A parroquia das Encrobas foi a máis poboada
de toda a comarca durante o século XIX. No século XX viuse superada por Ordes,
pero seguiu sendo un lugar con gran cantidade de xente. Quizais por iso, tamén
o número de conflitos, pelexas e crimes foi bastante alto.
En 1933
converteuse en escenario da morte de Domingo Campos e en 1946 foi o sangue de Manuel Loureiro a que mollou a súa terra.
Sucedeu o 10 de xuño cando regresaba da romaría da Peregrina o campesiño Manuel Loureiro
Candal, de 34 anos, casado con María Seoane Gacio e natural da
parroquia. No camiño atopouse co seu
cuñado Andrés
Seoane Gacio, mozo solteiro de 29 anos, con quen estaba en tirantes
relacións.
Non houbo moitas palabras ao parecer, antes
de que Andrés lle disparase un tiro no ventre. Manuel, atravesado pola bala,
caeu ao chan bañado en sangue. Nun automóbil foi trasladado á Coruña, á Casa de
Socorro do hospital, onde se lle practicou unha laboriosa cura de urxencia.
O xulgado de Instrución Nº 2 puido tomarlle
declaración antes de que ocupase unha cama no hospital. Pero aínda que resistiu
unhas horas, a ferida era mortal de necesidade e Manuel morreu no hospital.
Mentres tanto, Andrés, ben aconsellado polos
seus familiares, presentouse no Xulgado de garda da Coruña e declarouse
culpable do crime.
O xuízo tivo lugar case un ano despois, en abril de 1947. O tribunal estivo
presidido por D. Manuel de Navasqués e o avogado defensor foi José María
Bejarano Ortiz de Rozas.
O fiscal acusou a Andrés de homicidio e
tenencia ilícita de arma de fogo, aínda que recoñeceu a atenuante de que se
entregou voluntariamente, e pediu para el 13 anos de reclusión menor polo
homicidio e outros 3 pola posesión da arma, máis a obrigación de indemnizar aos
herdeiros de Manuel con 25.000 pesetas.
A defensa destacou os supostos malos tratos
dos que Manuel facía vítima á nai de Andrés e ao temor que lle ocasionaba,
xustificando a agresión como réplica -e defensa- da que lle fixera Manuel.
Ademais resaltou que se non se aceptaba a lexítima defensa, si se aceptase
exceso na defensa e as atenuantes de arrebato e obcecación e arrepentimento
espontáneo.
Desfilaron diante do tribunal 21 testemuñas,
entre eles a nai e irmáns do procesado.
Non
teño información do veredicto pero supoño que foi bastante favorable.
Andrés Seoane seguiría logo vivindo nas
Encrobas e casou cunha muller que xa tiña tres fillos e coa que el tería outro
máis. Morreu en 1999.
No hay comentarios:
Publicar un comentario