martes, 10 de diciembre de 2019

Jesús Tamayo García

  Jesús naceu en 1931 en Villafrechós, un pequeno concello de Valladolid. A súa nai, Rogelia García Piedrafita (1893-1973), unha moza desherdada debido a un casamento non querido polos seus pais, veu con el escapando da guerra en Castela.
  Instaláronse en Reboredo nunha pequena casiña onde vivían pobremente. Moitas veces os outros nenos oíanlle dicir a Rogelia:
- ¡Jesús, no vayas a la gayola!
  Deste nimio detalle quedoulle o seu alcume, o Ghallolo.

  Cando medrou, Jesús, que era case analfabeto, tivo que traballar como peón albanel na empresa de José García Varela. Casou cunha moza de Reboredo chamada Otilia Guillín Garabato (1920-2009), bastante maior ca el, coa que tivo un único fillo que herdou o nome e o alcume paterno.

  Jesús era un home bo e agradable que destacou por algunhas das súas afeccións.
  Por exemplo, cando era novo gustáballe moito a ximnasia, cousa que entón era bastante rara porque a maioría da xente xa facía exercicio dabondo por obrigación e logo, claro, buscaban un ocio descansado como xogar ás cartas na taberna. Ademais loxicamente en Ordes non había ximnasio de ningún tipo, entón el usaba un método por correspondencia chamado "Sanson-Institut". Entre iso e o duro traballo nas obras tiña nos brazos unha musculatura impresionante, que chamaba moito a atención.

  Pero quizais foi máis sorprendente outra afección: a súa desmesurada paixón polos enterros.
  No mundo rural o enterro é un acto social moi importante, unha confirmación do papel da familia do defunto na comunidade. Cando a morte é "no seu tempo" (non prematura nin desgrazada) o enterro convértese nunha reunión social comparable ao día da festa, pois nel hai reencontros que non se darán máis que de tarde en tarde. Non é por tanto raro que a xente o pase ben (dentro do razoable) nos enterros alleos.
  Pero o de Jesús era case obsesión: asistía a enterros moi lonxe da vila, sen apenas coñecer ao defunto. Non lle importaba andar quilómetros a pé con tal de estar no enterro.
  Cando se xubilou, o primeiro que fixo foi comprar unha pequena moto para ampliar o seu radio de acción e ir a enterros de xente que non coñecía en absoluto.
  Así que durante moitos anos era imposible acudir a un funeral en calquera lugar do concello (e aínda máis aló) e non ver a súa inconfundible figura con aquela cara bondadosa onde destacaban uns ollos dunha cor azul moi clara.

  Morreu o 26 de decembro de 2010 e ao seu enterro acudiron só uns poucos amigos e os veciños de Reboredo. A vida non sempre é xusta ... pero ao mellor neste caso si. A fin de contas, estaba a xente a quen lle importou de verdade.

No hay comentarios:

Publicar un comentario