A década dos 80 foi especialmente dura no
ámbito meteorolóxico. Ademais do mítico Hortensia
en 1984, houbo dúas nevadas moi intensas (en xaneiro de 1983 e de 1987) e dous
grandes temporais de choiva, o máis forte en 1987 e outro algo máis débil (pero que afectou de xeito especial á
comarca de Ordes) en 1989.
Decembro de 1989 estaba a ser un mes chuvioso
pero nada fóra do común. Non obstante iso cambiaría o mércores día 20 despois
de moitas horas continuadas de intensas precipitacións.
No resto de Galicia as consecuencias do
temporal non chegaron aos niveis de dous anos atrás, pero en cambio na comarca
santiaguesa a situación foi peor.
O lugar máis afectado foi a vila de Noia, especialmente os barrios de San
Bernardo e Pedra Chan que tiveron que ser evacuados ao desbordarse o río Traba.
Equipos de voluntarios, policía municipal e Protección Civil, co alcalde Pastor
Alonso á fronte, evacuaron das casas illadas pola auga a persoas de avanzada
idade e nenos empregando lanchas de salvamento «zodiac», escaleiras, cordas e
outros utensilios, cando a riada baixaba a gran velocidade. Tamén o helicóptero
do Servizo Aéreo de Rescate tivo que intervir para trasladar a un hospital de
Santiago a unha muller que tivera un parto prematuro.
Na comarca de Santiago o desbordamento dos
ríos Tambre e Ulla obrigou á evacuación de decenas de veciños de Brión, Val do
Dubra, Tordoia e da localidade de Pontemaceira, entre os concellos de Ames e
Negreira onde uns 50 veciños tiveron que marchar das súas casas totalmente
asolagadas. En Santa Comba a auga desbordou varias pontes, pero non foi necesario
proceder a ningunha evacuación e a situación permaneceu controlada. Cortes de
luz, auga e de estradas comarcais e locais deixaron incomunicados varios
lugares da comarca -sobre todo os que enlazaban con Padrón e a zona de Negreira-.
As localidades máis próximas aos encoros mantivéronse alerta por posibles
avalanchas de auga. O encoro de Barrié da Maza, no Tambre, verteu
controladamente 700
metros cúbicos por segundo, mentres que o de Portodemouros
deixou de producir para facer de parapeto á auga do Ulla e evitar así unha
maior riada cara a Padrón.
En Santiago desbordáronse todos os ríos que
cruzan a cidade. Houbo inundacións en varias casas e baixos comerciais, así
como en dependencias de Renfe, de Telefónica e da Compañía de augas, o que
provocou deficiencias nos seus servizos. Renfe, tivo que suspender ese día o
tráfico cara á Coruña por mor de desprendementos na rede, acusando tamén a
incidencia do temporal as liñas con Vigo e Ourense. As deficiencias no servizo
de augas, coa inundación da depuradora e a falta de enerxía eléctrica, impediu
o funcionamento dos sistemas de bombeo polo que houbo restriccións no servizo
ata a fin de semana. Tamén a subministración eléctrica sufriu cortes pola caída
de árbores sobre as liñas. Houbo unha grave avaría na subestación de San
Caetano, o que deixou sen luz durante preto dunha hora ao cincuenta por cento de
Santiago. Os teléfonos tamén funcionaron mal, así como o aeroporto no que dous
avións non puideron aterrar aínda que se mantivo operativo a maior parte do
tempo.
A COMARCA DE ORDES
O concello de Ordes foi un dos que sufriu con
maior dureza os efectos do temporal. O mercado daquel mércores tivo que ser
suspendido ao vérse asolagadas as naves e os seus arredores como consecuencia
do desbordamento do río Mirón (como se lle chamaba naqueles tempos na prensa).
As augas mesmo penetraron no centro de saúde (o actual Museo do Traxe) onde
alcanzaron unha altura superior ao medio metro, e en varias casas máis da vila,
que ademais sufriu un corte na subministración eléctrica. No matadoiro a auga
subiu por encima do metro e medio de altura, e algúns porcos afogaron.
En Parada as vías do tren quedaron baixo a
auga do Lengüelle.
A forza das riadas atacou con enorme ímpeto
varias pontes que non só se viron desbordadas senón que quedaron destruídas. Foron
as da Ponte Quinín, na estrada de Ordes a Parada, a da beira da estación, a de
Barbeiros e a de San Paio de Buscás.
Na parroquia de Buscás precisamente aconteceu
a anécdota da xornada pois acudiu unha dotación do corpo de bombeiros coa
intención de evacuar a unha familia, pero esta opúxose e decidiu permanecer no
seu fogar sen atender a ningún tipo de razóns.
Tordoia foi o outro concello máis afectado. As
estradas provinciais e vías municipais quedaron cortadas e trece familias
tiveron que ser evacuadas. A auga alcanzou alturas de dous metros! nos lugares
de Cabaleiros e Pontepedra e varias reses pereceron afogadas. Os veciños lograron
minimizar os danos organizándose en cuadrillas de traballo para achicar a auga
valéndose de tractores e cisternas.
Deste xeito, pasado por auga, despedimos o ano 1989.
Deste xeito, pasado por auga, despedimos o ano 1989.
No hay comentarios:
Publicar un comentario