miércoles, 11 de julio de 2018

A familia Viqueira (Trazo)

  Dentro do sector da restauración e hostalería en Ordes algúns dos negocios máis importantes tiveron como común denominador a presenza de membros da familia Viqueira.
  Procedentes de Berreo (Trazo) onde estaba a casa familiar, os Viqueira descendían do matrimonio formado por Ricardo Viqueira Regueiro (1876-1954) e a súa muller Jesusa Veiras Pérez (1887-1965). Ricardo Viqueira foi un home importante no concello de Trazo: rico propietario e principal impulsor da construción da ponte das Telleiras sobre o río Lengüelle. Tamén ocupou o cargo de xuíz municipal na época de Gumersindo Liñares e chegou a ser alcalde na década dos 30 e 40. En 1903 casou con Jesusa, da rica familia dos Veiras de Pardiñas, pois era filla de José Veiras Camba e de Josefa Pérez Souto (irmá do riquísimo Pedro Pérez Souto, patriarca dos Peres de Barbeiros).
  Desde 1904 a 1930 o matrimonio tivo 11 fillos, dos que máis da metade establecéronse en Ordes mentres os outros repartíronse entre Oroso e Trazo.

  A segunda filla, Mª Josefa (1906-1980), casou con Manuel Cancelada Villaverde (1889-1974) co que viviu no Paraíso. Non tiveron descendencia e as súas propiedades quedaron para a familia Nogallás.
  O terceiro, José Antonio (1908-1997), tivo 9 fillos. O quinto deles, Toribio Viqueira Otero, veu a Ordes para traballar no bar do seu tío e padriño Juanito e rematou por instalar no Recreo (entón José Antonio) unha coñecida fábrica de gasosa.

  María (1910-1984), a cuarta, casou con Rafael Moar Lata (1905-1979), un mozo procedente da Margarida (Buscás) que lle comprou a casa a Rita, a tía avoa de Juanjo Liñares e alí puxo unha taberna. Coñecido nos últimos anos polo alcume Tierra Tiembla, foi o pai do moi coñecido empresario hostaleiro Antonio Moar Viqueira, quen en 1974 montou a famosa sala de festas "Órdenes 2000".


  Mercedes (1915-2003), a sexta, casou con Ricardo Martínez Barros (1905-1975), un mozo de Vilacoba (Abegondo) que coñeceu nas festas da vila. No 1934 puxeron unha taberna con ultramarinos na que fora casa do alcalde García Rivas (e antes de Saturnino Aller). Grazas ao seu traballo e situación privilexiada o negocio foi vento en popa. O nome do local, Nogallás -que se convertería no alcume de Ricardo- procede do lugar de Nogalláns en Berreo. Tamén tiveron logo unha zapatería en Alfonso Senra 123 (no que hoxe é a pastelería).
  O matrimonio tivo 3 fillos: Lourdes, Josefa e Ricardo, que morreu sendo neno aos 6 anos (1951). Sendo xa maior Ricardo Martínez sufriu unha enfermidade mental e morreu aos 70 anos. Mercedes morrería case tres décadas despois atropelada ao cruzar a rúa
  Lourdes casou con José Franco Prego Corrubedo (1936-2021), un mariñeiro da zona do Barbanza co que tivo 8 fillos. Esta familia herdou o bar e a pastelería. Os fillos, cando eran novos, compaxinaban os estudos co traballo no local. Na actualidade o fillo menor, José Luis, é o que leva o negocio.
  Josefa (1934-2020) casou con Manuel Loureda Couceiro (1933-2019), un mozo de San Tirso de Mabegondo, fillo do propietario dunha sala de festas e irmán de José Luis Loureda -que comprou o bar da familia Liñares-.
  Josefa e Manuel tiveron 3 fillos: Ricardo (1960-1979), Manuel e Mercedes Loureda Martínez Chusca (1966-1885). O infortunio cebouse con esta rama da familia que quedou co restaurante e o hotel: o fillo maior e a menor morreron en diferentes accidentes de tráfico en Curtis e Santiago con 6 anos de diferencia. Manuel, o irmán sobrevivente, levou o peso do exitoso negocio pero enfermou e trasladouse a vivir a Levante, terra da súa muller, Estela Hernández Alcacer.

  Adolfina (1922-1975), a 9ª dos irmáns, casou con Evaristo Pampín Boquete, herdeiro dunha familia da aldea de Castenda en Parada, alcumados Os Burraxeiros por ter na época gran cantidade de bestas. Tiveron 8 fillos (seis mulleres e dous homes). Morreu aos 53 anos en Vigo por unha neglixencia médica.
  Unha das súas fillas, Lourdes, casou con Alberto Rama (da familia dos Albertes do Casal), máis coñecido como Alberto o barbeiro, xogador do Club de Fútbol de Ordes e barbeiro desde os 14 anos ata a súa xubilación en 2015. A súa peluquería estaba ao lado do que era Mobles Mouriño. Tiveron dúas fillas: Anxos e Rosa Rama.


 Juan Viqueira Veiras, o célebre Juanito (1925-2003), era o 10º irmán. Montou en Ordes o "Bar Juanito" en Alfonso Senra 125, local que pertencía ao seu sogro, Manuel Otero, e ao cuñado deste, Jóse Rodríguez Iglesias Carril do Bidueiro. Foi un dos locales punteiros da vila con 4 décadas de éxito. Como dicía o seu anuncio: "¡La alegría del pueblo la hallará aquí!". Por exemplo, foi o primeiro que tivo TV en color. Pechou a principios dos 90 por falta de relevo pois no tivo fillos no seu matrimonio con Carmen Otero Rodríguez, irmá de don Manuel Otero, o coñecido cura de Buscás.

  Finalmente a filla menor, Elvira (1930-1997), casou co garda municipal Alfonso Noya Bermúdez Cachorro (1921-1989) co que tivo unha filla, Victoria.

No hay comentarios:

Publicar un comentario