martes, 10 de noviembre de 2026

Paseo por Pereira e Montaos

  Hoxe vou propoñer un paseo polas parroquias de Pereira e Montaos. Este roteiro conta con tres tramos moi fermosos e tamén con tres importantes monumentos.
 
 
  Desde Ordes tomamos a N-550 cara a Santiago e, ao chegar ao Bar Orense, xiramos á esquerda e conducimos ata divisar a igrexa de Santa Eulalia, diante da que podemos aparcar sen problemas. Parece unha templo rural máis como tantos outros, pero estamos vendo o que probablemente sexa o máis antigo do concello pois aparece xa mencionado nun documento do século IX como "sancta Eulalia ad Peraria maja". Os contrafortes típicos da arte rómanica non os atopamos en ninhunha outra igrexa próxima.
  Comezamos o paseo indo cara ao sur. Como estamos nun lugar alto temos unha vista excelente e á nosa dereita vemos ao lonxe as casas de Guindibón bordeando a N-550. Chegamos ao Ludiño de Arriba que ten unha extensa granxa con moitas vacas e varios silos. Á dereita collemos cara ao Ludiño de Abaixo que conta con tres ou catro chalés bastante bonitos. Despois da última casa, vella e en mal estado, remata o asfalto  e comeza un tramo descendente de corredoira.
 
 
  Chegamos ao rego de Ponte Ribeira. É unha zona moi húmida, ás veces con lama e onde podemos ver grandes exemplares de fieito macho. Ao pasar a ponte xa estamos na parroquia de Montaos. Case inmediatamente hai unha bifurcación e collemos pola dereita. Volvemos a baixar e vemos unha paisaxe de prados. A angosta corredoira ascende e xa estamos na Albariña.
  Queis é o que se denomina unha aldea polinuclear. A Albariña sería o lugar de Queis que está máis ao nordés. Ten bonitas casas, restauradas con bo gusto. Despois de botarlles unha ollada seguimos cara á esquerda e saímos do lugar. Pasamos ao lado dun campo ao que as pequenas flores dos rábanos silvestres danlle unha pálida cor amarela e chegamos á estrada que vai a Santa Cruz.
  Aquí collemos á dereita cara a Santa Cruz que está ao oeste, pero apenas andamos 200 metros, saímos dela en dirección sur. Estamos agora na Porta dos Condes, unha pista que leva ao Piñeiro, o núcleo máis meridional de Queis. Hai varias casas, algunhas pequenas moi agradables e outras en estado de semi-abandono. No "xardín" dunha delas podemos ver unha paulonia e un ciprés xaponés.
  Despois duns 350 metros atopamos á esquerda unha corredoira e deixamos a estrada que nos levaría ao Piñeiro. Curiosamente hai unha plantación de piñeiros novos, árbore que agora xa non é tan fácil de atopar como no século pasado. Volvemos a estar nunha zona alta e podemos ver ao lonxe as terras de Pereira onde iniciamos o paseo. Pouco despois achamos un camiño que vai cara á esquerda. Se o seguimos iriamos dar ao castro de Carrás, pero continuamos e chegamos a unha encrucillada onde podemos ver as lastras do Camiño Inglés. Estamos no límite coa parroquia orosá de Deixebre.
 

  Agora imos facer o Camiño Inglés en sentido inverso e comezamos co tramo máis bonito: a corredoira que nos leva aos Carrás. Completamente rodeada de arboredo, é un lugar tan húmido que hai moreas de brións e fieitos. Destacan os fieitos bravos e os fieitos dos valos pero tamén hai unha zona con máis dun cento de couselos. E ao ser outono tamén hai moitos cogomelos.
  Chegamos aos Carrás, lugar no que debían parar os carros para refrescarse (hai un rego moi preto) e descansar un pouco antes da tremenda subida. Hai dúas casas moi ben restauradas dignas de botarlle unha ollada.
  Pasado o rego seguimos polo medio dos bosques. O chan está cheo de landras e as beiras con moitos cogomelos aquí e acolá. Vemos lastras nas encrucilladas con outros camiños e modernos marcos de granito. Entre o que sinala os 25,421 km e 25,583 hai outro tramo moi bonito, parecido ao dos Carrás pero menos espectacular e moito máis curto.
  No marco dos 26,092 km deixamos a corredoira e collemos unha pista. Non é ningunha mellora. Ao contrario: está totalmente estragada e hai zonas onde costa esquivar as pedras.
  Pouco despois esta pista desemboca nunha estrada máis decente. A uns 450 metros á dereita podemos ver as casas do Mendo, un lugar pequeno e non moi destacable.
 

  En dirección contraria imos cara ao norte e apenas a 200 metros vemos outro dos monumentos máis antigos do concello: a ponte medieval. Costa divisala a carón da estrada, e aínda por riba agora está en mal estado á espera de restauración e cunhas cintas que prohiben o paso por ela.
  Se estamos cansos e queremos acurtar o paseo seguimos pola estrada, pero eu aconsello torcer á dereita e seguir no Camiño Inglés porque aínda que a subida aos Carabelos é dura, volve a ser un tramo moi bonito. Bordeamos o lugar e seguimos cara o norte uns 500 metros e xa chegamos á estrada no lugar chamado Casanova.
  Aquí deixamos o Camiño Inglés, collemos á esquerda e pouco despois xa estamos no campo de baile e patio da antiga escola unitaria (hoxe local social da parroquia). Aquí divisamos o 3º monumento do roteiro: o cruceiro de Pereira, moi notable. Podemos aproveitar que hai varios bancos para descansar, meditar, contemplar a paisaxe ou revisar as fotos.
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario