viernes, 15 de diciembre de 2017

As oblatas parroquiais

  As oblatas eran un imposto de orixe medieval que se pagaba en especie como compensación polo gasto que tiña a parroquia en pan, viño, ornamentos ...
  A finais do século XIX e principios do XX convertéronse noutra das frontes de batalla na eterna loita entre esquerda e dereita. Avogados progresistas e periódicos como La Voz de Galicia ou Tierra Gallega promoveron unha campaña contra o pago das oblatas aducindo que na súa orixe eran algo voluntario e non obrigatorio.

  Así, comezou a haber preitos entre fregueses e os seus párrocos por este motivo. Ao final a sentenza sempre dependía da ideoloxía do xuíz e, aínda que a maioría deles estaban a favor do "status quo", había algúns poucos de ideas máis progresistas que podían fallar en contra da obrigatoriedade das oblatas.
  Estas sentenzas eran tan celebradas na prensa progresista, como atacadas pola máis conservadora e clericalista como El Correo de Galicia.
  Así pasou na Estrada en 1912 onde o xuíz Jesús Rodríguez Marquina nun preito "de maior contía" promovido por un gran número de fregueses contra o seu párroco deu a estes a razón. Pero pouco dura a alegría na casa do "probe", porque o resultado foi apelado polo sacerdote á Audiencia Territorial da Coruña que revogou dita sentenza.

  Ordes tamén se significou na cuestión. No noso distrito, concretamente no concello de "Buján" (actual Val do Dubra) produciuse un litixio en 1913 entre 20 veciños comandados por Cosme Rial -que non tiña segundo apelido- e o párroco das parroquias de Vilariño e Portomeiro, don Antolín Martínez Criado.
  Tras o traslado a principios do ano do xuíz Policarpo Fernández Costas (que tiña un criterio favorable ás oblatas) chegou un novo xuíz castelán de ideas progresistas: Guillermo Peinador Vega.
  Así que el foi quen ditaminou nesta causa o 12 de novembro de 1913 e a súa sentenza a favor dos demandantes causou gran balbordo. Para curarse en saúde xustificouna cuns longos e enrevesados fundamentos ("considerandos"). Como era de esperar, isto produciu un gran alborozo en Tierra Gallega que publicou a sentenza e os considerandos. E como tamén era de esperar, produciu equivalente malestar na prensa clerical que se burlou dos quilométricos considerandos e dos xuíces progresistas: "Los jueces adversos a las oblatas igualan ya en número a la celebérrima y popularísima orquesta de Bruno, compuesta de dos filas de a uno".

  O asunto acabou na Audiencia Territorial da Coruña que en agosto de 1915 rematou co tema revogando a sentenza e condenando aos fregueses a pagar as oblatas.
  Para os moi interesados, as oblatas que pagaban os fregueses de don Antolín ao chegar setembro eran un ferrado de trigo (16 litros e 15 cl) e unha ducia de ovos cada matrimonio, cantidades que se reducían á metade no caso das viúvas (medio ferrado de trigo e media ducia de ovos) e a media ducia de ovos no caso das mulleres solteiras.
   Curiosamente parece que nalgunhas parroquias de Galicia segue habendo oblatas na actualidade, aínda que agora xa non se pagan en especie senón en euros (roldan os 30). Os fregueses non estaban moi contentos pero preferían ter o cura a ben: "Se non pagas, igual che pon o funeral a unha hora intempestiva (terrible ameaza na Galicia rural!)" .

  Por certo que o xuíz de 1ª instancia Guillermo Peinador tivo outra actuación soada aquel ano 1913: pediulles aos avogados e procuradores que xustificasen estar ao corrente no pago da contribución industrial, pero estes consideraron esa petición "depresiva" para a súa dignidade, así que montaron en cólera e en folga, amolando duramente aos litigantes (quedarse sen poder pleitear naquela época, debía ser como quedar agora sen móbil). Tivo que intervir o presidente da Audiencia para arranxar a insólita situación.
  En 1914 Peinador trasladouse a Carballo onde non lle foi mal pois casou e chegou a ser alcalde.

No hay comentarios:

Publicar un comentario