lunes, 30 de diciembre de 2019

O temporal de 2019

  Hai escépticos -entre os que me conto- que pensan que sempre houbo temporais en Galicia e que isto de poñerlles nome, utilizar palabras como "río atmosférico" ou "cicloxénese explosiva" responde un pouco á necesidade de encher moitas horas de programación televisiva.
  Pero os expertos -que son os que saben disto- afirman que a frecuencia, a intensidade e os danos provocados por este tipo de borrascas están a aumentar. Igualmente as alternancias do tempo son cada vez máis bruscas cambiando as temperaturas ata 10º dun día para outro ou pasando de días secos a tremendos chuvieros en cuestión de horas (como sucedeu coa borrasca Ana en novembro de 2018).


  Desde a visita de Klaus (ano 2009) a lista de ciclóns explosivos é moi extensa. Os temporais máis fortes, especialmente no sur de Galicia, foron Dirk (Nadal de 2013), no que o vento chegou aos 190 km/h, e Kurt (febreiro de 2017), no que alcanzou os 150 Km/h en puntos de Pontevedra e ata 182 na montaña de Ourense. Pero para a comarca de Ordes o peor temporal desde Klaus foi o do 14 de novembro de 2019.


  Paradoxalmente non houbo avisos de alarma para a nosa zona nin suspensión de actividades ao aire libre. Nin sequera se publicitou o nome, que logo saberáise que era Cecilia. Así que a virulencia do temporal deixou a todos abraiados. Houbo uns ventos moi fortes -probablemente unha especie de tornado- que causou grandes danos nun corredor que ía desde Cerceda ata a parroquia de Barbeiros.
  En Cerceda o vento levou por diante, ademais de tellados de vivendas e pendellos, parte das estruturas e outros elementos de varias naves industriais do polígono. En Ordes os puntos con maiores danos foron Pepín (Mercurín), Lavandeira, A Senra, A Calle, O Piñeiro (Poulo), e O Pino (Barbeiros).
  Xunto cos tellados e os coches que se atopaban baixo estes cubertos, as outras prexudicadas foron as liñas eléctricas e telefónicas por mor das moitas árbores caídas. Só en Ordes uns 7.000 usuarios estiveron sen servizo eléctrico varias horas.


  A anécdota da xornada tivo lugar na Senra (Poulo), na casa de Rafael Gil Veiras, onde a forza do tornado tirou parte do tellado, do alpendre do coche, un hórreo, un muro e ... levou polo aire a caseta do can con el dentro. A caseta e o depósito de auga da casa apareceron a 200 metros pero do can non había nin rastro. Non volvería ata ás 3 da mañá cando o susto xa lle tiña pasado.

No hay comentarios:

Publicar un comentario