente laboral en León. e Lourditas que morreu sendo nena.

No hay comentarios:

Publicar un comentario