Despois da morte de Canalejas e a breve presidencia do Conde de Romanones chegou a
enésima crise de goberno. O rei Alfonso XIII entrevistouse co conservador Maura pero ese púxolle condicións
inaceptables, así que o que finalmente recibiu o encargo de formar goberno foi
o galego Eduardo Dato Iradier. Isto
supuxo a ruptura do Partido Conservador en dous grupos: os "mauristas" e os "datistas" ou "idóneos".
Dato convocou as eleccións en marzo de 1914 (antes do comezo da 1ª GM) e, por
suposto, gañou con máis do 50 % de deputados (193). Os liberais, tamén
divididos en dous grupos quedaron bastante lonxe. Os partidarios de Maura sacaron
22 deputados e a Lliga Regionalista
de Cambó 15.
Ordes non gozou das emocións electorais esta
vez. Foron máis entretidos os meses anteriores, cheos de rumores. En xaneiro
parecía que repetiría candidatura o liberal Joaquín Chapaprieta e que o goberno conservador apoiaría a súa vitoria
fronte a Jaime Quiroga e Pardo Bazán (fillo da famosa escritora), con gran
desencanto dos conservadores galegos. Alfredo Vicenti soaba para o distrito de Padrón. Finalmente houbo un cambio de
cromos e Chapaprieta presentouse en Noia, mentres Vicenti acabou en Ordes.
En
ambos os dous casos non se presentaron outros candidatos polo que foron nomeados
deputados sen necesidade de eleccións en virtude do polémico artigo 29 da Lei Electoral. Por certo
que Wais (o conservador que disputara
Ordes a Chapaprieta nas eleccións de 1910) tamén repetiu escano por Pontedeume
polo mesmo procedemento.
Quizais sexa máis interesante ver quen constituía
a cabeza do Partido Liberal no distrito de Ordes, ou sexa, os que mandaban.
Podémolo saber porque cando o deputado se achegaba pola vila recibía o que a
prensa denominaba "adhesión
incondicional y amistad entusiasta y decidida" (léase homenaxe e
diversas peticións) dos personaxes que o apoiaran.
En setembro de 2015 nunha das súas viaxes a
Ordes, Vicenti, foi agasallado xunto ao seu fillo, a Saturnino Aller (o presidente da Deputación e auténtico capo do distrito) e ao xornalista
Enrique Gómez Carrillo.
A recepción foi organizada polo alcalde de
Trazo Gumersindo Liñares, patriarca
da coñecida familia Liñares, acompañado dos seus fillos, Juan (fiscal municipal de Ordes ... sen ter título de avogado!) e Francisco (médico). Á cea asistiron o alcalde de
Mesía, Benigno Concheiro (patriarca,
á súa vez, da familia Concheiro), cos seus fillos: Antonio
(médico, pai do futuro alcalde), Pedro
(avogado, secretario do concello de Ordes e pai dos de
Carballo) e Ángel Concheiro Rodríguez
(secretario do Concello de Mesía e cuñado do mestre Alfonso Lesta).
Outras personalidades que acudiron foron os
avogados Domingo
Moar (futuro cacique á morte de Aller) e José
Iglesias Álvarez, os médicos Luis Rivas
e Ignacio Castro Iglesias (da rica familia
de Oroso propietaria do Pazo de Meimixe), o secretario municipal José Sánchez Somoza (do Pazo de Marzoa), o
administrador de correos Antonio Salvadores,
o xuíz municipal de Trazo Ricardo Viqueira (patriarca da familia do "Nogallás"),
o párroco de Cabaleiros Manuel Ruibal, o
alcalde de "Buján" -actual
Val do Dubra- José Gándara Porcero e,
finalmente, o rico propietario Manuel García Bermúdez (sogro de Pedro
Concheiro).
Oh casualidade! Xente cos mesmos apelidos
seguiría mandando no concello 50 anos despois.
No hay comentarios:
Publicar un comentario