Un dos oficios máis importantes na comunidade
era o de ferreiro*. O seu lugar de
traballo era a forxa,
normalmente unha caseta cunha porta e dúas xanelas.
Nela estaba a fragua ou fornalla (a sección do lume),
separada por unha pedra do barquín, un fol grande que producía a corrente de
aire para avivar o lume por medio da toeira
e da cana que eran os tubos de saída
do aire. Empregábase carbón de pedra ou de madeira (en Ordes era habitual o
carbón de uz) para facer o lume.
A zafra era o elemento principal. Era a base sobre
a que se colocaba e se golpeaba o ferro candente. O mestre ferreiro manexaba un
martelo pequeno e o axudante un máis grande. Cando era un sitio importante había dous mozos e así eran tres os que
batían o ferro. O mestre marcaba co martelo pequeno e os axudantes mallaban a brazo
aberto. Xeralmente apenas lles falaba e só daba indicacións co tintín do
martelo no corno da zafra.
Feita a peza, se era de corte como unha fouce
ou unha macheta, había que amornala, meténdoa nunha pía grande chea de auga. Para coller a peza había que usar tenaces, das que
había diversos tipos.
Outros elementos que nunca faltaban eran unha
moa grande posta nun veo e dous paus arrimados á parede para afíar as
ferramentas despois de crabuñalas
(darlles golpes no fío para poñelo máis fino). Por suposto que tamén había
tornos, limas, moldes e outras pezas variadas...
Alí facíanse as múltiples ferramentas que
usaban os campesiños: sachos e sachas, eixadas, legóns, picañas, sachas de dous
gallos, fouces, fouciños e gabillos, gadañas, cardeñas, angazos, machetas,
dentes da grade, rellas para o arado, medias lúas para os carros, ferraduras
para cabalos, asnos, bestas e reses. Tamén
aldabas, gonzos, ferrollos, picaportes, gramalleiras, reixas, balcóns,
cancelas, portais, fallebas, caravillas, ferrollos, candados para os muíños,
fechos de martabela ...
Ás veces os ferreiros tamén facían de ferradores e mesmo de latoeiros.
En Ordes houbo moitos ferreiros, entre eles Manuel Castro, o patriarca dos Castros
do Recreo aos que chamaban os Ferreiros
(aínda que curiosamente a maioría foron mecánicos).
Pero os máis coñecidos foron tres
membros da familia Regos, dous fillos e un xenro do vello ferreiro do Casal, Bernardo Regos Ríos. José Regos
Regos (1901-1969) foi o ferreiro do Balado. Do seu matrimonio con
Manuela Regos Recouso tivo 5 fillos que eran Regos por partida dobre. O seu
irmán Francisco
Regos Regos (1904-1983) foi o ferreiro do Casal, igual que o pai. Con María Candal
Veiras tivo unha ducia de fillos. O terceiro foi o seu cuñado Manuel Regos
Rodríguez (1901-1970), ferreiro do Recreo a carón da casa dos Ramechos, casado con Josefa Regos,
que por suposto tamén tivo catro fillos Regos por partida dobre (a árbore
xenealóxica desta familia é un auténtico pesadelo).
*O
oficio orixinou un dos apelidos máis habituais no mundo e primeiro no idioma inglés: Smith
(ata catro millóns de portadores!). tamén é bastante corrente o alemán Schmied. Na península Ibérica
temos Herrero, Herrera, Ferrer, Ferreiro, Ferreira...
|
No hay comentarios:
Publicar un comentario