Alfonso Lesta naceu en Visantoña (Mesía) o 15 de agosto de 1907 no seo dunha familia entregada totalmente ao ensino.
O seu pai, José Mª Lesta Gómez, era mestre en Visantoña e a súa nai, María Cernadas Naveira, era mestra en
Olas. Tiveron nove fillos, dos que a maioría tamén se dedicaron á docencia. Un deles, Benjamín (1893-1960), foi sacerdote en Santo Tomé de Salto (Oza dos Ríos). Outro, José
María (1900-1979), foi perito agrícola e xuíz municipal en Mesía. Estrella casou con Ángel Concheiro Rodríguez, irmán menor do médico e o avogado que dominaron Ordes a principios de século.
Sabemos que polo menos cinco irmáns, dúas mulleres (Mª Asunción e
María) e tres homes (Ezequiel Agustín, Antonio e Alfonso) foron mestres.
Asunción foi mestra na Rúa de Buscás e
Antonio estivo en Ardemil pero morreu moi novo, no ano 1935, aos 29 anos.
De Alfonso sabemos que era moi relixioso e en
1935 era membro da "Venerable Orden
Tercera" de San Francisco.
En 1936,
o ano da guerra, era mestre na escola do Casal.
Os outros mestres que había en Ordes aquel ano eran Nicolás del Río, Manuel González Faya, Juana Soto Menlle Doña Juanita e Concepción Moar Vázquez Doña Conchita.
No Casal botou máis de tres décadas, mentres
vivía no Recreo. Nos últimos anos compartiu a escola con Belia Fernández Fuentes, irmá do párroco. Ela daba clase ás nenas
no piso mentres el atendía aos rapaces no baixo.
Cando se suprimiu a escola a finais dos 60, aínda
deu clase na vila ata a súa xubilación. Morreu no ano 1978, aos 70 anos de idade, e está soterrado no cemiterio de Visantoña.
Alfonso Lesta foi un home serio e discreto,
un bo profesional que educou a varias xeracións de nenos. O Concello honrouno
poñendo o seu nome á rúa que desemboca no Campo da Feira polo suroeste.
No hay comentarios:
Publicar un comentario