domingo, 17 de julio de 2022

Festas en 1942

 
  1942, como de costume, estivo cheo de festas. Velaquí algunhas das que temos noticia pola prensa da época.

  O día 30 de maio, festividade de San Fernando (patrón do Frente de Juventudes), acudiron a misa os profesores de Ordes xunto cos seus alumnos que comulgaron prometendo "ser buenos defensores de nuestra querida patria y de su religión".
  O 31 remataron os cultos na honra da Inmaculada Concepción cunha misa ás 8 da mañá onde participaron as Fillas de María. Ás 12 tivo lugar a misa solemne oficiada por don José Barreiro Uzal. Pola tarde as nenas ofrendaron ramos de flores e poemas á Virxe. A organización correu a cargo das Fillas de María en combinación coa Xunta de Acción Católica, dirixida, como non, polo párroco don Ramón Mosteiro Ferro.
 
  O xoves 4 de xuño celebrouse o Corpus en Buscás e o domingo 7 en Ordes. Na vila o funcionista foi Manuel Rodríguez Vázquez, veciño de Merelle. A misa solemne ía contar co capuchino Padre Enrique María de Cevico, pero finalmente non puido acudir polo que tivo que disertar o párroco don Ramón Mosteiro. Cantou a misa don José Barreiro Uzal, asistido dos párrocos de Poulo, don José Mª Barreiro García, e de Parada, don Jesús Sánchez Verdeal. A procesión fixo o seu percorrido habitual portando a sagrada forma don José Barreiro Uzal baixo palio conducido por seis "prestixiosos" veciños: o avogado Juan Amigo, o mestre don Nicolás, o transportista Rogelio Prado Carnota, o carpinteiro José Iglesias Brandariz José da Calzada, o farmacéutico Rafael Álvarez Salgueiro e Pedro Concheiro García*. Na capela de Lourdes foi cantado un motete con acompañamento de armonio polo barítono santiagués Antonio García Giménez. Pola tarde houbo festa na Alameda amenizada pola Banda de Senra. O funcionista do ano seguinte sería Manuel Cancelada.
 
  En Montaos, despois do San Antón en Guindibóo, celebrouse o domingo 5 de xullo a festividade da Virxe do Carme. A ela acudiron, levados por un autobús, os nenos da vila que asistían á cataquese dominical acompañados polo párroco don Ramón Mosteiro e as señoras e mozas que a impartían. Alí estiveron na misa solemne e participaron na procesión onde se cantou diante do cruceiro a Salve pedindo pola paz no mundo. A continuación comeron de campo e volveron pola tarde, non sabemos se antes ou despois da romería.
  En Parada, parroquia da que era sacerdote don Jesús Sánchez Verdeal (1905-1959), tamén se celebrou o Carme e o día 18 a patroa Santa Mariña.
 
 As festas patronais duraron ese ano 1942 catro días, de 14 a 17 de agosto. Foron amenizadas pola Banda de San Mamede dos Anxos dirixida por Ramón Blanco Mañá* e unha orquestra. A Comisión estaba composta polos mozos Laureano Iglesias del Río, Amadeo Patiño Blanco, Antonio del Río Pampín e Antonio del Río Rial co seguinte programa:
Venres 14: Repenique xeral de campás e bombas de palenque ás 12 do mediodía. Ás 7 da tarde entrada da banda tocando alegres melodías. de 11 a 1 da noite verbena con iluminación á veneciana.
Sábado 15: Ás 8 da mañá dianas e alboradas. Ás 12 misa solemne cantada e procesión presidida polas autoridades. De 1 a 2 paseo de moda amenizado pola banda. Ás 5 da tarde carreiras pedestres con tres premios en metálico. De 7 a 10 bailes e de 11 a 1 da noite verbena na alameda profusamente iluminada.
Domingo 16: Mesmo programa do día anterior pero cambiando as carreiras por un partido de fútbol entre o Órdenes FC e un "famoso" conxunto forasteiro.
Luns 17: Repetición de bailes e fin de festa.
  Ese mes de agosto, o día 28, tamén se celebrou en Buscás o San Agostiño, festa preparada polo sacerdote don Manuel Martínez Iglesias. Houbo misa solemne e na procesión cantouse o Salve diante do cruceiro pedindo que chovera pois aquel tamén foi un verán de sequía.
 
  En setembro volveron as festas da Santa Cruz en Montaos que duraron tres días, do 13 ao 15. Logo, o día 19, empezou unha Santa Misión predicada por dous monxes capuchinos. En Barbeiros, parroquia rexentada por don Jesús Freiré Furelos, celebrouse o día 16 a Santa Eufemia con misa solemne, procesión e festa campestre amenizada por unha "afinada" banda de música. En Leira xa empezaron o día 15 con repenique xeral de campás ás 12 e bombas de palenque, máis solemnes vésperas ás 7 da tarde. O día 16 a banda e as gaitas do país anunciaron a festa con misas desde as 7 da mañá ás 11, hora en que tivo lugar a misa maior con acompañamento de orquestra e a intervención de don José Pérez Rajoán, profesor do Seminario de Santiago e irmán do párroco de Leira. Logo foi o turno da procesión e, pola tarde, o baile campestre.
 
* Ramón Blanco Mañá (1912-1992): Mozo de Calvente, fillo de Gregorio Blanco e irmán de Mª Josefa, casada en 1927 con Manuel Mirás Gómez, taberneiro e tratante de gando establecido no Recreo. Ramón tamén fora director da Banda da Garabanxa. Casou con Babila Veiras García e tivo dous fillos: Concepción e Ramón.
Pedro Concheiro García (1915-1962): 9º fillo de Pedro Concheiro Rodríguez e Juana García Mouriño. Morreu novo con só 46 anos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario