Entre a documentación que conserva a familia Mosquera dos seus antergos hai varias
escrituras de finais do século XVIII, entre elas un foro outorgado na cidade da
Coruña e con data de 28 de setembro de 1793,
do que imos coñecer algúns interesantes detalles.
O FORISTA (a persoa que
outorgaba o foro) era don Antonio María Osorio y España, un nobre veciño
da cidade da Coruña, fillo de José Micael Osorio y Ribadeneiyra e Mª Vicenta
Antonia de España Luna Mera y Ulloa (nada menos!). Entre os títulos que figuran
no documento están: señor de Castroverde, Pena Pozos, Couso e Maceda, Torre de
Parada* e outros. Este nobre, como sucesor do seu avó Antonio Vicente de España
y Luna, era "llevador y
pseedor" dun lugar e casa en Vilaverde, na aparroquia de Santa María
de Ordes, que pertencía á xurisdición de Folgoso (faltaban catro décadas para
que se crearan os concellos constitucionais). Non obstante o "dominio
directo" do lugar e de toda a xurisdición era do Conde de Altamira (entón
don Vicente Joaquín Osorio de Moscoso y
Guzmán).
O FOREIRO (a persoa que recibía o foro)
era don Francisco
del Río García, fillo de Rosendo del Río (Buscás 1708-1777) e
Antonia García (Poulo ou Buscás 1719-1802). Francisco tiña certa posición pois
era presbítero e capelán numerario dos Correos Marítimos da cidade e porto da
Coruña. Tiña varios irmáns: Josefa,
Rosendo, María, Benito e Agustín del Río García. Como Francisco residía na
Coruña o colono sería Domingo Carballido (1730-1809) casado con
Dominga Villaverde (1732-1795) e pai dun dos seus cuñados.
A RENDA eran 22 ferrados de trigo anuais,
6 para o Conde de Altamira e os outros 16 para don Antonio Mª Osorio, todos na
medida do país e libres de mala semente. Estes 16 ferrados serían pagados na casa e torre
de "Zercedo", ou sexa no lugar de Cercedo na parroquia de Pereira.
A DURACIÓN
do foro serían "las vidas y voces de
tres señores Reyes que junto con el Rey y señor actual Don Carlos quarto (que
Dios guarde), vivan y reinen en esta corona y Monarquía de España, hasta ser
fenecidos y acabados".
|
Algunhas frases do documento:
"Ninguna
persona le ynquiete ni perturbe, pena de treinta ducados" [...]
"casa
terreña en que biben Domingo y Gregorio Carballido por la que le hize andar y
pasear, abrir y cerrar sus puertas, y della le entregué en sus manos tierra,
barro, madera y ¿...?, y habiendo pasado a la era de majar fruto..
|
As escrituras describen unha casa
"arruinada de paredes y de techo" no lugar de "Villaverde de
Arriba", cos seus arrimos, cunha horta polo leste "cerrada sobre
si" pola que discorre o rego que conduce as augas da Fonte Ignacia. Todas
as construcións estaban na mesma situación que na actualidade, pero tendo sido
reconstruída a casa da familia Mosquera varias veces desde esa data.
Noutra escritura datada en 1795 don Francisco
del Río solicitou "aprehensión judicial" (xa pactada no foro de 1793)
dos devanditos bens. Foille concedida o 20 de maio de 1795 por don Antonio Fernández, xuíz ordinario da xurisdición
de Folgoso. Un ano despois, en 1796, don Francisco transmitiu os seus dereitos á
súa irmá Josefa del Río García e ao seu marido Gregorio Carballido.
Gregorio Carballido Villaverde, nacido en
Vilaverde sobre o ano 1753 e marido de Josefa, falecería no lugar de Mañufe
(Mercurín) asasinado polos soldados franceses o 12 de xuño de 1809. O
matrimonio tivo 5 fillos, sendo o maior Antonio Carballido del Río
(1788-1859) que casou con Úrsula Liñares García Urcela
(1788-1853), procedente de Santa María de Arcai, coa que tería polo menos 10
fillos: os Carballido Liñares.
Ángela Agustina Carballido Liñares casaría con Antonio Mosquera Bermúdez (1815-1883) procedente da Pedreira (Leira), que sería o patriarca dos Mosqueiras de Vilaverde.
FONTE:
Julio Lino Mosquera
|
*
A "Torre de Parada" estaba a carón do lugar no que agora está a Casa Grande, polo que probablemente
todo o lugar pertencía a don Antonio Mª Osorio. Esa torre foi vendida a
Couselo e reedificada.
|


No hay comentarios:
Publicar un comentario