Nacido en 1914 na parroquia de Santaia de
Gorgullos (Tordoia), José Seoane non foi o primeiro compoñedor da súa familia
(nin o último) pero si o máis famoso no século XX.
Comezou moi pronto, arredor de 1925 (cando
tiña 11 anos) o seu labor curativo e así seguiu durante máis de medio século
ata practicamente a súa morte.
Ao contrario que outros menciñeiros que tamén
se dedicaban ás faenas do campo ou a outros traballos, José Seoane tivo
dedicación exclusiva: era o seu traballo e a súa paixón.
José puxo no mapa a parroquia de Gorgullos, a
onde se achegaban diariamente ducias de persoas para ser atendidas das súas dores
e que pagaban a "voluntá" pois non había tarifa fixa. El aseguraba
que o promedio diario era duns 100 pacientes. Estaba orgulloso de que entre
estes houbera algúns médicos especializados en doenzas óseas.
Tamén viña á feira de Ordes e atendía na casa
Mirás.
A súa fama foi tanta que ata unha prima do
Caudillo acudiu á súa consulta. Quedou tan contenta dos resultados que se
mostrou moi xenerosa e ademais fíxolle propaganda. Isto valeulle para que
durante algún tempo lle chamaran "O curandeiro dos Franco" e para que
a súa fama traspasara os límites da comarca (ata apareceu no xornal madrileño
ABC).
Casou con Antonia Fraga Raña (1914-1982) coa
que tivo 7 fillos: Carmen, Valentina, Jesusa, María José, José María, Andrea e
Estrella.
Morreu o 3 de novembro de 1983, ano e medio
despois da súa muller, con 69 anos de idade.
A súa filla maior, Carmen Seoane Fraga (n.1943),
sen más formación que a que lle transmitiu o seu pai, continuou a tradición
familiar, comezando as curacións antes de cumprir 10 anos, a principios dos 50.
A rutina de Carmen é simple: examina o lugar
lastimado e, cando o paciente está distraído, mete as xemas dos seus dedos no
tendón ferido e nun segundo proclama: "Xa está!", di os días de
recuperación e pide ao seguinte que pase.
A aglomeración é grande os fins de semana pois
as innumerables ligas de fútbol e fútbol sala proveen dunha multitude de xoves
pacientes acompañados normalmente dos seus pais, á súa vez antigos clientes.
"A min xa me traía o meu pai en tractor hai 40 anos" comenta un,
chegado de Carballo co seu fillo. Algúns fanse ver antes por un médico, pero
outros veñen directamente.
Carmen asegura que non hai maxia, só
coñecemento. "Non tratamos roturas nin facemos milagres. Ao que ten algo
roto derivámolo ao médico".
Os 20 euros por consulta permitíronlle
acumular un bo patrimonio.
O oficio saltou unha xeración: Antonia Regueiro
Seoane, a filla de Carmen e do seu marido Jesús Regueiro Padín, non se dedicou
a el, pero si a filla desta, Patricia Lamas Regueiro (n.1983) que vive en
Vilagudín. Patricia empezou aos 14 anos, a finais dos 90. Recorda perfectamente
o seu primeiro paciente, un adolescente como ela. "A miña avoa propúxome
arranxarlle o nocello. Guioume, fíxeno ben e para min foi o máis do máis. Agora
traballo nisto e moita xente sorpréndese ao verme porque esperaban a alguén de
máis idade".
Pero a tradición mestúrase co moderno:
Patricia xa está dada de alta na Seguridade Social como autónoma e masaxista
profesional.
Ela é a última (polo momento) da saga dos
compoñedores de Tordoia.
FONTES: "ABC" e "El País"
No hay comentarios:
Publicar un comentario